Nueva Tribuna
Non me atrevo a prognosticar como será a saúde dos
nosos mozos cando pasen outros trinta anos. Neste mundo tan cambiante e
globalizado, dominado polas forzas escuras do mercado, calquera predicción pode
ser errónea. (Só me atrevo a predecir que aumentarán, en gran medida, os
procesos tendinosos e artrósicos das mans, causados polo uso compulsivo de
tabletas e móbiles).
Xa sabemos que a nosa saúde non depende só do sistema
sanitario. Todos temos unha predisposición xenética que, en boa medida,
condiciona a nosa saúde. Inflúe a contorna e o medio ambiente, e tamén os nosos
estilos de vida. Certos hábitos
adquiridos por amplos sectores da mocidade actual influirán na súa saúde futura.
A tendencia ao sedentarismo, o incremento da obesidade, o uso compulsivo de
dispositivos móbiles -e a cultura da
inmediatez-, o consumo de drogas legais e ilegais, a utilización abusiva de
fármacos para os malestares da vida cotiá: todos estes factores influirán na
saúde colectiva nun futuro próximo. Xa veremos en que medida.
A actual crise
sistémica tamén deixará pegada na saúde individual e comunitaria. A competitividade, a
extrema esixencia laboral, o deterioro dos empregos e dos salarios, a
deficiente cobertura social ante as situacións de precariedade -laboral,
económica, familiar ou de saúde-, a dificultade para o desenvolvemento persoal
e laboral, a incerteza sobre o futuro persoal e colectivo: todos estes
factores, cunha evolución no próximo futuro que ignoramos -porque depende da
interacción de múltiples factores e da capacidade da mocidade para opoñerse á
opresión do capitalismo especulativo-, influirán na saúde dos mozos no porvir.
Depende de todos, e tamén deles mesmos, que podamos construír un futuro mellor.
O que xa é máis preocupante é a saúde e o porvir dos
nosos nenos. Un 30% da infancia española atópase en risco de pobreza. A crise e
os recortes sociais agravaron unha situación que xa era preocupante hai 5 anos,
co 25%. Dos case 20 millóns de nenos europeos en risco de pobreza, máis dun 13% son españois. A pobreza dos nenos depende da pobreza dos
pais, “non hai nenos pobres de pais que non o sexan”, afirma Vicenç Navarro,
polo que a situación da infancia depende da situación das súas familias -sobre
todo das súas nais-. Tamén recorda que a pobreza nos nenos favorece o fracaso
escolar, o que ten consecuencias moi negativas para o futuro do país. A
malnutrición, as deficientes condicións da vivenda, a desprotección fronte ás
inclemencias do tempo e a baixa resistencia ante a enfermidade fai que os nenos
pobres teñan máis enfermidades. A pobreza, a falta de coidados e de
expectativas representan un severo atentado contra a saúde dos nosos nenos,
contra o noso futuro.
Nun informe da Fundación 1º de Maio recórdase que a pobreza infantil está fortemente relacionada coa precariedade
laboral, os baixos salarios e a inestabilidade no emprego dos adultos. Os recortes en política social provocan un
enorme incremento da desigualdade e un aumento da pobreza en xeral e da
pobreza infantil en particular, e fan máis pobres aos que xa o eran. A pobreza
non debería ser un camiño sen retorno, pero esta infancia que medra con
limitadas expectativas, con escaso apoio social e con dificultade de acceso á
educacion e á sanidade poden cronificar a súa situación e ver cegada a súa
saída da precariedade no futuro.

Esta situación non é exclusiva de España. Toda Europa,
en maior ou menor medida, ten o mesmo problema. Save the Children deu a alerta: a actual crise económica, financeira e social de Europa está creando
un aumento da pobreza e a exclusión social infantil en todo o continente. Preto
de 27 millóns de nenos e nenas corren o risco de caer na pobreza e a exclusión
social. Si queremos defender o noso futuro colectivo teremos que cambiar as
políticas para que os nenos, todos os
nenos, teñan a posibilidade de desenvolver unha vida plena que lles permita
aspirar a ser felices.