sábado, 23 de agosto de 2014

Desigualdade e saúde




Nun texto, xa clásico, do profesor Joan Benach este afirmaba rotundo que “son as clases sociais máis desfavorecidas as que morren antes, enferman máis, e teñen con maior frecuencia hábitos prexudiciais para a saúde e peor calidade de vida”.  As desigualdades en saúde son un dos mellores indicadores para valorar os logros sociais dun país. Este experto teno moi claro: a desigualdade prexudica seriamente a saúde. Nun artigo máis recente defende que “sen saúde non hai liberdade e sen liberdade non hai saúde”. 


Este mesmo autor, xunto con Montse Vergara e Carles Muntaner, publicaron en 2008 un excelente traballo no que afirman que a desigualdade en saúde é a maior epidemia do século XXI, a principal “enfermidade” que afecta  ao noso planeta. A globalización capitalista “aumentou as desigualdades sociais e de saúde ata extremos xamais coñecidos na historia”. Neste tempo de inmoralidade e barbarie (onde domina a cobiza e idolátrase o diñeiro) a pobreza e as desigualdades son inmensas, escandalosas. É evidente que a pobreza afecta á nosa vida e a nosa saúde: “os pobres enferman en maior proporción e morren antes que os ricos”. En Uganda, 200 de cada 1.000 nenos nados nos fogares pobres morren antes de cumprir os cinco anos, mentres que nos países ricos só morren sete de cada 1.000. Pero tamén “as áreas máis pobres da cidade de Glasgow teñen unha esperanza de vida 28 anos menor que as zonas máis ricas da cidade”. 


Hai máis bibliografía que avala a relación entre desigualdade e saúde. Os economistas e epidemiólogos británicos Richard Wilkinson e Kate Pickett demostraron no seu libro "Desigualdade. Unha análise da (in)felicidade colectiva" (2009) que existe unha clara relación entre a desigualdade en países de renda alta e a incidencia de problemas sociais e de saúde (diminución de esperanza de vida, aumento da mortalidade infantil, aumento de obesidade e da patoloxía cardiovascular, incremento de patoloxía mental e consumo drogas, aumento da violencia, maior porcentaxe de suicidios, etc). O libro "Por que a austeridade mata, O custo humano das políticas de recorte" (2013) de Stuckler e Basu, incide nos mesmos argumentos: a recesión global e o incremento da desigualdade afectan claramente ao benestar físico e mental dos cidadáns. 


As desigualdades sociais medraron de xeito espectacular, a ambos os dous lados do Atlántico Norte, nas últimas décadas, coa aplicación das políticas ultraliberais iniciadas polo tándem perverso Reagan-Thatcher, e que os seus actuais seguidores aplican con dilixencia en beneficio da casta dirixente e prexudicando á maioría social. Un informe da Fundación 1º de Maio revela que as políticas de recortes aplicadas neste país intensificaron a pobreza ata alcanzar o 27 % da poboación. E o máis terrible é que, neste contexto, ter emprego xa non é unha salvagarda ante as situacións de pobreza; de feito o 12 % da poboación ocupada vive en fogares por baixo do limiar da pobreza: existen cada vez máis os “traballadores pobres”. 

Fronte ás condicións impostas polas elites económicas e políticas dominantes hai unha crecente conciencia da necesidade reducir a desigualdade social pois a actual situación, inxusta e cruel, pode provocar, a curto prazo, situacións de grave conflictividade social. As desigualdades en saúde tamén poden reducirse e existe suficiente evidencia para afirmar que “os sistemas sanitarios universais, con propiedade e xestión públicas, baseados na atención primaria e unha elevada calidade de prestacións, non só ofrecen mellores resultados de saúde senón que tamén son máis eficientes, equitativos e humanos” (Benach).
Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.

A privatización e mercantilización da sanidade non se realizan pola procura do ben común: son os potentes grupos empresariais privados os que presionan para transformar o SNS e crear novos espazos de negocio. Os lobbies das aseguradoras, das empresas de tecnoloxía sanitaria e da industria farmacéutica actúan con persistencia para conseguir os seus obxectivos. E colocan á súa xente en postos de mando da sanidade pública para traballar no seu propio beneficio. Boi Ruiz, xefe da patronal catalá é o actual conselleiro de Sanidade. El teno claro: na súa opinión a saúde é un ben privado que depende de cada persoa e non do Estado e “non existe un dereito á saúde”. Esta é a ideoloxía que sustenta as decisións políticas que levan ao desmantelamento do sistema sanitario público. Non buscan a eficiencia nin a calidade: só perseguen o lucro, a costa da saúde dos cidadáns.


 




5 comentarios:

  1. Un post rechamante, como é xa habitual, pola documentación que o avala e que parece necesaria para contrarrestar a oficial. A súa forza deriva do nexo común (haino aínda que non o pareza) entre o que sostén unha evidencia e o que é mera propaganda perversa. E ese elemento común é a estatística. En calquera libro de estatística, por elemental que sexa, hai sempre unha introdución descritiva, a que nos fala de medidas de centralización e de dispersión. As primeiras indícannos o valor máis representativo dun conxunto de datos (aínda que non se dea realmente) en tanto que as medidas de dispersión nos dan conta da realidade dese conxunto con respecto ao representativo.
    Insistentemente fálasenos de medidas centralizadoras, son os índices macroeconómicos: o paro descende, todo mellora. Pero velaquí que Pablo nos fala das de dispersión. Porque puidese acontecer que todos os españois tivésemos uns ingresos da orde do ingreso medio, pero nada máis lonxe da realidade, dándose pola contra unha dispersión cada vez maior e crecente con respecto a esa mediana (a distribución non e gaussiana), cuns ricos que se enriqueceron aínda máis coa crise, uns pobres que entraron na pura miseria e unha clase media, esa que estaría representada polas medias ou, máis ben, medianas, que caeu ao nivel da pobreza.
    Utilizar só os índices de centralización, como fan os nosos políticos, é tan perverso como insultante á intelixencia, porque fronte á evidencia se esborrallan os argumentos. De feito, ante o que vemos mesmo sobrarían os comentarios de Pablo. Desgraciadamente é unha obviedade que a pobreza vai ligada á mala alimentación, á escasa hixiene, á unha peor educación, ao drama humano da impotencia ante unha realidade inhumana e todo iso conduce á morbi-mortalidade: os pobres (calquera de nós pode chegar a selo, cousa que ás veces esquecemos) deprímense, comen mal, non poden pagarse medicinas, enferman e morren moito antes do que deberan nunha sociedade que se chama civilizada. Cando Montoro no seu día negou o que dicía Cáritas (pouco sospeitosa nun país que segue sendo nacionalcatólico aínda que se declare aconfesional), limitábase a seguir o discurso único, a voz do seu amo.
    Que podemos facer ante esta barbarie real na que estamos inmersos? Probablemente pouco ou non tan pouco. Sabemos xa que é o peor e parece claramente o neoliberalismo do que fixo bandeira o PP. É evidente que merece o correspondente castigo nas urnas. A ver… Sabemos tamén que a comunicación é importante (os blogs e as redes sociais móstrano cotiamente, a pesar das limitacións e problemas asociados). Finalmente, é esencial unha educación humana nas nosas casas, nas nosas escolas, que trate de contrarrestar a tradución educativa do neoliberalismo, esa, que só se fai unha pregunta estúpida: para que serve? entendendo como inútil todo o humanístico, todo o humano (porque xa parece que o humanístico soa a elitismo de quen o pode permitir polas súas condicións familiares).

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pero qué se pode esperar dun pobo que é capaz de sair as rúas de forma masiva cando gaña ou perde un partido de fútbol e case que nen rechista cando lle retiran unha gran parte dos seus dereitos laborais? Facían falla medidas, verdad?....Pois a apandar coas medidas. Se somos "gilipollas" pois que nos dean. E ti Pablo, cando volvas a tocar o poder, a ver se non che esqueces do que estás a escribir e opinar, porque polo visto ves moi ben os touros dende a barreira. Un saúdo.

      Eliminar
    2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

      Eliminar
    3. Tes toda a razón Javier, as cifras que nos ofrecen dende a política ( e dendo moitos outros medios) son só as que "interesan", elexidas ou conseguidas a gusto do consumidor. O resto tápase, esquéncese.... Qúedome coa túa pregunta, ¿qué podemos facer?. Fágome esta mesma pregunta con frecuencia. ¿ Lembrades, falando de Montoro, cando dixo que os soldos non estaban a baixar en España, senón que subían moderadamente?. O dito: mexan por nós e din que chove..... E ó amigo "anónimo", que lle recrimina a Pablo a súa visión "dende a barreira", pediríalle o mesmo que o firmante Pedro de Visma, un respeto. Ou iso ou unha proposta e unha análise máis profunda que sustenten as súas afirmacións ( ainda que a forma é inxustificable....) . "Tocar o poder"... Nin que falase da "forza" de Star Wars, jajaja!!!

      Eliminar
  2. Que fácil e esbardallar dende o anonimato. Si se está seguro do que se di, por qué se oculta alguien. e por favor, non se xeneralice con eso de "gilipollas". Tamén pido un pouco de respeto hacia Pablo.

    ResponderEliminar