jueves, 10 de julio de 2014

Farjas, Moliner e Ausbanc


En Praza Pública




Pilar Farjas Abadía é Secretaria Xeral de Consumo, no Ministerio presidido por Ana Mato, desde finais de 2011. Para ocupar ese posto deixou a Consellería de Sanidade de Galicia, onde estaba desde 2009. Antes de todo isto fixera carreira profesional no mundo da Saúde Pública acadando certa notoriedade como experta en vacinas. Tamén é coñecida polo seu fervor relixioso (Romay comparouna con Santa Teresa). No barrio de Labañou, na Coruña, aínda lembran os seus tempos de catequista. Mais isto non foi obstáculo para que apoiase medidas tan duras como o Real Decreto Lei 16/2012 (que exclúe da cobertura sanitaria a centos de miles de persoas), ou a resolución de setembro de 2013 (que obriga ao copagamento dos fármacos de dispensación hospitalaria aos crónicos con doenzas graves). Era tan cruel esta norma que as CCAA non chegaron a aplicala.

Ignacio Moliner Robredo é un alto cargo (director de comunicación) do BBVA. É concuñado de Pilar Farjas (irmá de Mercedes, casada con Fernando Moliner, irmán de Ignacio). Mais ese non é o único vínculo entre ámbolos dous. Moliner Farjas SL (posteriormente denominada Activitas Inversión Inmobiliaria SL) é o nome da empresa constituída polas familias Farjas e Moliner. A empresa participa en diversos negocios. Por exemplo: BBVA vende vivendas de Activitas. Unha das promocións de vivendas  da empresa Activitas figura entre as ofertadas na plataforma Anida (considerada o “banco malo” de BBVA); é unha promoción de 75 vivendas co nome de “Residencial Calcio” en Madrid.
Hai  membros da familia que obteñen outro tipo de beneficios: Concepción Moliner –irmá de Ignacio-, foi nomeada directora do hospital Miguel Servet de Zaragoza, cando levaba máis de tres anos no paro, despois de licenciarse en Medicina en 2006.

Xa vemos que a relación entre Moliner e Farjas non se reduce exclusivamente ao vínculo familiar. A asociación de consumidores Ausbanc ven de denunciar publicamente o que considera  “acoso por parte de Ignacio Moliner, que foi executado co apoio e colaboración de Pilar Farjas, presidenta de Aecosan (Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición)”. Esta organizacion asegura que existe unha “estraña coalición” entre ambos para prexudicar a Ausbanc; o certo é que poucos días despois de que unha sentenza do Tribunal Supremo (a instancias de Ausbanc) obrigara ao BBVA a eliminar as “cláusulas chan” das súas hipotecas, Aecosan, presidida por Farjas, admitiu a trámite unha denuncia de dito banco contra a asociación. 

Ausbanc está inscrita no REACU (Rexistro de Asociacións de Consumidores e Usuarios) desde primeiros de 2012, o que lle permite acceder a subvencións públicas e participar nas reunións do CCU (Consello de Consumidores e Usuarios), actualmente presidida por Manuela López Besteiro (que foi conselleira nos tempos de Fraga). Ausbanc, no seu escrito, é moi contundente con este organismo: “el CCU es la olla en la que se cuece el reparto de fondos en forma de subvenciones. Es un nido de corrupción”.  Despois do “acoso” realizado por Moliner o BOE publicou, no mes de maio, a expulsión de Ausbanc do Rexistro, “cando xa tiña solicitada a baixa voluntaria”. Se cadra esta historia non está completa, e outros poderían aportar máis datos. Pero Ausbanc finaliza o seu relato cunha conclusión: a clave está nos lazos familiares e económicos entre as familias Moliner e Farjas.

2 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Quedo coas primeiras liñas deste post. En realidade, explican o demais. Explican moito. Vexo que un enlace nos dirixe a unha sesuda sesión teolóxica na que Pilar Farjas falou de "El compromiso político vivido desde la fe". Aí é nada. Alí mostrou como a fe e a ciencia se alzan en defensa da vida e, polo tanto, en contra do aborto.
    Todo iso suxire que o que fai faino dende a súa fe e supoñemos que é a fe católica ao ter exercido un importante labor social como catequista nunha zona periférica da cidade (cantos nenos pobres de Labañou se terán achegado ao Señor a través dela) e dado o feito da súa comparación coa Doutora da Igrexa nada menos. É curiosa a relevancia que ultimamente está a adquirir Santa Teresa, de quen, grazas a un ministro, xa sabemos que "manda moito alá arriba".
    Pois ben, fixémonos na fe. Por que non? Fe en que? Supoño que a exemplar Farjas se limita a seguir a tradición eclesiástica porque en ningún texto evanxélico se fala do aborto. Non parece que a Xesús lle preocupase o tema. O evanxeo, esa boa noticia apocalíptica, anunciaba máis ben a preferencia de Xesús polos pobres, os que teñen fame, os marxinados. O PP parece seguilo pero en forma perversa, aumentando o seu número e facilitando así exercitar a caridade que chaman hipocritamente cristiá.
    Hai algo evanxélico, non obstante, que parece ter calado na xente de ben: a parábola dos talentos. Niso si que son bos, moito mellor do que intentou suxerir o Mestre: multiplican as súas accións e bens a máis non poder.
    España segue sendo a reserva espiritual de Occidente, polo que non sorprende que o discurso político (non só o do PP) se basee en homilías. É ao que asistimos continuamente. Vemos xente predicándonos na televisión a necesidade de axustes, de sacrificios. E así nos vai, gementes et flentes in hac lacrimarum valle.

    ResponderEliminar