NO DÍA DA GALEGUIDADE EMPRESARIAL
Señores deputados e demais
autoridades presentes: Bos días a todas e a todos.
Síntome moi honrado de poder tomar a
palabra neste lugar, onde está
representado o meu pobo, e poder dirixirme a vostedes na nosa fala. Cando era
neno -e me reprendían por falar en
galego- nunca soñei que poderia chegar tal día como hoxe. Pois xa non é un
soño: un cidadán corrente pode falar na sua língua diante do Parlamento do seu
país.

Moito temos avanzado, pero ainda queda moito
camiño por diante.
Falar galego xa non é
un delito nin é -como era antes en certos médios-, motivo de ridículo. Nas
últimas décadas o avance do galego, na regulación normativa e no recoñecemento
social, foi certamente moi importante. O idioma
-que é o elemento cultural mais importante do
país-, sigue vivo na sociedade e na vida cotiá. O compromiso e o traballo de
moitas persoas permitiu que sobrevivise a tempos difíciles. Tamén cómpre
destacar o labor político desenvolvido polos deputados actuais -e por cantos os
precederon nesta tarefa-,
na defensa da
nosa língua. Polo tanto, quero expresar publicamente a miña gratitude aos
diputados aqui presentes e a cantos pasaron por esta cámara, e que traballaron
para que esto sexa unha realidade.
Tamén aproveito a ocasión, (aínda que non sexa
o motivo desta xuntanza), para manifestar o meu desacordo coa demonización dos
políticos e da política. Porque non é certo que todos os políticos sexan
corruptos. A corrupción está na sociedade e chega ao exercicio da política igual
que a outros ámbitos. E terá que ser a política a que procure sanear e
rexenerar a vida pública, do mesmo xeito que é a vontade política a que pode garantir a pervivencia e potenciación do
noso idioma.
Porque a nosa língua, ainda que perde
implantación social, (segundo os últimos informes), nunca estivo tan ben. Hai
anos falar galego era proprio de paletos ou de roxos separatistas. Hoxe
convertiuse nun signo de calidade e de cultura. Falar galego é moderno, falar
galego é de persoas cultas e mesmo pode ser rendible. Falar galego identifícanos co país e concédenos visibilidade propia. É
un signo de distinción. As campañas publicitarias mais exitosas fixéronxe
en galego, cada día son mais as empresas galegas –e de fora- que utilizan o noso
idioma para comunicarse cos consumidores e cos seus propios traballadores.
Quero decir que estamos chegando á conclusión de que o galego non é un idioma
de confrontación nin de polémica: é
simplemente a nosa língua que nos permite comunicarnos entre nós e co resto do
mundo.
Temos que ser
optimistas, ainda que ás veces temos a sensacion de que
alguns gobernantes non teñen a implicación necesaria para potenciar e protexer
o idioma. E tamén hai sectores que entenden que o galego non é válido para
o mundo do traballo, para os negocios e para a actividade empresarial. Eu
considero que é todo o contrario: o galego é unha inmensa oportunidade para
sermos mais considerados neste mundo globalizado.

A miña empresa forma parte desa “clase media”
que nin é grande nin pequena, nin rica nin pobre, pero que -con moitas outras
de semellante factura-, contribúe a vertebrar o entramado económico máis
importante do país. Xeneramos emprego e pagamos impostos. Estamos instalados na
legalidade, porque a nosa dimensión
tampouco permitiría prácticas marxinais fora da lei. Pero estas empresas somos
decisivas para a riqueza colectiva. Sentímonos identificados co país e temos o
maior interese por potenciar as nosas señas de identidade para seguir medrando
e poder concurrir a mercados externos cos nosos produtos.
Hai quen non o comprende, hai moitos que non
son conscientes de que na diferenciación
está o futuro. Actualmente, a calidade dos productos dase por suposta. É
tal o nivel de esixencia que, sen acadar eses mínimos, non se pode estar no
mercado. Mais cómpre diferenciarse entre a multitude e para eso a nosa identificación co país e co idioma
propio pode servir para resaltar a nosa visibilidade. Mais tamén debemos
decir que utilizar o galego no contorno empresarial ten uns sobrecustes que
deben ser compartidos pola sociedade no seu conxunto. Da parcela política
depende que se elaboren normativas que permitan facer eses custes máis
asumibles. Non se trata de pedir esmola, senon de actuar con xustiza e facer
inversións estratéxicas favorables para o país, para o noso idioma e para o
tecido empresarial.
Na sociedade actual, cos avances tecnolóxicos
que dispoñemos, a producción de bens ou servizos é relativamente doada. O
difícil é atopar mercados. Galicia ten importantes materias primas, dispón de
tecnoloxía e ten empresas que realizan o seu labor de forma competente. Temos
que convencer aos mercados para que merquen os nosos produtos: nesa tarefa o
galego pode axudar para facernos diferentes.
Sabemos que no mercado interno o
galego ten gran aceptación. Hai un crecente sentido de país que está moito por
enriba do reflectido politicamente no
parlamento e que cómpre potenciar e aproveitar. Non hai motivo para non etiquetar e facer
publicidade na nosa lingua. Nos mercados externos cada vez valórase máis
coñecer a orixe dos produtos e debemos destacar as nosas señas de identidade. En
definitiva, non temos ningun motivo para non utilizar a nosa língua con normalidade.
Só temos que observar como as empresas
estranxeiras, mesmo as grandes multinacionais que operan en Galicia, utilizan
cada vez máis o galego. Non o fan por patriotismo: entenden que o uso do galego
lles é rendible.

Antes de rematar quero agradecer ao Foro
Enrique Peinador e á presidencia do Parlamento por ter organizado este
magnifico encontro. Tamén quero agradecer aos meus colegas empresarios que
decidiran adicar um día enteiro á nosa língua. Espero que este sexa un punto de
inflexión para fortalecer o noso compromiso co idioma, para convencernos de que a nosa língua pode ser a mellor
ferramenta para decirlle ao mundo enteiro que
somos bós, que temos bós produtos e que facemos as cousas ben. Falando en
galego, por suposto.
Moitas grazas a todas e a todos.
Xosé Turnes Paredes (Empresa Progando).
(Discurso pronunciado polo meu amigo Xosé Turnes o pasado día 22 de outubro, no Parlamento de Galicia, na celebración do Día da galeguidade empresarial, organizado polo Foro Enrique Peinador, e que acolleu a un centenar de empresarios galegos. Reproducimos integramente o texto por consideralo de grande interese).