

No ámbito sanitario o galego está
practicamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do medio rural, mais nos
centros urbanos e nos hospitais a presenza da nosa fala é residual. No PXNLG
rercórdase que “calquera manual deontolóxico dirá que o primeiro que precisa un
enfermo é sentirse acollido de maneira personalizada. Neste caso, acollido na
súa propia lingua, ese código lingüístico que leva directamente á afectividade
da persoa que se quere auxiliar”.
Mais en Galicia dáse o fenómeno
da ocultación da propia lingua: o
paciente galegofalante inicia o contacto co médico en castelán, pois supón que
ese é o seu idioma e pretende instalarse nese territorio lingüístico para
facilitar a súa axuda profesional. É preciso, tal como reflicte o PXNLG, que os
profesionais fagamos unha oferta
positiva. Debe ser o profesional sanitario, de calquera nivel asistencial,
“quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”.
Tamén se recorda no PXNLG que a utilización da lingua galega na área médica
contribúe a desbloquear o galego e a impulsar o seu uso mesmo noutras áreas
pola elevada consideración social que teñen os servizos sanitarios favorece que
as medidas de normalización do galego que neles se poñan en práctica resulten
exemplares e teñan un impacto positivo na poboación, así como polo gran número
de contactos que os cidadáns teñen co sistema sanitario, que multiplica o
rendemento das actividades de promoción do idioma que se efectúen no dito
sector.
A sanidade é clave para o
mantemento e a recuperación do idioma galego e os profesionais debemos
implicarnos nesta tarefa pois debemos garantir que ninguén se sinta
discriminado polo uso do idioma e porque o uso compartido da lingua favorece a
empatía e o entendemento entre o doente e o sanitario. A implicación dos
profesionais é clave, e tamén a Administración sanitaria debe apoiar o uso do
galego nos servizos de saúde. Mais
cómpre recoñecer que a porcentaxe de profesionais comprometidos co galego é
baixa e que a Administración amosa, cada vez con máis descaro, o seu absoluto
desprezo polo idioma. A chegada ao poder de Núñez Feijoo en 2009 (que alimentou
o inexistente conflito lingüístico para conseguir rédito electoral) provocou un
grave retroceso na galeguización do sector e freou as tímidas medidas
impulsadas polo goberno de Pérez Touriño.
Os altos cargos de Sanidade e dos
hospitais empregan a cotío o castelán, agás honrosas excepcións. A
documentación interna dos centros sanitarios e as aplicacións informáticas non
usan o galego como idioma principal. E todo esto sucede mentres segue vixente a
Instrucción 11/2005 sobre o emprego do galego nos documentos da Consellería de
Sanidade e do Sergas, na que se establece con claridade que “deberá empregarse
o idioma galego nas comunicacións escritas, orixinais ou normalizadas, que se
produzan nos ámbitos de actuación da Consellería de Sanidade e do Sergas”.
O PXNLG fai unha análise da
situación do idioma na sanidade, delimita os puntos fortes e débiles do galego
no sector e propón unha serie de obxectivos e medidas a implementar para
procurar a recuperación e potenciación do galego neste ámbito. Non se restrinxe
só á relación médico-paciente nin á actividade asistencial pública e privada,
senon que tamén explicita medidas aplicables non ámbitos da Farmacia, a
Veterinaria, os Colexios profesionais e os centros de formación. Todas as
medidas propostas son factibles e viables, con baixo custo e grande
rendibilidade para a potenciación do idioma. Mais falta o principal: a decisión política. O actual goberno non
impulsa medidas de mellora do idioma senon todo o contrario. Esa dinámica
provoca que o galego estea cada vez menos presente nas actuacións públicas da
Administracion sanitaria e na vida cotiá dos centros sanitarios. Tamén ten unha
presenza residual nos Colexios profesionais e nas Facultades de Medicina,
Veterinaria e Farmacia.

Fíxose entrega pública deste documento ao
representante da Administración sanitaria no transcurso da III Asemblea anual
de ISAGA, celebrada en novembro de 2013 na sede da Real Academia de Medicina e
Cirurxía de Galicia. Ainda non houbo resposta.