

A reforma da AP en Galicia realizouse con moita demora, pois os gobernos do PP apoiaron na década dos oitenta as posicións profesionais máis inmovilistas. O Decreto 200/1993 é a norma que regula o desenvolvemento deste nivel asistencial, con dez anos de retraso. O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma decidida a AP e puxo en marcha un Plan de Mellora que foi posteriormente anulado polo goberno de Núñez Feijóo. Mais o golpe decisivo contra estes avances é a posta en marcha das Xerencias de Xestión Integrada que eliminan a autonomía organizativa e orzamentaria da AP.
A primeiros de 2005 o PP puxo en marcha a “xerencia única” de Ferrol, e o conselleiro expresou a súa pretensión de extender ese modelo a toda a comunidade. O cambio de goberno frustrou eses plans, que agora retomaron: xa puxeron en marcha as xerencias de A Coruña-Cee, Ourense, Santiago e Pontevedra-Salnés; en breve prazo teñen previsto constituir as Xerencias de Xestión Integrada de Vigo e Lugo-A Mariña. Daquela espuxemos o noso criterio sobre esta estrutura organizativa. Podemos recuperar os mesmos argumentos:
1. Non existe ningunha experiencia previa adecuadamente avaliada que permita predecir que este novo modelo vai mellorar a xestión e a eficiencia do sistema sanitario público (a experiencia de Ferrol, a día de hoxe, tampouco foi avaliada).
2. O modelo de AP implantado en España nas últimas décadas ten demostrado ofrecer claros beneficios para a saúde das persoas e da comunidade. Este modelo, baseado nos Servizos de Atención Primaria, está pouco desenvolvido en Galicia; precisa de maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos e potenciar a súa carteira de servizos.
3. A creación dun único centro de xestión condiciona de xeito negativo o futuro desenvolvemento da AP, que perde autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e queda funcionalmente subordinada ás extratexias de xestión da xerencia única. Neste modelo os hospitais volven ser o centro e precisan dunha AP que seleccione os pacientes con criterios de rendibilidade económica.
4. A creación desta estrutura tampouco garante que a coordinación de AP e AH sexa mellor. En vez de coordinación hai subordinación. Atención Primaria perde todo o control do proceso asistencial e refórzase o “hospitalocentrismo”. Esta orientación vai contra da eficiencia: a atención hospitalaria utiliza máis tecnoloxía, provoca máis iatroxenia e resulta máis cara.
5. A creación dun centro único de xestión, xunto coa marxinación da AP, favorece que os recursos deriven, ainda máis, cara os hospitais. A reducción das inversións en AP frea o seu desenvolvemento, o que levará ao deterioro da calidade asistencial. A AP, que xa xestionaba un escaso 10% dos orzamentos da sanidade (cando os expertos aconsellan o 25%), queda sen estructura organizativa nin capacidade de decisión.

O PP está aplicando unha estratexia dirixida a externalizar e privatizar progresivamente a sanidade pública. Utilizan o modelo da concesión administrativa ou PFI para entregar a mans privadas a xestión de parcelas cada vez máis amplas da nosa sanidade. Nas comunidades de Madrid e Valencia, donde xa existen as Xerencias Integradas, están a ofertar a empresas privadas a xestión non só dos hospitais senon das áreas sanitarias, incluíndo os Centros de Saúde. Este será, probablemente, o seguinte paso que tenten dar en Galicia. Como o obxectivo das empresas é conseguir beneficio económico xa podemos enxergar cal será o papel a desenvolver pola AP: será a porteira do sistema, mais verá limitado o seu acceso a probas e terá incentivos para reducir as derivacións ao nivel hospitalario e para realizar selección adversa de pacientes co fin de reducir os custes.
Por todo o descrito consideramos que as Xerencias de Xestión Integrada veñen ser o certificado de defunción da AP, representan un paso atrás na mellora da xestión sanitaria e supoñen un perigo certo para o futuro da sanidade pública, á vista da evolución seguida noutras autonomías. Reclamamos que se poña freo á implantación deste modelo de xestión e que se recuperen as Xerencias de AP, con capacidade decisoria e orzamento propio. Tamén solicitamos un incremento dos orzamentos de AP e o inicio dun proceso coa finalidade de potenciar o sistema sanitario público, sen poñer en risco os avances e melloras acadados ata o momento.
Galicia, 28 de Febreiro de 2013.
Asinantes:
-Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
-Jesús Rey García. Coordinador do Plan de Mellora de Atención Primaria do Sergas (2006-2009).
-Jesús Sueiro Justel. Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
-Manuel-V. Fernández Fernández. Presidente da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC).
-Pablo Vaamonde García. Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (2005-2006).