
A conselleira Mosquera compareceu
no Parlamento galego e o día 15 de setembro; coa displicencia habitual negou
calquera deficiencia ou irregularidade e afirmou que “este é un dos centros
máis modernos de Europa, na vangarda tecnolóxica”. Afirma garantir a seguridade
do hospital e considera a manifestación como “irresponsable".
O portavoz de sanidade do PP, Miguel Santalices (un dinosauro que vive no
Parlamento desde os seus inicios), sinala ao Concello de Vigo como causante das
deficiencias; o grupo parlamentar do PP utiliza a súa maioría absoluta para
vetar unha investigación sobre o HAC e, no colmo dos despropósitos, Núñez Feijoo
utiliza o dedo acusador para sinalar ao goberno bipartito como o responsable da
participación privada no novo hospital de Vigo.

Houbo numerosas irregularidades
durante a construción do edificio e as deficiencias coñecidas son múltiples e
inaceptables. Os recortes introducidos no proxecto son máis que notables: un
32% nas camas de hospitalización e nos quirófanos, máis do 50% no Servizo de
Urxencias, e anularon o Laboratorio Central (o que favorece a Unilabs, empresa
que xestiona o Laboratorio Central de Galicia –e tamén o de Madrid-). As
consecuencias de todo isto son moi graves: a ostensible diminución da oferta
hospitalaria fai que o HAC non será capaz de dar resposta ás necesidades
sanitarias da comarca, a sanidade pública queda gravada cunha tremenda hipoteca
e, ademais, a Administración perde, por completo, o control da sanidade nesa
área, que pasa a ser dominada pola empresa concesionaria do HAC e por Povisa
(de onde procede a Conselleira), que permanece como hospital de referencia para
unha parte importante da poboación. A sanidade pública queda secuestrada por
estas dúas empresas, prevalece o afán de negocio por enriba das necesidades de
saúde da xente.
Como dixo o doutor González
Moreira, membro da Xunta de Persoal da área sanitaria, “nun país normal xa estarían cesados os responsábeis do desastre do novo Hospital de Vigo”.
Porque neste proceso hai responsabilidades políticas evidentes. Serán os
cidadáns os que esixan respostas. Pero tamén deberá actuar a xustiza. O
sindicato médico CESM
presentou unha demanda na Fiscalía de Vigo contra o Sergas pola presunta
responsabilidade na morte da paciente ingresada no HAC. Ademais a a Asociación Galega para a Defensa da
Sanidade Pública (AGDSP) presentou unha denuncia ante a Comisión Europea
por entender que existen irregularidades na tramitación e execución do proxecto
(vulneración de directivas europeas, da disciplina orzamentaria imposta polo
Plan de Estabilidade, das normas de contratación estabelecidas para os
proxectos financiados polo BEI e por actuacións distorsionadoras da
competencia). A AGDSP considera que hai
un claro incumprimento do contrato e reclama,-igual que a totalidade da
oposición política- o rescate da concesión para dominio publico. Mais o PP non
cede no seu empeño: o Sergas xa ordenou o reinicio do traslado para a próxima semana. Hai presa: a concesionaria quere comezar a cobrar o
canon pactado. Hai moito diñeiro polo medio.