miércoles, 28 de enero de 2015

A sociedade do malestar


En Nueva Tribuna
En Praza Pública




Toda persoa debe ter dereito a deseñar o seu propio proxecto vital e traballar por construílo día a día. Para iso é necesario garantir a igualdade de oportunidades e que a sociedade permita o desenvolvemento persoal e profesional de cada quen segundo a súa capacidade, a súa valía e o seu esforzo. Hoxe xa non se dan estas condicións, de tal forma que moitos mozos, formados e cualificados, non teñen a oportunidade de exercer a súa profesión e desenvolver as súas calidades. As políticas impostas polo PP (na educación e no mundo do traballo) cortan as expectativas vitais e profesionais da mocidade, abocada a exercer traballos por baixo da súa cualificación e con salarios que non lle permiten saír da pobreza nin, en moitos casos, abandonar a casa paterna e construír o seu propio futuro. 


Esta situación, xa prolongada no tempo, levou a moitos mozos a buscar o futuro lonxe das nosas fronteiras (“movilidade exterior”, segundo a ministra Fátima Báñez). Algúns xa volveron, porque as gadoupas do capitalismo especulativo tamén dominan noutras xeografías; outros languidecen -exercendo traballos precarios e mal pagos-, na espera de que cambie o vento. Pero o vento non cambia só e teremos que soprar todos noutra dirección. Esta situación de stand by terá consecuencias sobre a saúde, porque un dos factores que máis inflúen na saúde e no benestar é a capacidade de control da propia vida. E esa sensación de control, de dirixir o propio proxecto vital, hoxe en día os mozos -e outros non tan novos- non a teñen. 

Nun traballo do profesor Marmott (citado por Navarro), sinala a importancia de poder controlar o traballo e a vida dun mesmo: “canto maior sexa a percepción de control da vida, maior será nivel de saúde”. Xa que logo, a renda, a educación, o status social e outras variables serían instrumentos para alcanzar esa vivencia de control. «Esta sensación preséntase en cada persoa e depende de como se relacione coas outras: canto maior sexa a sociabilidade e solidariedade, mellor saúde». As políticas ultraliberais, agora imperantes, caracterizadas polo darwinismo social, provocan patoloxía colectiva e deterioran a calidade de vida e a percepción de saúde da maioría da poboación. O énfase na competitividade, a ausencia de protección social, a inseguridade laboral e o desemprego producen deterioro social e aumento da mortalidade en todas as idades.


Este feroz darwinismo social e a presión da industria farmacéutica leváronnos a unha sociedade do malestar. En moitos casos o malestar é obxectivo, causado por condicións externas opresivas, pero tamén existe unha gran intolerancia ao disconfort físico e psicolóxico, de tal forma que se medicalizan –converténdoas en doenzas que necesitan tratamento-, os problemas da vida cotiá (a tristeza, a pena, o temor, a inseguridade). O consumo de ansiolíticos disparouse nos últimos anos en España. A poderosa industria farmacéutica presenta as medicinas como un elixir que axuda a superar o malestar e construír unha burbulla de felicidade (ou máis ben de inconsciencia). Barbara Starfield xa alertaba en 2002 que a iatroxenia é a terceira causa de morte en EEUU. Nós tamén imos por ese camiño. 

O pensador Byum-Chul Han, no seu libro “A sociedade do cansazo”, debuxa un mundo obsesionado polo rendemento, uns individuos exhaustos pola competitividade feroz, sempre alerta. O fracaso non se admite. Os que non seguen o ritmo quedan excluídos, o que xera gran angustia: “A xente ve a vida como o xogo das cadeiras, no que un momento de distracción pode comportar unha derrota irreversible. Neste marco de consumismo e individualismo hedonista, “somos incapaces de controlar a velocidade do coche que nos leva e entregámonos á compra compulsiva de saúde”. Espérase da medicina o que non pode dar, e esquécese que os medicamentos non son inocuos, teñen efectos secundarios e, nalgúns casos, poden adiantar a morte. Han propón, para superar o permanente estado de malestar do home moderno: “a forma de curar esta depresión colectiva é deixar atrás o narcisismo; mirar ao outro, darse conta da súa dimensión, da súa presenza”. É tarefa da mocidade construír outro mundo con novos valores, lonxe da competitividade feroz, o narcisismo e a autocomplacencia.


 

3 comentarios:

  1. A xuventude quedalle fraca herdanza Nos entramos na adultez con un pais cheo de esperanzas, as q deixamos polo camiño do consumismo-conformismo Moito valor precisan eles Decia meu pai: nos fumos os q levantamos España, e meu fillo respostaba: e nos os q nos caeu enriba Que facemos nos? Escreber?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Escribir?
      Si.
      E falar, dicindo si ou non cando haxa que dicir si ou non, sen incorrer na complicidade pasiva.
      E, se é posible, actuar para cambiar as cousas, aínda que sexa a unha escala moi pequena. Ou non cando esa acción serve como complicidade activa.
      O que acontece no noso país non se debe só aos "mercados", que inclúen a Big Pharma, nin a políticos que están na cúspide. Hai moito mando intermedio ao longo de todas as escalas xerárquicas que son cómplices activos do que pasa, como hai moito adulador que facilita este estado de cousas

      Eliminar
    2. Para ver: El poder de las armas. Mexico, creo q de 1978 (mais ou menos) Participou no Certame de Cine de Humor da Coruña (RIP) Se cadra poden orientarte no Concello. Logo me contad

      Eliminar