jueves, 22 de enero de 2015

A hepatite C e a industria farmacéutica

En Nueva Tribuna


Cando escribimos estas liñas os afectados pola hepatite C (de 400.000 a 900.000, segundo sexan as fontes utilizadas) levan varias semanas mobilizados (marchas, peches, concentracións, manifestacións) para reclamar unha correcta atención a esta doenza. A demanda principal vai dirixida a reclamar da Administración o acceso a través da Sanidade Pública a un fármaco (Sofosvubir, de nome comercial Sovaldi), que é presentado polo laboratorio que o comercializa (Gilead) como a auténtica panacea. O gran problema estriba en que este medicamento, que non é tan milagroso como afirman, pretenden vendelo por 25.000 euros (mentres o custe de produción é arredor de 115 euros, para un tratamento de doce semanas) o que o fai inasequible para as economías particulares e moi custoso para a Sanidade Pública. Cómo se chegou a esta situación? Fagamos un breve repaso.


De que medicamento se trata?

O Sovaldi é un medicamento que Gilead lle mercou por 11.000 millóns de dólares ao laboratorio Pharmasset –que investira 62 millóns de dólares na súa investigación-. Gilead presenta Sovaldi como a píldora milagrosa capaz de curar a máis do 90% dos afectados, en menos tempo e con menos efectos secundarios. Mais resulta sospeitoso saber que é ese laboratorio o único que posúe todos os datos dos ensaios clínicos sobre  a eficacia e seguridade do mesmo. Eses son os informes que Gilead presentou á Axencia Europea de Medicamentos (EMA) e son os que tamén facilitou ás asociacións de afectados que están, parcialmente, financiadas por este laboratorio. Así pois, é a propia empresa a que ten a información, que subministra á Administración e aos propios pacientes de xeito sesgado, xerando unha expectativa de curación masiva e unha lóxica demanda colectiva por parte dos afectados. Realmente o Sovaldi é unha molécula que inicia unha vía terapéutica nova pero que, segundo os expertos, pronto poderá ser superada. Mais non se fixo, aínda, unha avaliación externa e neutral para saber se esta terapia é superior ás existentes. En calquera caso o prezo do fármaco é inxustificable. A farmacéutica Gilead conseguiu un acordo co goberno español (PP) para comercializar o Sovaldi a un prezo de 25.000 euros (unas 200 veces o seu custo de produción). É difícil atopar información transparente a este respecto por parte do Ministerio de Sanidade que tampouco facilita unha información fiable aos profesionais sanitarios nin aos afectados, ao tempo que raciona a súa administración. Este segredismo e este racionamento son os que provocaron a “rebelión” dos afectados aos que o laboratorio promete unha curación total con ese medicamento.



Gilead, a gripe aviaria e o Tamiflu

Gilead é un fondo de investimento controlado por grupos de capital risco como Capital Group –segundo maior accionista de Bankia-, os bancos Santander e BBVA, a empresa Inditex, o laboratorio Griffols e a compañía eléctrica Endesa. Este fondo de investimento tivo no consello de administración a personaxes como Donald Rumsfeld e George Schultz, que estiveron entre os promotores da desgraciada guerra de Iraq.

Esta compañía. que posúe fortes vínculos co goberno dos EEUU, ten un historial moi polémico. No seu día elaborou o Oseltamivir (o famoso Tamiflu), un antiviral que foi presentado como o remedio necesario ante a gripe aviaria primeiro e, nunha segunda ocasión, fronte á gripe A. Gilead vendeulle o fármaco a Roche e ámbolos dous laboratorios fixéronse de ouro coa venda deste produto a distintos gobernos despois de que conseguisen xerar un estado de alarma global ante o risco dunha pandemia severa que podía provocar unha gran mortaldade na poboación. Ningunha das dúas pandemias chegou, por fortuna, a provocar os danos anunciados, os gobernos gastaron grandes cantidades de diñeiro público para facer acopio do antiviral (que logo foi destruído ou enviado ao Terceiro Mundo) e o Tamiflu demostrou ser ineficaz e con máis efectos secundarios dos anunciados. Pasados os anos todos nos decatamos que se tratou dunha enorme estafa colectiva, dun fraude masivo que, que eu saiba, aínda non foi castigado polos tribunais de xustiza.



A mobilización dos afectados


A estratexia desenvolvida daquela ten certas similitudes coa actual: presentan o produto como a panacea necesaria, xeran unha demanda por parte da poboación afectada e impoñen un prezo abusivo que, despois de aprobado polo goberno, non chega aos afectados. A mobilización destes, doídos pola falta de información e polas trabas da Administración para o tratamento dos afectados, levou a que o Ministerio de Sanidade, se cadra de acordo con Gilead, creara unha Comisión de Expertos para elaborar un Plan Estratéxico contra a hepatite C. Unha decisión gobernamental que nace baixo sospeita xa que tódolos membros desta comisión teñen algún tipo de relación coas grandes multinacionais farmacéuticas, con predominio da empresa Gilead, o que cuestiona definitivamente a súa independencia.



Poboación afectada

Gilead ten présa en vender un medicamento que lle  custou miles de millóns de euros, en primeiro lugar porque existe incerteza sobre a eficacia do fármaco. A prestixiosa revista Prescribe –allea aos intereses da industria farmacéutica- publicou recentemente que, se ben Sovaldi supón unha mellora no tratamento da hepatite C, segue sendo mínima a súa avaliación clínica, e tampouco está clara a súa seguridade. Diferentes axencias avaliadoras advirten que a seguridade deste produto é descoñecida, dado o pouco tempo transcorrido dende a súa aprobación e os escasos resultados publicados sobre os seus efectos adversos.En segundo lugar, a empresa pode perder a patente. Cómpre saber que a Oficina de Patentes da India –país pioneiro na fabricación de xenéricos a baixo custo- negoulle a Gilead o monopolio de Sovaldi por considerar que realmente “aporta pequenas modificacións dunha molécula utilizada dende hai algún tempo no tratamento do VIH”. E, en terceiro lugar, porque esta enfermidade irá en declive, debido a que a maioría dos enfermos graves de hoxe son persoas que teñen entre 50 e 70 anos de idade,  nacidas no chamado baby boom, e apenas existen enfermos menores de 30 anos con hepatite C. 
 

Algunhas propostas

A importancia e a gravidade do problema debería levar á toma urxente de decisións que beneficien aos pacientes:

1º. Facer público, de xeito inmediato, toda a información dispoñible sobre os resultados habidos en pacientes tratados con Sovaldi –taxas de curación, efectos secundarios, mortalidade asociada-.

2º. Crear unha comisión realmente independente que avalíe toda a información científica dispoñible sobre este fármaco, defina os pacientes que o precisan así como as prioridades no tratamento e os custes económicos –os fixados por Gilead son realmente inasumibles sen que se produzan enormes desaxustes no gasto sanitario público-. Non é admisible que se deixe   sen o tratamento necesario aos pacientes -este o calquera outro-,  por razóns económicas, debido aos recortes no gasto público que está a facer o goberno do PP.

3º. Explorar todas  as posibilidades de abaratar custes, incluíndo a súa fabricación como xenérico, como xa se decidiu na  India e na súa área de influencia.

Tratase de poñer as necesidades dos pacientes por diante dos intereses mercantís dunha industria farmacéutica que conta demasiadas veces coa complicidade de gobernos corruptos e insensibles.


(Agradecementos: A Luísa Lores, Manuel Martín e Javier Peteiro, polas súas apartacións).


8 comentarios:

  1. Fantástico artículo. Eres un crack Pablo

    ResponderEliminar
  2. Unha mágoa este novo intento de estafa colectiva, que como moi ben refire Pablo, recórdanos á do Oseltamivir. Tento poñerme no lugar dun paciente con VHC e non son capaz... A desinformación é enorme e as expectativas xeradas inxustificadas. Teño unha paciente que este mes de marzo cumple 21 anos e diagnostiqueille VHC + fai cousa de tres anos, non podendo atopar con certeza a causa de contaxio. ¿ Cómo lle explicas a alguén nesta idade que é posible que haxa curación para a súa enfermidade, que podería levar unha vida máis normal da actual e que realmente non nos podemos fiar da información que temos e que todo "cheira" a un grande negocio e que é preferible esperar?. Cáeme a cara de vergoña allea......

    Súmome á postura do COMC, que habitualmente ven facendo declaracións dende o meu punto de vista bastante "tibias", pero que esta vez creo acertado nos seus plantexamentos e propostas: http://www.comc.es/index.php/es/circulares-y-convocatorias-ordinaraias-extraordinarias/1393-comunicado-omc-sobre-hepatitis-c

    Un forte abrazo a Pablo, Javier e todos os que de xeito habitual participades neste imprescindible blog.

    ResponderEliminar
  3. Veo bien que toda Europa asuma el control y la compra en común, ya que ante gobiernos de distintos colores políticos, nadie pensara mal que lo hagan por negocio. Me gustaría saber que están haciendo los paises nordicos, si estan empleando ya este farmaco a sus pacientes. Gracias por mantenernos tan bien informados.

    ResponderEliminar
  4. Comparto a preocupación e a indignación polo comportamento carroñeiro dun laboratorio que antepón a súa conta de resultados a calquera consideración de tipo humanitario.
    Dito isto, hai afrimacións no artigo que, como doente afectado, me producen certo repelús: Afirmar que as "asociacións de afectados (están) parcialmente financiadas por este laboratorio (Gilead)" é unha verdade parcial, tamén axitada desde círculos gobernamentais, que induce a confusión. A simple consulta da fonte citada mostra como as asociacións "parcialmente financiadas" son organizacións de autoaxuda, ben máis antigas que a comercialización do Sofosbuvir e que non son nin o motor nin as protagonistas da mobilización. Por outra parte, tampouco se aclara en que data recibiron esas axudas para actividades absolutamente propias desas asociacións, axudas que reciben de laboratorios case todas as asociacións de pacientes. Con ese argumento poderiamos chegar á conclusión de que non hai un só médico independente á hora de prescribir porque todos participaron en algún simposio, seminario ou congreso "parcialmente financiado" por un ou máis laboratorios. Xa que logo, establecer unha relación directa entre a mobilización dos doentes que levamos tempo agardando por unha esperanza de curación, despois de moi dolorosas terapias que acabaron en fracaso e os intereses dun laboratorio é, con tan feble argumento, temerario.
    As Plataformas de Afectados pola Hepatite C, e máis concretamente a Plataforma Galega, da que son un dos voceiros, non recibimos apoio económico de ningún laboratorio ou entidade pública ou privada. É máis, nós nunca nas nosas reivindicacións utilizamos o nome de ningunha presentación comercial, falamos de principios activos (Daclastavir. Sofosbuvir...) cando facemos referencia aos inhibidores da proteasa ou os AAD de última xeración. Porque a nós, como doentes, non nos compete nin nos importa se llo mercan a Gilead, aos fabricantes hindús ou se expropian a patente e fabrican un xenérico en España.
    Referente ao cuestionamento dos ensaios clínicos feitos co Sofosbuvir, nós non formamos parte da comunidade científica e non podemos avalialos, pero pedimos que cando se fagan, se mencione algunha fonte, algún estudio se quer parcial e non desde un apriorismo da desconfianza cara a un laboratorio do que todos coñecemos comportamentos pouco éticos. Iso si contribuirá a establecer o debate en tremos racionais. Eu pregunto (desde a miña ignorancia) se as advertencias de·"diferentes axencias avaliadoras" respecto do Sofosbuvir son substancialmente diferentes das que se fan cando se introducen outros fármacos (por exemplo antibióticos de última xeración) que ninguén cuestiona utlizar en casos nos que non hai alternativa de tratamento.
    O feito contrastable é que, a día de hoxe, os criterios impostos na IPT do Ministerio deixan fóra á inmensa maioría dos enfermos en situación grave (léase F4 e postransplantados infectados con dano hepático en grao menor a F3). Que todos os cirróticos compensados non somo nin sequera candidatos ao tratamento, que os F3 con fibrose severa teñen a certeza de que non van ser tratados para evitar chegar a ser cirróticos...
    Realmente alguén pensa que quen levamos anos sen tratamento, vendo como a nosa condición e función hepática se vai deteriorando, coa espada de Damocles do carcinoma hepático axexando e sabedoras de que, no mellor dos casos, nos espera un transplante con moi pobres reultados de éxito, necesitamos ser mobilizados por unha farmacéutica para esixir que nos dean a posibilidade de intentar curarnos?
    Unha última precisión: Nós non só non pedimos unha marca concreta, tampocuo dicimos que o tratamento teña que ser con Sofosbuvir. Nós pedimos acceso aos tratamentos de última xeración (iso inclúe a agromante competencia de Gilead) sen máis criterio que o dos médicos especialistas que coñecen o noso estado e evolución, sen inxerencias dunha adminstración máis preocupada por cadrar as contas a base de recortes no gasto sanitario que polos problemas de Saúde Pública.
    Quique Costas.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

      Eliminar
    2. Estou un pouco lelo. Eliminéi duas veces o meu comentario por fallas. E o seguinte:
      Creo que Pablo limitouse a resaltar, citando a Miguel Jara, o interese da industria farmacéutica por influir en asociacións de pacientes
      Esa influencia adoita predominar en situacións que, efectivamente, non son comparables á que nos ocupa. Nela, Gilead pode simplemente esperar e ver. E é que, en xeral, podería dicirse que Gilead tamén é “solidaria”; basta con consultar esta web: http://www.gilead.com/about/worldwide-operations/europe/spain
      En canto a información relevante, creo que o publicado na prestixiada revista New England Journal of Medicine avala a esperanza na eficacia clínica do Sofosbuvir. Por suposto, non sería descartable a existencia de datos negativos non publicados (algo que sucede con certa frecuencia no caso de produtos farmacéuticos).
      Desde o meu punto de vista, o problema aquí reside esencialmente na torpeza e inoperancia aparentes da Administración. Ha de terse en conta que si vimos a un neno dun mes de idade entre antidisturbios, coma se dun cruel terrorista tratásese, votado da súa casa coa súa familia, non podemos esperar moita sensibilidade do Ministerio de Sanidade ante a hepatite C no noso país. Si Vd. tómase a molestia de escribirlle ao Sr. Ministro, talvez reciba unha atenta carta de resposta con criterios moi claros de indicación para a prescripción do Sofosbuvir (non o IPT; moito mais claros); criterios que, na práctica non serán relevantes xa que non se dará o fármaco
      No entanto, ha de manterse a esperanza e, nese sentido, creo que a Plataforma de Afectados conseguirá o seu obxectivo, aínda que lamentablemente sexa máis tarde do que todos quereriamos.

      Eliminar
  5. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  6. Bisnes es Bisnes.
    No hay personas sanas, hay pacientes mal diagnosticados.
    Con estos dos corolariso, las farmacéuticas se forran, y hacen bien.
    La gente le gusta consumir productos farmacéuticos o de parafarmacia o simples chanchullos. Si somos tontos, por que no beneficiarnos.

    ResponderEliminar