A reducción dos orzamentos dedicados á sanidade non se realiza só en Galicia. Todas as autonomías, controladas maioritariamente pola dereita, rebaixan o diñeiro dedicado á atención da saúde por segundo ano consecutivo. En total o gasto por persoa
redúcese nun 10,4%, o que significa que
a sanidade española funciona con 5.000 millóns de euros menos que en 2010. As comunidades recortan en persoal, materiais, formación e inversións; en cifras absolutas as administracións gastarán de media 1.204 euros por persoa este ano, frente aos 1.344 de 2010.
Pero non todas rebaixan o mesmo: Euskadi, por exemplo, dedica á sanidade case 600 euros máis por persoa que a Comunidade Valenciana.
Estes recortes teñen xa unha repercusión na prestación dos servizos sanitarios. O deterioro empeza a ser percibido por profesionais e pacientes. Os sindicatos, as plataformas para a defensa da sanidade pública e mesmo os colexios de médicos –que ata o de agora estiveran ausentes nesta controversia-, están a sinalar os puntos negros que poñen en evidencia o deterioro asistencial: o colapso dos servizos de urxencia, o peche de camas e servizos que provocan o aumento –ainda máis- das listas de espera, a sobrecarga laboral dos profesionais, a saturación dos centros sanitarios, etc. O presidente da OMC afirmou que “os médicos teñen a obriga ética de denunciar as consecuencias dos recortes, sobre todo si afectan á saúde dos pacientes, que constitúen a principal prioridade”.
-Catalunya: sanidade con dúas velocidades
Catalunya puxo ao frente da sanidade pública a Boi Ruiz, antes presidente da patronal sanitaria privada. Os severos recortes realizados provocaron numerosas protestas dos cidadáns e profesionais sen que, polo momento, variase o rumbo das súas actuacións. O deterioro asistencial está a ser cada vez máis perceptible. E danse xa casos de persoas que consiguen evitar as listas de espera coa utilización de seguros privados. El País (09-02-2012) informaba hai pouco do caso dunha muller que aforrou sete meses na lista de espera no Hospital de La Seu d`Urgell (Lleida) para ser operada dun xeonllo. O hospital, pechado polas tardes para os usuarios públicos, ofrece os seus quirófanos e cirurxiáns aos seguros privados. Dese xeito, o que pode pagar, non agarda.
O profesor JR Repullo recorda, nun artigo, o tempo, non tan lonxano, en que os hospitais tiñan unha porta para os pacientes “de pago” e outra para os “do seguro”. E pregunta: “Queremos de verdade volver a ese mundo do que tanto nos costou distanciarnos? O SNS baséase na alianza entre clases medias e baixas; todo o que debilite este contrato social é unha irresponsabilidade e atenta contra o interese xeral da sociedade”. As políticas que están a erosionar o servizo público de saúde poden traer unha sociedade mais inxusta, menos eficiente e menos saludable. E remata: “Non debemos aceptar unha sanidade dualizada; non debemos consentir que haxa un sistema sanitario para pobres, que derivaría rápidamente nun pobre sistema sanitario”.
-Valencia: ainda máis lonxe
A Comunidade Valenciana chegou máis lonxe nesta entrega de parcelas da sanidade pública ao sector privado. A Generalitat entregoulle a xestión da asistencia dun millón de valencianos –o 20% da poboación total- á empresa Ribera Salud (en alianza con outras aseguradoras). Esta empresa, a diferencia das aseguradoras clásicas (Asisa, Adeslas, Sanitas), ten focalizado o seu negocio na sanidade pública a través, sobre todo, de concesións administrativas. Controla, con outros socios, cinco departamentos de saúde en Valencia, un hospital público en Madrid, o servizo de análises clínicos de cinco hospitais públicos madrileños e o diagnóstico por RMN da rede sanitaria valenciana.
Ribera Salud, condicionada polas turbulencia do sector financeiro valenciano, está a negociar a súa venta a Capio, o maior grupo sanitario privado español, que xestiona 25 hospitais en España (e ten por propietario a CVC Partners Capital). De producirse esta operación, o fondo británico ocuparía unha posición dominante no control dun servizo público esencial como é a atención sanitaria integral –primaria e especializada-. Pode dar lugar a unha situación de oligopolio sanitario, con enorme capacidade de presión sobre a Administración, con posibilidade de modificar contratos e de fixar prezos.
Por que invirten en sanidade estes grupos? Porque ven que hai negocio no sector. Recordemos que arredor do 30% dos orzamentos dunha autonomía están adicados a sanidade. Neste momento, en que o principal motor da economía española (o sector inmobiliario) está estancado, -e por moito tempo-, as olladas dos negociantes diríxense ao diñeiro público adicado á saúde. Os gobernantes que levaron á bancarrota á sanidade valenciana (agora non poden sin siquera pagar aos seus proveedores), son cómplices da entrega dunha importante parte dos servizos sanitarios a mans privadas, deixando o futuro da Comunidade hipotecado por moitos anos. As demáis autonomías, en lugar de aprender do exemplo e procurar novas vías para mellorar os servizos públicos, deciden ir directos ao precipicio.
-Cospedal vai polo mesmo camiño
Castela-A Mancha segue os pasos de Valencia. Oito meses despois de que o PP chegase ao goberno autonómico, paralizou a construcción dos novos hospitais públicos de Toledo, Guadalajara e Cuenca, e anunciou a cesión ao sector privado de catro hospitais públicos: Villarrobledo, Almansa, Tomelloso e Manzanares. Os tres primeiron funcionan desde 2007 e o último ven xa do antiguo Insalud. O goberno presidido por Cospedal plantexa efectuar no verán o traspaso de xestión de pública a privada. Utilizarán o modelo de concesión administrativa, como en Valencia. As desastrosas experiencia previas e as protestas que se suceden nas cidades afectadas non fan mudar a determinación de seguir por este camiño. De novo o interese e o lucro duns poucos prevalece sobre o interese xeral dos cidadáns.