miércoles, 21 de mayo de 2014

As Áreas de Xestión Clínica: unha ameaza para a Atención Primaria

Documento contra da imposición das Áreas de Xestión Clínica e en defensa da Atención Primaria





O envellecemento da poboación, co aumento das doenzas crónicas e a pluripatoloxía, a constante renovacion tecnolóxica que encarece a prestación asistencial e o incremento na frecuentación dos servizos plantexan un desafío para o sistema sanitario, que debe dar resposta ás novas demandas e afrontar o reto da propia sustentabilidade nun contexto de crise económica global. As políticas aplicadas polos actuais gobernantes (exclusión da cobertura sanitaria de diversos colectivos da poboación, drásticos recortes orzamentarios, introducción de copagamentos etc) non son unha resposta axeitada a este reto. Pola contra, eliminan a cobertura universal, aumentan a desigualdade no acceso aos servizos e provocan desatención sanitaria dos grupos de poboación excluídos provocando danos para a saúde individual e colectiva. 


Para realizar un cambio no modelo asistencial que permita adaptarse ás novas demandas hai quen propón a estratexia da xestión clínica, entendida como unha recuperación da autonomía e liderado por parte dos clínicos que favoreza a integración dos niveis asistenciais sen subordinacións e que reduza a variabilidade na práctica clínica procurando aumentar a transparencia na información. Esta proposta teórica, centrada na Atención Primaria como eixo vertebrador dos servizos sanitarios, podería ser unha oportunidade para o sistema e os profesionais.

Mais a Consellería de Sanidade está a impulsar a creación de Áreas de Xestión Clínica (AXC) nos centros sanitarios de Galicia que nada teñen que ver con este modelo teórico e que a maioría dos profesionais perciben como unha auténtica ameaza. Cómpre recordar que o Decreto 36/2014 foi publicado no DOG en marzo, por vía de urxencia, sen que houbese ningun debate parlamentario e sen consulta previa aos profesionais nin ás forzas sindicais. Esta norma conta, ademáis, cun informe xurídico previo do Consello Consultiva de Galicia que resulta contundente: “O Pleno do Consello dictamina que o proxecto de decreto polo que seguran as AXC do Sergas resulta contrario ao ordenamento xurídico”.


Estes antecedentes e as políticas impostas desde o goberno galego -drástica reducción do orzamento sanitario, incremento masivo das externalizacións, anulación do Plan de Mellora da Atención Primaria (AP) e a posta en marcha das Xerencias Integradas que fagocitan a AP-, provocan unha falta de credibilidade do executivo, xa que as decisións adoptadas ata o momento (con nula transparencia e ausencia de participación profesional e cidadá) non van dirixidas a potenciar a AP e a fortalecer a sanidade pública. Todo parece indicar que este proxecto de AXC tamén vai dirixido a avanzar na privatización, utilizando a vía da microxestión de servizos asistenciais. 

As AXC, tal como están propostas, non sirven para mellorar a coordinación de servizos e niveis asistenciais, senon que poden fragmentar o sistema en numerosas entidades menores que deixan sen competencias á AP. Ademáis, incrementan a burocracia, a duplicidade e os gastos administrativos e favorecen a creación de modelos diferenciados dentro do sistema: todo un traballo previo para a posterior privatización dos centros asistenciais desde dentro. 


Ademáis,  nas AXC o proxecto laboral é ambiguo e pouco definido, o sistema de incentivos é de unha dubidosa ética profesional (baséase no aforro e non na boa práctica clínica), e non hai suficiente información e transparencia para a elaboración dos contratos de xestión; tamén poden xerar duplicidades no conxunto dos traballadores do Sergas (integrados e non integrados en ditas ÁXC) e inequidades na atención aos usuarios (que poderán ter diferentes carteiras de servizos segundo a Área a que pertenzan), e tamén se poden dar situacións de “selección adversa de pacientes” se o incentivo principal é mellorar a eficiencia. 

Con esta proposta de AXC prexudícase ao sistema sanitario público e especialmente a AP. Tamén perden os os traballadores e os usuarios. Saen gañadores desta estratexia as empresas privadas que tentarán buscar beneficio neste desorde, e a pleiade de xestores que ven neste modelo unha saída para o seu porvir profesional. Os que defendemos a sanidade pública e a Atención Primaria temos que frear esta estratexia que pode carrexar severos prexuicios nun futuro inmediato. 

As organizacións profesionais e sindicais asinantes deste documento reclaman:
A paralización da implantación das AXC  tal como se está facendo, a recuperación das Xerencias de AP e a restauración dos orzamentos da sanidade pública. Propoñemos unha intensa movilización unitaria contra o desmantelamento dos servizos públicos que están a realizar os actuais gobernantes desde o propio poder. E solicitamos a apertura dun amplio debate social para realizar os cambios necesarios no modelo asistencial que permita garantir continuidade dunha sanidade pública e universal. 

Asinan:

Asociación Galega  de Medicina Familiar e Comunitaria
Asociación Galega de Médicos
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública
Confederación Intersindical Galega
Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de Galicia (CCOO)
UGT Sanidade Galicia
Apoian:   Colexios de Médicos de Ourense e Pontevedra

Galicia, maio de 2014

1 comentario:

  1. Paréceme moi loable que dous dos catro colexios médicos galegos apoien o documento recollido neste blog, tanto como significativo o silencio cómplice dos outros dous. A obrigatoriedade da colexiación quebra os seus fundamentos cando a esencia da Medicina, que descansa máis na ética que na técnica, deixa de ser defendida polos que din representar un amplo colectivo médico.
    As áreas de xestión clínica son un elemento máis do discurso perverso dun sistema cruel, inhumano. É superfluo insistir en algo sobre o que xa se definiu o propio Consello Consultivo.
    Pero non ha de esquecerse que non estamos só nunha tensión social na que os médicos son atacados por políticos, senón na que os propios médicos, moitos deles, están propiciando o desmantelamento dun sistema de servizo público en beneficio dun interese privado.
    Non hemos de esquecer que son médicos os xestores da "porta xiratoria"; son tamén médicos os colaboracionistas con ese poder mercantil a cambio de migallas de promoción profesional; son médicos os que defenden un “hospital – centrismo” despectivo cara á atención primaria; son médicos os que, en vez de escoitar pacientes, quedan aparvados con follas Excel, dirixindo dende asépticos despachos sobre o ben e o mal. Son médicos os que deifican a medicina baseada na evidencia aínda cando sexa moi pouco evidente nela a ausencia de conflitos de interese. Son médicos os que perseguen obsesivamente unha cuantificación de méritos curriculares fronte ao puro saber clínico.
    Tamén son médicos os que condenan ao ostracismo a outros médicos, negándolles o pan e o sal do seu desenvolvemento profesional e conducindo a situacións coñecidas de baixas por stress laboral ou como se lle queira chamar ao acoso por parte dunha panda de mediocres a quen non o é.
    Estamos divididos, enfrontados, atomizados, para ben de mercadores sen alma.
    En plena era da comunicación, quedámonos sós, seguindo o pobre criterio do "sálvese quen poida" e aceptando o que sexa, dende o precariado laboral ata a máis basta mediocridade.
    No post alúdese á Atención Primaria. É rechamante ao respecto ver que é o que elixen os primeiros números do MIR. Non parece que sexa a Medicina de Familia. Por que será que a cirurxía plástica é especialmente demandada? En que pensa hoxe en día alguén á hora de decidir facerse médico á hora de elexir una especialidade?
    Non só necesitamos defender o que nos vai quedando (porque se desmantelou moito xa). Necesitamos falar, é decir, falarnos a nós mesmos, facer autocrítica, ver realmente o que queremos, como médicos e como cidadáns. E non parar de loitar por iso.

    ResponderEliminar