En Praza Pública
En Galicia Confidencial
Fernando Vázquez (Castrofeito, A
Coruña, 1953), o actual adestrador do Deportivo, estivo a finais de xaneiro no
meu barrio de
Labañou, convidado polo
Colexio
Calvo Sotelo (onde colaboro no adestramento do equipo xuvenil), para dar unha charla aos alumnos do centro e aos rapaces que
integran as distintas categorías de fútbol base. Foi un encontro
distendido e ameno e o técnico contestou, durante máis dunha hora, a todas as
preguntas dos numerosos asistentes. Plantexáronlle cuestións de todo tipo,
algunhas sinxelas e outras máis comprometidas, pero en todo momento deu mostra
da súa habilidade para a conversa e o debate.

Fernando vive o fútbol con
auténtica
paixón. Son famosas as
súas
carreiriñas pola banda cando o
seu equipo consegue un gol. Así o vivíu sempre. Cando estudaba en Santiago,
recén saído do Seminario, xogou no equipo do
Negreira, na Liga da Costa, aquela
competición esixente e intensa, de campos enlamados e xogadores rudos, onde
destacaba como centrocampista organizador, con gran visión do xogo. Alí
coincidín con él unha tempada, aínda que eu máis ben quentaba a banqueta.
Non fixo carreira como
futbolista, a pesares do seu evidente talento, mais sí como adestrador. Comezou
moi novo cando, despois de rematada a carreira, compaxinaba o seu traballo como
profesor de Instituto cos adestramentos nas escolas deportivas na súa terra
natal. O CD Lalín foi o primeiro equipo que adestrou como profesional, e conseguiu
levalo dende rexional até a Segunda B. Así comezou, en 1986, unha longa e
brillante carreira na que pasou por diversos equipos (Lalín, Racing de Ferrol,
Lugo, Compostela, Oviedo, Mallorca, Betis, Las Palmas, Rayo Vallecano,
Valladolid, Celta e Deportivo) e tamén actuou como seleccionador de Galicia
(xunto con Arsenio Iglesias) durante varias tempadas. Destacou como descubridor de talentos, pois foron moitos os xogadores que, co seu
apoio, debutaron en Primeira División e iniciaron unha carreira exitosa no
mundo do fútbol (Tristán, Joaquín, Güiza, Ruben Castro etc).

Os cronistas sinalan de Vázquez a
súa condición de
estudioso do
fútbol, polo que algúns o teñen alcumado como “
profesor”, se cadra lembrando a súa primeira profesión. Máis as súas
lecturas non se restrinxen só ao mundo do balón: é un home culto e con
inquedanzas intelectuais e sociais (hai uns meses participou nun
documental contra da mina de
Corcoesto). Gran admirador de Sacchi e Cruyff, tamén destaca
como
estratega e pola súa habilidade
para a
motivación persoal e o
reforzamento do
grupo. Esas foron as
súas bazas durante a súa traxectoria profesional.

En febreiro de 2013 –hai agora un
ano- fíxose cargo da dirección do
Deportivo, despois dunha mala racha de
resultados de
Oltra (outro excelente adestrador) e da penosa
espantada de
Domingos Paciencia. Tiveron que pasar case 18 anos desde os seus inicios –con
oito tempadas en Primeira e dúas en Segunda-, para chegar ao equipo dos seus
soños. Porque Vázquez é un
deportivista
confeso, e nunca ocultou as súas simpatías por este equipo. O seu último
traballo como adestrador foi precisamente o Celta (gran rival do Dépor), donde
foi cesado en 2007, cando o equipo estaba perto do descenso.
Despois de seis anos
sen adestrar foi chamado para dirixir o Dépor co difícil
obxectivo de
manter o equipo
en Primeira División. “
Unha chamada á
unha da mañán cambioume a vida”, dixo nunha entrevista. Estivo a piques de
acadar a meta.
Recoperou animicamente ao
equipo e soubo crear unha excelente conexión coa afección, que o acolleu como
un líder. Aínda que o equipo descendeu no último momento, Riazor segue a
confiar no adestrador. Fernando Vázquez, coa súa actitude honesta e o traballo
incansable, reforzou a confianza
colectiva a foi quen de tecer unha rede afectiva coas bancadas
semellante á que existía nos tempos de Arsenio e o Súper Dépor.
Na charla-coloquio celebrada en
Labañou amosouse afable, paciente e afectuoso. E expresouse en todo momento en galego, feito que me interesa destacar,
pois a utilización do galego en todos os ámbitos, de maneira habitual, debe ser
un obxectivo daqueles que amamos esta terra e a súa cultura. Neste país anómalo o que debería ser natural convírtese nun signo de distinción. Nesta cidade, tan
desgaleguizada pola nefasta influencia doutro Vázquez (o ex-alcalde), a
actitude de Fernando ten un enorme valor para a recuperación do idioma no mundo
do fútbol e na vida cotiá. Alguns xogadores
(Ínsua, Luís…) xa seguen o seu exemplo. Saúde, mestre.