En Praza Pública
Galicia é un país de emigrantes. Os nosos avós
e os nosos pais, no seu tempo, fuxiron da miseria das aldeas e buscaron un
futuro mellor nas Américas, en Europa e noutras xeografías do Estado. Os que
marchan ao estranxeiro adoitan ser os máis novos, os máis fortes, os máis
decididos, os máis emprendedores (agora tamén emigran os máis preparados).
Deberiamos lembrar que o principal estímulo para abandonar a propia terra é a necesidade.
Deberíamos saber que os inmigrantes que chegaron aquí nas últimas décadas
viñeron na busca de traballo e pan. Viñeron para facer os labores duros do
campo, para subir ás estadas, para atender os nosos maiores e axudar na crianza
dos nosos fillos e netos. Se algúns non teñen contrato non é pola súa culpa: é
o contratador quen prefire a ilegalidade.
Neste tempo de recesión económica o territorio peninsular
deixou de ser o paraíso soñado dos inmigrantes. Moitos retornaron aos seus
lugares de orixe. O ano 2011 a cifra de estranxeiros residentes en España descendeu
por primeira vez: 40.000 menos (representa un descenso do 0.7 %). Pero outros
permanecen, gañándose a vida como poden. O retorno só significa fame, miseria e
ausencia de futuro para eles e os seus; non teñen máis opción que resistir.
O goberno español, no seu empeño incesante para
desmontar o estado de benestar, utiliza unha estratexia mediática moi tramposa pero eficaz. Sinala a un colectivo como responsable da situación e a continuación
adopta medidas na súa contra. Dese xeito apunta aos traballadores do sector
público como incompetentes e improductivos e deseguido decide rebaixarlles o
salario e facilitar o despedimento. Sinala aos pensionistas como atracadores de
farmacias e acaparadores de medicinas nas súas casas e obrígalles a pagar os
medicamentos. Dirixe o seu índice contra dos inmigrantes, aos que acusa de
abusar da sanidade pública e de practicar o “turismo sanitario” e déixaos sen
cobertura sanitaria, de xeito que só terán acceso ás urxencias e á atención no
parto. Máis de 150.000 persoas quedarán a partir de setembro sen tarxeta
sanitaria (arredor de 20.000 en Galicia). Ademáis dun atentado contra dos dereitos humanos, esta medida representa un
grave problema para a saúde pública.
As persoas con cancro, diabete ou insuficiencia renal quedarán sen atención,
así como os afectados por VIH, tuberculose e outras doenzas infecciosas.
O certo é que os inmigrantes acuden aos servizos sanitarios moito menos que os
autóctonos –hai estudos que así o demostran-, e que a cotización dos que
teñen traballo compensa de sobra o custe da asistencia. O denominado “turismo
sanitario” é un fenómeno residual e cunha repercusión ínfima no sistema
sanitario. Pero esta clase de argumentos, que fomentan a xenofobia e a
exclusión, é aceptada por un sector da poboación, que chega a ver o inmigrante
como un competidor. “
Que se vaian!”,
estalles a decir o goberno coas súas medidas. “
Que se vaian!”, berran algúns alporizados, que non lembran o seu
pasado recente.
Agora o
Ministerio de Sanidade pretende que os inmigrantes suscriban unha póliza coa
sanidade pública, cun custe superior a 700 euros anuais, para ter dereito á
asistencia. Esta proposta só ten o apoio do Partido Popular. Andalucía,
País Vasco e Catalunya rexeitan estas medidas. Tamén hai colectivos
profesionais que manifestan o seu desacordo. Os médicos de familia están a realizar
unha campaña para promover a
obxección de conciencia na aplicación desta norma. “A lealdade cos pacientes fai que
non sexa posible faltar ao meu deber ético profesional e incurrir no abandono. É
a miña vontade seguir atendendo ás persoas que son os meus pacientes e que non
teñen permiso de residencia”, declaran os asinantes dun documento a favor da
obxección.

Esta proposta non ten
xustificación posible. Representa un atropello á ética e á política. É un
atentado contra dos enfermos e dos pobres. Detrás dos números hai persoas, como
decía El Roto nunha das súas viñetas. Nin sequera ten unha xustificación
económica: a recaudación previsible é insignificante no total dos orzamentos
sanitarios.
“Aguantade, aguantade, que este é o camiño
para mellorar!”, din os gobernantes mentres seguen a eliminar dereitos.
Mais ningún benestar futuro pode xustificar tanto sufrimento no presente. Os efectos destes recortes están a ser
devastadores.
Estas medidas susténtanse nunha concepción
ideolóxica que entende a saúde como un
negocio e non como un dereito. Esta política de suposta austeridade que
deixa desamparados aos enfermos e que marxina aos diferentes está baseada unha concepción supremacista da sociedade.
Temos que demostrar que estas ideas son rexeitadas pola grande maioría da
poboación. Haberá que lembrar aquel famoso poema, atribuido a Bertolt Brecht, ainda
que o seu autor foi Martin Niemöller, un pastor luterano alemán perseguido polos nazis que, en 1945, escribeu:
Cando
viñeron levar os comunistas,
gardei silencio,
porque eu non era comunista,
Cando encarceraron os socialdemócratas,
gardei silencio,
porque eu non era socialdemócrata,
Cando viñeron buscar os sindicalistas,
non protestei,
porque eu non era sindicalista,
Cando viñeron levar os xudeus,
non protestei,
porque eu non era xudeu,
Cando viñeron buscarme,
non había ninguén máis que puidese protestar.