domingo, 24 de noviembre de 2013

Fausto Galdo e o galego


En Galicia Hoxe


O noso idioma está enfermo. Dase o paradoxo de que a mocidade ten un coñecemento da gramática moi superior ás anteriores xeracions, pero a súa vida diaria desenvólvena en castelán. Isto xa non sucede só nas cidades; nas vilas e no medio rural son cada vez máis os xóves que coñecen a lingua mais non a usan. Podemos dicir: pois se ha de morrer, que morra. Non obstante, temos a obriga de potenciala como lingua viva de uso cotiá, pois cando desaparece unha fala, a Humanidade queda máis pobre e ignorante. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade tamén os pobos debemos asumir a defensa da variedade de linguas e culturas. Mais os nosos gobernantes non asumen como propia esta obriga. No canto de considerar o idioma propio como unha riqueza a protexer e potenciar, convertérono nun problema e nun motivo de confrontación social. 

No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Nos nosos hospitais a presenza da nosa fala é residual. Cómpre recuperar  o galego na relación asistencial e para iso é preciso contar coa convicción e o compromiso activo dos sanitarios. Nestes tempos de tribulación podemos entender que a protección do idioma é unha cuestión menor. Pero non é así. É certo que están en perigo os servizos públicos, a decencia e a igualdade, pero o galego tamén está ferido de gravidade e corre o risco de desaparecer en poucas décadas. Temos que defender o Estado de benestar para entregarllelo aos nosos descendentes e o mesmo debemos facer coa propia lingua. É a nosa obriga con eles e coa Humanidade enteira.

Coa convicción de que a recuperación do idioma na comunicación sanitaria é mutuamente enriquecedora, un grupo de sanitarios puxo en marcha, vai xa para tres anos, a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que agrupa a máis dun centenar de profesionais que se comprometen a utilizar a propia fala no seu labor diario, facendo unha oferta positiva da mesma aos usuarios dos servizos sanitarios.  Este ano ISAGA celebra a súa Asemblea anual na Coruña o vindeiro trinta de novembro, na sede de Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. A Coruña é unha das cidades máis desgaleguizadas nos últimos tempos debido, en gran medida, á nefasta influenza de Francisco Vázquez, aquel alcalde que, durante tantos anos, amosou sempre unha actitude de desprezo e desconsideración co noso idioma. 


Neste acto vanse incorporar corenta novos irmandiños e tamén se vai rendir homenaxe ao doutor Fausto Galdo (Viveiro 1944, A Coruña 2012), ilustre reumatólogo coruñés, falecido hai agora un ano. Este home grande e de carácter expansivo tiña unha enorme vitalidade e desenvolveu moi diversas actividades. Foi un dos pioneros da Reumatoloxía en Galicia e presidente da sociedade galega de dita especialidade. Como xefe de servizo no Hospital de Coruña, colaborou na formación de trinta promocións de especialistas. Home culto e gran conversador, adicou moito tempo ao estudo da hidroloxía, fixo varias publicacións sobre a súa vila natal e foi tamén un reputado gastrónomo.  O seu último libro, “Abecedario das mantenzas”, foi publicado postumamente por Xerais. Pero neste acto o que se quere recoñecer, sobre todo,  é a súa traxectoria como médico humanista e o compromiso co idioma galego. A súa militancia galeguista expresouna de moitas formas. Foi académico correspondente da Real Academia Galega e tamén foi o principal impulsor, desde o ano 1995, do grupo de apoio á lingua galega no hospital coruñés. Eu sei de moitos pacientes que acudían á súa consulta cada certo tempo como quen vai a Lourdes. Valoraban o seu saber profesional e a súa persoalidade entusiasta e comunicativa. Mais tamén eloxiaban a aquel médico que sabía chamarlle ás cousas polo nome e que lles falaba en galego. 

4 comentarios:

  1. Paga moito a pena o que estades a facer. Entre todos melloraremos a saúde da lingua. Moito ánimo! Luís Reimóndez

    ResponderEliminar
  2. Adoito comentar os posts de Pablo en castelán porque vou máis rápido, pois o meu galego escrito non é precisamente fluído. Se un ten certa idade e toda a súa vida se desenvolveu nun entorno castelán – falante, fáiselle pouco natural falar en galego. Que haxa unha inquietude da que xorde ISAGA supón que algo vai mal na nosa terra. Non creo que unha asociación así fose necesaria en Cataluña, onde, por outra parte, xamais tiven problema para falar en castelán, e onde non o tería para aprender catalán se tivese que vivir alí.
    Por que hai que defender o galego en Galicia? Non abonda coa resposta simple da represión franquista, porque esa represión tamén se deu en Cataluña. Somos os propios galegos os que, por acción ou omisión, atentamos contra o idioma que debese ser natural na nosa propia terra (se pode falarse de que esta terra é nosa, cosa cada día máis dubidosa). Pablo alude á acción dun alcalde populista, e case "popular", co seu desprezo práctico á lingua. Déronse accións tamén que, quizais coa mellor intención, non foron bondadosas, como un academicismo extremo e imposicións artificialmente excesivas no ensino.
    O galego foi consentido dende que existe Comunidade Autónoma (só faltaría que no Parlamento Galego se falase en castelán), sendo facilitado pretendidamente pola burocracia inherente á entidade política. Pero, na práctica, segue sendo marxinal. Non deixa de ser rechamante que os correos recibidos da Administración no SERGAS sexan con frecuencia bilingües. É un síntoma revelador do que acontece. A represión persiste na práctica e parece especialmente rechamante en "A Coruña", cidade da que outro alcalde populista dixo aquilo de que "ninguén é forasteiro", non como noutras localidades galegas nas que un podía non ser ben comprendido falando en castelán.

    ResponderEliminar
  3. Continúo: Vaian dende aquí os meus mellores desexos para ISAGA. Non cabe dúbida de que a atención médica se verá beneficiada se se dá na lingua do paciente que é atendido. E o galego, afortunadamente, segue sendo a lingua natural de moitos pacientes.

    ResponderEliminar
  4. A situación da lingua é resultado da nosa Historia, como país sometido e empobrecido, donde o progreso, de sempre, falaba calquer outro idioma que non o noso. Os administradores, os enseñeiros, os ricos... viñan de Madrid ou de Calatayud. Canto mais ambicioso un, canto mais ignorante, mais grande o desexo de mudar de lingua. Por iso no extrana ver hoxe a quen enche o peito con desprezos á lingua derrotada, a primeira romance da Peninsula, na que foron criados os seus pais, na que namoraronse os seus abós. E tampouco estrana e resulta triste (aunque no só neste caso) ver plasmada en papel a mesma ignorancia por quen nos representa politica ou socialmente: bilingüismo, trilingüismo... contrariando as doctrinas do Consello de Europa (de eses que falan de verdad cinco idiomas, e non os de "relaxing cup of café con leche") e que din para Europa de falar e ensinar nas linguas vernáculas.
    A mín falar galego, que recoñezo ser criado en castelan, dáme o orgullo de saberme dono dunha língua propia, lembrame de familiares e lugares que xa non están, achégame ao corazón de moita xente e, aínda que pareza snob, sírveme para "facer guantes" para cando falo inglés, francés ou alemán.

    ResponderEliminar