sábado, 17 de enero de 2015

O crecemento da desigualdade


En Galicia Hoxe




O economista francés Thomas Piketty, no seu famoso libro “O capital no século XXI”, analiza o crecemento da desigualdade no mundo occidental. Estivo por aquí estes días pasados e afirmou que España é a demostración do fracaso das políticas de austeridade. Tamén expresou o seu desexo de que o previsible cambio político traspase as fronteiras para contribuír a “á refundación democrática de Europa”. Vicenç Navarro xa advertira nos seus escritos que, en contra do que afirman os dogmáticos neoliberais, as desigualdades teñen un impacto negativo no desenvolvemento económico, e que “a concentración da riqueza e o empobrecemento dos traballadores son a causa da gran recesión e o baixo crecemento”.



Pero o certo é que a desigualdade crecente pode xerar situacións de severo conflito social. Nas dúas décadas previas á crise, desde EEUU a España, na maioría das economías avanzadas a etapa de expansión non serviu para distribuír mellor. Non só houbo un maior crecemento na remuneracion do capital fronte á do traballo, senón que se ampliou a brecha nesta última. Mais desde 2008 a desigualdade medrou de xeito brutal. En España, o país europeo onde máis aumenta a desigualdade, as empresas que operan nos mercados do luxo son as que máis aumentan as súas vendas . O mercado español do luxo é o noveno maior do mundo, e España segue a China como o país onde hai máis novos ricos. É unha realidade obscena: o número de milmillonarios duplícase durante a crise mentres a desigualdade alcanza niveis extremos en todo o mundo. As vinte maiores fortunas españolas aumentaron a súa riqueza en 15.450 millóns de dólares entre 2013 e 2014 e posúen hoxe tanto como o 30% máis pobre da poboación. Pero esta concentración da riqueza en poucas mans non revierte en beneficio da poboación (desmentindo a hilarante “teoría do derramo" defendida polos neocom): Os ricos levan o diñeiro fóra, non cotizan nin invisten no país: as sociedades dos altos patrimonios prefiren a Bolsa sobre a renda fixa, e as accións estranxeiras fronte ás españolas.


Este reducido grupo de ricos rentistas e xogadores do casino da especulación universal provocan un gran sufrimento a millóns de persoas, danadas pola súa inmensa avaricia. Están afectados pola síndrome de Dióxenes (nunca cesan no seu afán de acaparar), e pola síndrome da invulnerabilidade (na súa inmensa insensatez, chegan a pensar que mesmo poden esquivar a morte). Botín exclamaba enfático, dous meses antes de morrer: “Chéganos diñeiro, moito diñeiro: entran cartos por todos os lados”. Esas inmensas cantidades de diñeiro inútil (agochado, furtado aos poderes públicos e ao beneficio colectivo) poderían evitar moito sufrimento, moita enfermidade e miles e miles de mortes prematuras. Pero non existe esa vontade. As organizacións facciosas que gobernan o mundo non teñen o menor desexo de cambiar o rumbo. Ruiz-Gallardón, o que foi ministro de Xustiza con Rajoy, afirmou que “gobernar é repartir dor”. O inversionista americano Warren Buffett (a terceira fortuna mundial segundo a revista Forbes) dixo: “Hai unha guerra de clases e estámola gañando os ricos”. 
Todo o demais son danos colaterais. 
Todos os demais somos individuos prescindibles. 


 


1 comentario:

  1. Destaco deste post algo que me parece moi interesante e é a síndrome de Dióxenes. Sabemos del polos medios de comunicación que, de cando en vez, nos mostran algún caso, xeralmente unha persoa maior, que vive soa, aparentemente pobre, e que acumula na súa casa o indicible, algo que non só non lle serve para nada senón que mesmo é fonte de infección. Parecería que o temor á miseria induce á acumulación e que chega un momento en que esa necesidade pasa do normal ao claramente patolóxico. É sorprendente tomásese o nome de Dióxenes para definir un comportamento claramente oposto ao deste filósofo aínda que esa é unha cuestión menor.
    Pero esa síndrome, a quen afecta de verdade, como se indica no post, é aos máis ricos, aos que teñen como tarefa existencial unha soa, a de enriquecerse "ad infinitum". Dese modo, nunca chegará a sentirse un rico como tal; como a anoréxica que se ve gorda, o rico se verá pobre e sempre terá que aforrar, sempre terá que arriscar para gañar máis, sempre lle parecerá pouco o que deixa aos seus fillos. Max Weber ligou o capitalismo á ética protestante. En certo modo, a síndrome de Dióxenes dos ricos é a súa única ética persoal e nesa óptica o outro, o non rico e especialmente o pobre, non son senón exemplo de fracasos morais e non resultado de inxustiza social. Desprezando a xustiza, a súa ética considera a caridade, a que permite empregar xente con soldos miserables ou destinar unha cantidade para fundacións altruístas ou celebrar festas por unha boa causa. Unha caridade que entra na mesma dinámica, xa que supón investir para o ceo.
    O problema que temos reside en que, se a síndrome de Dióxenes de pobres só ten consecuencias negativas para os seus veciños inmediatos e para eles mesmos, o dos ricos nos afunde na miseria a todos os demais, porque, a diferenza de trastes vellos acumulados, a posesión de moito diñeiro vai intimamente ligada á do poder real, dende o que a diferenza entre ricos e pobres se seguirá agrandando se un cambio político serio non o remedia dunha vez.

    ResponderEliminar