martes, 5 de mayo de 2015

A nosa Sanidade Pública


Galicia Hoxe
Nueva Tribuna



A atención sanitaria, tal como hoxe a coñecemos, ten unha curta vida. Pouco máis de tres décadas. A extensa rede de hospitais e centros de saúde que cobren toda a xeografía fíxose nun tempo moi recente. Recordemos que a guerra civil deixou a este país sumido na miseria máis absoluta, baixo a opresión do dictador e co medo e a pobreza esmagando á maioría da poboación. Non se visitaba ao médico salvo en casos de extrema gravidade. 

Durante a II República xa se crearon diversos seguros para protexer a saúde dos traballadores. Pero, tralo final da contenda, non é ata 1944 cando se implanta o Seguro Obligatorio de Enfermidade (SOE), dirixido a protexer aos traballadores económicamente débiles. Tiveron que pasar corenta anos máis para que se aprobase a Lei Xeral de Sanidade (LXS), promovida polo ministro Ernest Lluch, que senta as bases do actual modelo sanitario de España. Seguiu o esquema do National Heltth Service (NHS), -que xa en 1948 propuxo unha asistencia preventiva e curativa “para todo cidadán sen excepción”-; ademais do Reino Unido, os países nórdicos e outros europeos estableceron sistemas sanitarios baseados no financiamento público, acceso universal e unha oferta de servizos sanitarios con independencia dos ingresos, da posición social ou lugar de residencia (J. Benach). 

En España este proceso foi máis tardío. Na LXS establécese a universalizacion do dereito á atención sanitaria, cun modelo baseado na prevención e a promoción da saúde, que integra os servizos sanitarios e que ten unha provisión maioritaria e hexemónicamente pública (Sánchez-Bayle). Esta lei garante o dereito dos cidadáns á atención sanitaria e configúrase un Sistema Nacional de Saúde (SNS) como elemento integrador e coordinador dos servizos sanitarios transferidos ás Comunidades Autónomas (CCAA). 

Ademais da LXS foron importantes para o bo desenvolvemento do sistema outros feitos. Para conseguir uns hospitais con elevado nivel de calidade foi decisiva a creación, nos anos setenta, do sistema MIR (Médicos Internos e Residentes) para a formación postgraduada, o que dotou aos nosos hospitais de especialistas altamente cualificados que, á súa vez, formaron a outros compañeiros. Para o desenvolvemento do nivel de Atención Primaria (AP) foron momentos crave a creación da especialidade de Medicina de Familia (1978), e o Decreto de Estruturas Básicas de Saúde (1984) que favoreceu a construción de numerosos centros de saúde para acoller o traballo de equipos multidisciplinares que integraron as actividades curativas coas de promoción e prevención. 

O dereito á atención sanitaria foi unha das conquistas sociais máis importantes da segunda metade do século XX, un ben público equiparable ao dereito ao voto, a educación ou ter unha pensión (J.Benach). Este dereito está garantido polo SNS. Pero este SNS non é perfecto. A súa deficiencia máis notable é o escaso financiamento. Vicenç Navarro recorda (no libro La salud como negocio) que a Transición non foi tan modélica: “os herdeiros da ditadura controlaban os aparellos do Estado e os medios de comunicación, mentres que as forzas democráticas acababan de saír da clandestinidad”. O dominio das forzas conservadoras fixo que o Estado fose moi pouco redistributivo: “España é o país que ten un dos gastos públicos sociais per capita (incluíndo o sanitario) máis baixos da UE-15 (o grupo de países da UE de semellante nivel de desenvolvemento) así como un Estado moi pouco redistributivo”. 

A insuficiencia financeira, que arrastra o SNS desde o seu nacemento, débese, sobre todo, ao déficit recaudatorio do Estado. España non é un país pobre: o diñeiro existe pero o Estado non o recauda. As clases podentes teñen un gran poder e non contribúen a financiar o Estado do benestar na mesma proporción que as súas homólogos da UE-15. Aí é onde está o problema, segundo sinala en profesor Navarro: “as rendas do capital, que supoñen a maioría das rendas das clases máis podentes do país, aportan ao Estado moito menos que as rendas do traballo”. 


Pese a que a porcentaxe de PIB dedicado á saúde é dos máis baixos da contorna, os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo. O SNS constitúe un elemento crave para a cohesión social. O SNS xerou bos resultados no estado de saúde da poboación, na cobertura sanitaria, na calidade e seguridade das prestaciones e na satisfaccción dos usuarios. Os cidadáns españois dispoñen, aínda hoxe, dun SNS con boa relación custo-calidade, e é un sector crave do Estado de benestar, así como un elemento estratéxico da economía, de alto valor engadido e xerador de emprego. É necesario defendelo ante o ataque depredador da dereita gobernante, empeñada en subtraer un dereito aos cidadáns para converter a sanidade nun espazo de negocio.

(Este texto forma parte do libro “La Sanidad no se vende”, Editorial Akal Foca, 2015).



No hay comentarios:

Publicar un comentario