martes, 20 de mayo de 2014

A estratexia neoliberal para apropiarse da Sanidade Pública





Manifesto de SOS Sanidade Pública

As organizacións financeiras e empresariais que controlan os gobernos de Europa, España e as CCAA, están desenvolvendo dende hai tempo novas estratexias para a privatización total do sistema sanitario público (SSP) e para apropiarse dos recursos económicos que o Estado destina a saúde (57.000 millóns de euros segundo os orzamentos do 2014).

Unha poderosa alianza público-privada, que integra á industria farmacéutica e ás de tecnoloxía sanitaria e informática, está aplicando (de xeito solapado e imperceptible para á poboación e os traballadores sanitarios) unha serie de iniciativas destinadas a facerse co control do SSP, co obxectivo de fragmentalo e poñelo ao servizo de empresas e fondos de investimento multinacionais; esta estratexia conta coa complicidade dos políticos gobernantes e dun reducido número de profesionais con ansia de poder e diñeiro. 


Os grandes obxectivos desta Plataforma Pro-Privatización son controlar a información sobre a saúde da poboación e sobre o funcionamento do SSP, controlar a planificación estratéxica (equipamiento, innovación, investigación sanitaria e formación), a administración de hospitais e centros de saúde, e tamén apoderarse da xestión clínica dos servizos asistenciales máis relevantes e potencialmente lucrativos, como a cardioloxía e o atención ao cancro. 

Medidas propostas por esta Alianza que están sendo desenvolvidas nos Servizos de Saúde:

·         Creación de Áreas de Xestión Clínica (AXC) co fin de fraccionar os centros en microempresas con autonomía e participación privada, orzamento propio, capacidade para comprar e vender servizos (mercado interno) e de incentivar aos profesionais (laboralizados) cos recortes de actividade que realicen na súa actividade asistencial.
·         Cambio na estratexia de control e seguimiento de enfermos crónicos para substituír aos coidadores dos pacientes por recursos electrónicos instalados nos fogares e vendidos polas multinacionais tecnolóxicas, que poucos pacientes saberán utilizar nin poderán pagar.

·         Externalizar (privatizar) os servizos de informática, de modo que a industria sanitaria poderá dispoñer de toda a información sobre a saúde da poboación (Historia Clínica Electrónica, teléfono de información aos usuarios) e da actividade dos centros públicos (sistema de citas, listas de espera, derivacións a centros privados, concertos), que permitirá ás empresas privadas realizar a selección de riscos en función dos seus intereses económicos e a promoción dos seguros privados.
·         Entrega a mans privadas das estratexias e a planificación dos recursos. As empresas privadas decidirán o equipamiento a comprar, a súa ubicación e os prezos a pagar por parte do SSP; determinarán as prioridades na investigación, a implantación das innovacións en tecnoloxía sanitaria (biotecnología e medicina persoalizada, que a propia industria admite que non será accesible para todos, polos seu enorme custo) e a formación do persoal sanitario (para facilitar a difusión dos seus produtos farmacéuticos e condicionar, en función dos seus intereses comerciais, a utilización dos recursos diagnósticos e terapéuticos).
·         Control das Asociacións de Pacientes para que reivindiquen as innovacións que lles interese difundir a laboratorios e industria, teñan ou non evidencia contrastada. 


A idea que subxace nestas propostas é financiar con diñeiro público o negocio do sector privado, convertendo a investigación, a innovación e o desenvolvemento en ferramentas decisivas para a privatización. A industria sanitaria pretende “robotizar” o sistema sanitario, prescindir dos profesionais e dos cuidadores e axenciarse o diñeiro que o Estado e as CCAA destinan a sanidade pública.


Aplicacion desta estratexia en Galicia
A Xunta de Galicia apoia con firmeza esta política na que está implicada a Conselleria de Sanidade e altos cargos da Administración. O Director Xeral de Recursos Económicos do Sergas e os xerentes de Vigo e A Coruña foron ponentes principais nos Foros do Club Gertech e a propia Conselleira de Sanidade defendeu nun foro en Barcelona a laboralización do persoal sanitario para que traballe nas AXC. O Sergas xa privatizou a tecnoloxía de información, a Historia Clínica Electrónica, a Central de Chamadas, a Central de Compras etc. Está desenvolvendo dous proxectos como Hospital 2050 e Innova Saúde baseados no diálogo competitivo e o socio tecnolóxico para que as propias empresas que venden tecnoloxía decidan o equipamiento a adquirir, as súas características e o prezo a pagar. Tamén está a impulsar a implantación das Áreas de Xestión Clínica, controladas pola empresa EFQM, vinculada á multinacional da informática IBM, que tamén poderá ser a responsable da formación dos profesionais que se integren nestas unidades.

Consecuencias
Non é xusto nin equitativo que impoñan copagamentos e recortes atención sanitaria e que deixen sen dereito á sanidade aos colectivos máis necesitados; non é admisible a precarización laboral do persoal sanitario, mentres destinan inxentes recursos económicos públicos ás empresas multinacionais, para desenvolver un modelo de sanidade baseado no uso intensivo de fármacos e tecnoloxías sen evidencia suficiente e cun custo desorbitado, en detrimento da promoción, a prevención e os coidados das persoas con doenzas crónicas e discapacidades.
Nesta estratexia perde a poboación (destruccion do modelo sanitario universal, accesible e equitativo), os enfermos crónicos (substitución dos cuidadores por aparatos electrónicos), a Atención Primaria, a Atención á Dependencia e a gran maioría dos traballadores sanitarios, que perderán a súa condición de empregados públicos e estarán sometidos ao poder dos “capataces” das AXC. De triunfar estas propostas a sanidade pública será insustentable económicamente.

SOS Sanidade Pública demanda a reversión dos servizos privatizados polo actual goberno galego, reclama a revocacion da normativa que facilita a privatización do sistema sanitario por medio das novas formas de xestion e propón unha alianza dos cidadáns e profesionais para defender a sanidade pública nas institucións europeas.





1 comentario:

  1. Neoliberal é un eufemismo de Saqueador. Todos sabemos a dónde van as privatizacions. Ninguén descoñece (agás os concelleiros de Santiago) os sobrecustos dos servizos xestionados privadamente e porqué de súpeto, cando toda á vida (e con menos impostos) chegaron os cartos e agora non chegan. Que se van "papar" a Sanidade e a Educación o teño asumido. O que me enqueda é que nos farán despois...

    ResponderEliminar