martes, 23 de agosto de 2016

O porvir de Galicia


En Galicia Confidencial
En Praza Pública
En Nueva Tribuna


Galicia está nunha encrucillada. Na próxima consulta electoral xógase o seu futuro. Podemos continuar pola senda trazada nos últimos anos polo goberno do PP, que nos levou a ser un país máis vello e máis pobre, ou tentar recuperar a confianza en nós mesmos e alimentar a ilusión de construir un futuro mellor para os nosos sucesores. O porvir de Galicia está nas nosas mans.

As políticas impostas por Núñez Feijóo levan camiño de converter a Galicia nunha xeografía desolada. A poboación decrece e a mocidade fuxe na procura dun futuro lonxe da terra (aquí máis do 50 por cento está sen emprego). A mal chamada “austeridade” foi aplicada como un castigo sobre a clase traballadora e as capas máis desfavorecidas da sociedade. A reducción de gasto público e a restricción da protección social e dos servizos públicos -sanidade, educacion-, provocou moita dor na xente, mais non conseguiu reducir a débeda, senon todo o contrario. Despois de oito anos de goberno de Núñez Feijóo somos un país máis pobre e tamén máis endebedado. Non é un gran xestor, como adoita presumir. Pero ten un mérito, xa que cumpriu á perfección a misión que tiña encomendada: poñer a Administración e os fondos públicos ao servizo das  corporacións financeiras e das empresas afíns. Eles saberán recompensar o seu labor.

 
Luís Villares

Despois de que o lehendakari sinalase o día das eleccións autonómicas (en Euskadi e tamén en Galicia), para finais de setembro, ábrese unha nova porta á esperanza. Desde o poder e os medios de comunicación cómplices (Voz de Galicia, TVG…) tentan debuxar a imaxe dunha oposición desnortada, enfrontada e débil. Mais o certo é que -coas dificultades propias dun proceso tan apresurado como este-,  tanto o PsdG como En Marea presentan dous excelentes candidatos que, a pouco que as organizacións traballen e a sociedade se mobilice, terán unha opción seria para desaloxar do poder ao PP. Os dous teñen claro que non disputan entre sí . Saben ben cal é o enimigo principal e que o obxectivo é conseguir o sorpasso sobre o Partido Popular.


Xaquín F. Leiceaga
Luís Villares e Xaquín F. Leiceaga son dous homes de ben, dúas persoas prestixiosas, serias e solventes, cunha notable traxectoria profesional, que agora dan un paso adiante para tentar virar o rumbo deste país desde o goberno da Xunta. Non vai ser doado, pero teñen a formación e o compromiso necesarios para afrontar o empeño. Teñen tamén un talante conciliador, favorable ao diálogo, que lles permitirá procurar acordos e puntos de encontro en beneficio da maioría social.

Porque o que Galicia precisa con urxencia é recuperar a autoestima e a ilusión colectiva. E hai que desaloxar do goberno a esta facción que ocupou o poder, nos últimos oito anos, cunha finalidade ben definida: poñer a Xunta ao servizo do capital e facilitar a realización de negocios a expensas do diñeiro público. Núñez Feijóo, o home que andaba en malas compañías, poderá ir para Madrid (cidada que visita con asiduidade para buscar proxección política) ou viaxar a Salvador de Bahía (dixo nunha ocasión que ese será o seu destino cando se retire). Pois alí terá moito sol e outras cousas que lle permitirán ter un gozoso retiro.

Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado
Núñez Feijóo con directivos de Caixanova e Caixa Galicia en 2010


2 comentarios:

  1. De acuerdo Pablo, con el corazón y con la cabeza. Dos buenos candidatos a los que hay que apoyar. No importa quien quede primero, lo importante es que sumen. Con ellos estaremos los que llevamos años trabajando y soñando en Galicia. A pesar de los gobiernos del PP.

    ResponderEliminar
  2. É bo lembrar todo o que fixo o goberno do PP en Galicia. Non parece que fose bondadoso coa sanidade nin a educación.
    Xa no seu día foi simbólica a entrega, por parte de D. Alberto, dunha maleta, como agasallo, aos premios extraordinarios de licenciatura. Símbolo dunha triste realidade na que moitos mozos brillantes tiveron que usar esa ou outra maleta para irse ao estranxeiro. A realidade do PP.
    Neste blog denunciouse amplamente e con abundante documentación o que supuxo o goberno do PP para o sistema sanitario público galego.
    Nesta curiosa democracia, somos oídos unha vez cada varios anos, co noso voto (exceptuando as eleccións xerais co triste espectáculo dos candidatos electos). En setembro teremos unha ocasión de expresar o que queremos
    Despois das urnas, sabendo o que sabemos antes, para ben ou para mal segundo a interpretación de cada un, teremos en Galicia o que como colectivo merecemos.

    ResponderEliminar