Exposición de Xosé Cobas no Kiosko Alfonso da Coruña, ata o 12 de febreiro de 2017 |
Xosé Cobas |
Xosé Cobas é unha das figuras máis importantes no mundo da ilustración gráfica do
Estado. Desde o 15 de decembro e ata o 12 de febreiro de 2017 presenta, no Kiosco Alfonso da Coruña, unha exposición na que se pode ver boa parte da súa obra gráfica, na que se
observa a progresión realizada polo artista nos últimos trinta anos, desde os
debuxos iniciais con textos infantís -luminosos e coloristas- ata os traballos
máis complexos dos seus últimos libros, como os de “Cadros
dunha exposición” (Kalandraka).
Cobas
naceu en Logrosa-Negreira (1953) hai pouco máis de sesenta anos. Aquel neno da
aldea, atento e observador, que miraba o mundo darredor con enorme curiosidade
mentres aprendía a pintar cos lápices de colores, sempre tivo capacidade para a
observación e habilidade para o debuxo; deseguida amosou unha decidida vocación
artística. Soubo, desde moi cedo, que a súa vida ía estar relacionada co mundo
da imaxe e da pintura.
Ilustración do libro "Cadros dunha exposición" |
Despois
de pasar pola Escola de Artes de Santiago iníciase no mundo da pintura. Comeza
a ilustrar de maneira profesional no ano 1988 e desde 1991 é deseñador gráfico
da Deputación da Coruña. A súa fonda implicación coa ilustración comeza por
azar, como tantas cousas na vida. Coñeceu, en 1989, ao seu gran amigo Xabier
Docampo que lle propuxo ilustrar un libro seu (“A nena de auga e o príncipe de lume”). Aí comezou un camiño compartido que os levou a publicar
moitos libros xuntos, ata chegar ao marabilloso “Libro das viaxes imaxinarias” (Xerais, 2008) onde escritor e
ilustrador fan unha exhibición de auténtica mestría. A colaboración continúa e
aínda dará, con certeza, moitos froitos.
Ilustración do "Libro das viaxes imaxinarias" |
Na
actualidade Xosé Cobas é un ilustrador de referencia no panorama nacional. É
recoñecido pola profesión e polo mundo editorial. Ten ilustrado centos de
libros cos máis importantes escritores e
editoriais da nosa contorna, e no seu traballo como deseñador gráfico na
Deputación da Coruña ten feito de todo: carteis, almanaques, marcapáxinas,
portadas. Toda esa obra, que agora se pode ver na exposición, ten xa un selo de
identidade, pois Cobas foi construíndo un estilo propio, creou un mundo
persoal, sutil e delicado, por veces onírico e surrealista, que o fai
recoñecible a pesar da evolución experimentada ao longo dos anos. Cobas
ten unha existencia tranquila e ordenada. Despois do traballo matinal na
imprenta da Diputación dedica as tardes e as noites á ilustración na súa casa
de Cambre. Esta exposición é unha excelente mostra de tantos anos (tantisimas
horas) de traballo, inspiración e talento. Estamos ante un artista consciente
que traballa con rigor e intelixencia, e que conta cunha sensibilidade propia,
unha mirada orixinal sobre o mundo, e unha gran perseveranza.
Deseño preliminar do cartel Raiña Lupa |
Ten
feito numerosas exposicións individuais e colectivas; viaxou polo mundo por
motivos relacionados coa súa obra; recibiu numerosos premios na súa terra e no
extranxeiro; o noso pintor agora non da feito, non é quen de dar resposta ás
numerosas propostas de escritores e editoriais que reclaman a súa colaboración.
Mais, con todo iso, aínda ten ánimo e creatividade para iniciar outros camiños.
Está agora entusiasmado cun traballo propio: un libro sen texto, só con
ilustracións, no que pretende facer unha reflexión poética sobre a luz e o
tempo. Na exposición hai algúns cadros dese proxecto tan inusual. A luz e as
sombras debuxan espazos cheos de misterio e suxestión: cada cadro é, en sí
mesmo, un relato. Recórdanme esas pinturas de Edward Hooper, con interiores en penumbra e persoas solitarias (aínda que aquí Cobas prescinde tamén da
figura humana). Pois niso anda o noso autor, tentando capturar a luz. Como
dicía o citado Hooper, “o meu desexo é pintar a luz do sol na parede dunha
casa”. Pois iso.
Non deixedes de ver a exposición.
Non deixedes de ver a exposición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario