Prólogo do libro “A
comercialización da saúde”, editado por Laiovento (2016)
Marciano Sánchez-Bayle
Desde hai anos Galicia e Valencia convertéronse no banco de
probas das políticas neoliberais do PP, que introduciron nestas Comunidades
Autónomas (CCAA) as principais novidades na privatización dos servizos
sanitarios que máis tarde tentaron estender ao resto do Estado.
O primeiro paso foi a constitución da Fundación do Hospital
de Verín en 1995, cando Romay Beccaría era o conselleiro de Sanidade e Núñez
Feijoo a súa man dereita, pois ocupaba a secretaría xeral da Consellería. Este
modelo estendérono a outros tres hospitais comarcais de Galicia en breve tempo
e o propio Romay tentou estendelo ao resto do Estado cando foi nomeado Ministro
de Sanidade en 1996. Implantaron o modelo das fundacións sanitarias en
Baleares, Madrid e A Rioxa, onde aínda perviven. Outro paso importante no
camiño privatizador foi a creación de Medtec, en 1996, constituída como unha
sociedade anónima de capital público que pretendía xestionar con criterios
mercantís a alta tecnoloxía da CCAA. Posteriormente (2008) foi reconvertida:
pasou a chamarse Galaria e ampliou os seus cometidos ao asumir tamén funcións de
consultora técnica, provisión de equipamentos de alta tecnoloxía e apoio
loxístico.
Desde entonces ampliaron de forma notable a política
privatizadora, chegando a abarcar practicamente todos os aspectos que teñen
algunha relación coa atención sanitaria: provisión, xestión, planificación,
tecnoloxía, formación, informática, etc. Non vou detallar todos estes aspectos
que están reflectidos nas páxinas do libro “A comercialización da saúde”.
Todo este impulso privatizador ven rematar co esperpento do
novo hospital de Vigo que, se vale de algo, sirve de exemplo práctico dos
desastrosos resultados da política privatizadora, que provoca máis custes, máis
demoras, unhas instalacións lamentables e un desastre asistencial.
Comecei por relatar o realmente malo no que se refire á
Sanidade pública en Galicia. Pero creo que o bo é moito máis destacable porque
en Galicia tense fraguado un amplísimo movemento social e profesional en
defensa da Sanidade pública e contra das privatizacións que ten amosado unha
grande capacidade mobilizadora con éxitos moi notables.
Coido que paga a pena deterse a examinar o que se ten feito.
En primeiro lugar logrouse articular unha alianza permanente de organizacións
sociais, profesionais, sindicais, políticas, concellos, etc., dunha composición
variable en cada sitio concreto, en torno á defensa da Sanidade. As plataformas
en defensa da Sanidade Pública estiveron inicialmente focalizadas en problemas
moi concretos (loita contra das fundacións e Medtec), mais posteriormente
estendéronse por toda Galicia e tomaron o nome de SOS Sanidade Pública, que acolle a máis de vinte plataformas que
cobren todo o territorio de que son un exemplo de como é posible articular un
acordo de maioría social, sen sectarismos, respectando a pluralidade das
organizacións políticas, sociais e sindicais arredor de cuestións concretas e
que son fundamentais para a vida social.
A segunda cuestión que me interesa destacar ten que ver co
traballo de fondo, a elaboración de análises
en profundidade da situación sanitaria e de propostas concretas para
afrontar os problemas da sanidade. Podemos citar o traballo “Revisan 2000: Informe acerca dos recursos
sanitarios da Área de Vigo”, a proposta presentada pola plataforma de Vigo
e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) respecto ao
novo hospital de Vigo, elaborada xa no ano 2001 e que, por desgraza, foi
desatendida pola Xunta de Núñez Feijoo cos perversos resultados que hoxe
coñecemos.
Neste aspecto tamén convén resaltar as publicacións
científicas analizando a situación que están recollidas en Salud 2000, en Cadernos de
Atención Primaria e que mesmo tiveron repercusión internacional como na
publicación no Journal of Public Health
Policy en 2001. A AGDSP fixo as únicas avaliacións independentes realizadas
sobre o funcionamento das fundacións (publicadas por Gaceta Sanitaria ou Fundación
Alternativas). Tamén podemos destacar a publicación de varios libros como “A saúde como negocio” (2012) que tivo
continuidade en castelán con “La salud como negocio” (2014) e agora
segue con “A comercialización da saúde” (2016). Tamén podemos destacar a
participación de autores galegos noutros libros como “La contrarreforma sanitaria” e “La
Sanidad no se vende”. En fin, que o labor de divulgación, de análises e de
propostas viñeron da man co labor organizativo e de mobilización social e
profesional.
En terceiro lugar quero destacar a gran capacidade mobilizadora en defensa da Sanidade pública
demostrada polas plataformas. Desgraciadamente este aspecto non se ve
reflectido nos medios de comunicación de fóra de Galicia. A última gran
demostración de forza foi a masiva manifestación celebrada en Vigo o tres de
setembro de 2015 na que decenas de miles de persoas expresaron o rexeitamento
unánime da política privatizadora e cómplice (coas tramas das construtoras e
financeiras) levada a cabo pola Xunta de Galicia. Pero non foi esta sola: nos
últimos vintecinco anos téñense realizado decenas de mobilizacións por toda
Galicia, demostrando unha enorme perseveranza e unha gran capacidade para administrar
os tempos, o que é un elemento importante da razón do seu éxito.
Unha cuarta cuestión que me interesa resaltar é a capacidade de
traballo demostrada e a habilidade para utilizar todos os medios posibles neste
labor de concienciación e mobilización. Podemos citar como exemplo a
tramitación de iniciativas lexislativas populares ou a presentación dun recurso
ante a Unión Europea sobre as irregularidades na concesión do novo hospital de
Vigo.
Quero facer unha lectura positiva do acontecido nas últimas
décadas. Por iso deixo constancia de que todo este labor ten dado algúns
froitos, ademais de ter logrado que cidadáns e profesionais apoien de maneira
maioritaria a Sanidade pública e rexeiten as privatizacións. Tamén conseguimos que as fundacións sanitarias fosen
rescatadas e reintegradas á rede do Sergas, e logramos paralizar, polo momento,
a implantación das Unidades de Xestión Clínica (UXC) nos hospitais públicos.
Houbo outros moitos logros de rango menor que, de todos xeitos, son moi
importantes pois representan melloras concretas non funcionamento dos servizos
sanitarios.
Pero o importante é reverter esta tendencia e blindar o sistema sanitario público como un servizo esencial para a cidadanía. Para iso é imprescindible cambiar o goberno, expulsando aos que son os responsables do seu deterioro e privatización. Os cidadáns galegos teñen unha oportunidade nos próximos meses, na convocatoria electoral que se vai celebrar. Pero non debemos conformarnos con iso, pois é precisa unha constante labor de concienciación e presión da cidadanía e dos profesionais para garantir unha aposta efectiva dos gobernos a favor da Sanidade Pública.
Pero o importante é reverter esta tendencia e blindar o sistema sanitario público como un servizo esencial para a cidadanía. Para iso é imprescindible cambiar o goberno, expulsando aos que son os responsables do seu deterioro e privatización. Os cidadáns galegos teñen unha oportunidade nos próximos meses, na convocatoria electoral que se vai celebrar. Pero non debemos conformarnos con iso, pois é precisa unha constante labor de concienciación e presión da cidadanía e dos profesionais para garantir unha aposta efectiva dos gobernos a favor da Sanidade Pública.
Este libro analiza con detalle a situación a que se chegou co
desastre do novo hospital de Vigo e sitúa este relato no contexto galego,
estatal e internacional. Os seus autores son persoas con gran compromiso social
e recoñecidos coñecementos e experiencia sobre o tema. Tamén aportan e propoñen
alternativas para dar saída á problemática creada con este proxecto cheo de
irregularidades. É un libro excelente que nos incita a todos a seguir loitando
e traballando polo dereito á saúde e
para que os intereses do 99% da poboación prevalezan sobre os das
multinacionais, dos especuladores financeiros e das numerosas tramas que
queren facer negocio e lucrarse de forma indecente a expensas dos orzamentos
públicos e mesmo poñendo en risco a continuidade do actual sistema sanitario. A
súa lectura e as recomendacións que recolle poden ser proveitosas para a nosa
saúde e a de todos, mais tamén para a saúde democrática da sociedade na que
vivimos.
Marciano Sánchez-Bayle,
pediatra e fundador da “Federacion de Asociaciones para la Defensa de la
Sanidad Pública” (FADSP).
Madrid, marzo de 2016.
Pablo Vaamonde, Hixinio Beiras, Marciano Sánchez-Bayle, Manuel Martín |
No hay comentarios:
Publicar un comentario