En Praza Pública
En Nueva Tribuna

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), asinante
da denuncia, leva máis de tres décadas de compromiso e traballo en defensa da
sanidade galega. Niste intre ten que afrontar os gastos de representación
xurídica mencionados, por un importe de 6.300 euros, dos que faltan por abonar
4.100. Por esa razón solicita a colaboración de todas as persoas comprometidas
coa sanidade pública para continuar con este batalla xurídica que ten o obxectivo de rescatar o hospital
privatizado, coa colaboración da cidadanía, que pode contribuir cunha
aportación económica segundo as posibilidades de cadaquén.
O HAC ten que ser rescatado para dominio público e cómpre recuperar todos
aqueles espazos e servizos que foron suprimidos pola concesionaria. De non ser
así a sanidade en Vigo e comarca quedará hipotecada e “secuestrada” durante
moitos anos. A toma de decisións estará en mans da concesionaria e dos
directivos de Povisa. A Administración estará totalmente condicionada pola concesión
e o concerto singular. É necesario mudar esta situación o antes posible, e
tamén é preciso mellorar a Atención Primaria e dar unha utilización sanitaria
aos edificios abandonados do Xeral, Anexos e Meixoeiro. Lembremos que a
dotación sanitaria de Vigo e comarca actualmente é moi insuficiente.
A AGDSP
presentou a denuncia ante a Comisión Europea fundamentándose basicamente en tres feitos:
-A
utilización da figura legal de Concesión de Obra Pública en lugar da de
Colaboración Público Privada, que é a que correspondería, pola entidade e o
volume da construción do Hospital. O que perseguía o actual goberno galego foi
evitar a fiscalización da Lei de Contratos do Estado que obriga a elaborar e
presentar un informe (preceptivo) ante o Ministerio de Facenda que xustificase
a necesidade de utilizar o financiamento privado en lugar do público para
acometer a obra. O resultado de recorrer ao sector privado foi un incremento do
custo total do hospital de 450 a 1.400 millóns de euros.
-Os severos recortes
introducidos no contrato (Proxecto Funcional) entre a Concesionaria e o Sergas
para abaratar os custos supoñen unha modificación do contrato, ao que aspiraban
outras empresas con ofertas que foron descartadas, o que beneficia á
Concesionaria, á que ademais non lle reduciron o canon, a pagar pola
Administración durante vinte anos.
-O risco de
financiamento, que por contrato debía correr a cargo da Concesionaria, foi
cuberto en gran parte polo Sergas cun crédito do Banco europeo de Investimentos
(que non presta a empresas privadas) o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o
FROB. Esta manobra supón unha clara vulneración da lexislación da UE sobre
contratos Públicos Privados e pode entenderse como unha trama deseñada para
ocultar o endebedamento público. O endebedamento polo pago do hospital non se
considera público se o risco de financiamento corre a cargo da empresa privada,
pero a realidade é que foi asumido pola propia Administración pública.
