En Galicia Confidencial
En Nueva Tribuna
Se as actuacións da
industria farmacéutica estivesen inspiradas polos principios da ética o
obxectivo principal sería a obtención de fármacos e remedios que permitisen curar
ou aliviar as doenzas dos humanos provocando o menor dano posible. Mais non sempre
é así. Nos últimos tempos houbo casos en que se vulneraron ampliamente os límites
da ética e da legalidade.
O obxectivo
principal de certas empresas é o lucro. Este é un próspero negocio que produce
enormes beneficios. Utilizan todas as estratexias posibles para aumentar o
consumo de fármacos. A “invención” de enfermidades (alopecia, fobia social,
disfunción eréctil, embarazo, menopausia),
a medicalización dos malestares propios da vida, converter os factores de risco
en doenzas ou a fixación de límites cada vez máis estrictos nos parámetros
analíticos: Todo vale se nos convirte en “comedores” de pastillas. Nos países
avanzados os medicamentos supoñen entre o 15 e o 33% do gasto sanitario. Os
fármacos son cada vez máis caros; a industria xustificao coa suposta inversión
en investigación para desenvolver novos produtos, mais a realidade é que adican
o dobre á promoción que a I+D. Ademáis,
moitos dos fármacos non son tan novos: a maioría son versións modificadas
doutros xa existentes e máis baratos.
Estas empresas posúen
unha poderosa maquinaria de promoción, chegan a agochar
información sobre efectos secundarios e mesmo, nalgúns casos, a vulnerar a legalidade, con tal de protexer as
súas ganancias. A doutora Marcia Angell (que foi directora do New England Journal of Medicine) ten
denunciado a nociva influenza que exercen sobre os médicos prescriptores e
cuestiona a obxectividade da investigación médica patrocinada polas compañías.
Hai tres casos dos últimos tempos que son moi demostrativos da forma de
proceder destas empresas:
 |
Estatua de Allison Lapper en Trafalgar Square |
-Talidomida: Este fármaco foi
comercializado pola compañía alemana Grünenthal entre os anos 1958 e 1963 como
sedante e calmante das náuseas do embarazo.
Tivo éxito e vendérono en moitos países ata
que se soubo que era
teratóxeno e provocaba graves anomalías conxénitas,
nalguns casos incompatibles coa vida. A
demostracion non foi doada: os doutores Widukind Lenz e Claus Knapp
tiveron que facer unha
investigacion detectivesca para dar coa orixe das malformacions. Miles de nenos naceron en
todo o mundo con severas malformacións irreversibles que provocan minusvalías
de diverso grado: é o que chaman a “
catástrofe da talidomida”. Unha vez
comprobada a relación causal prohibírono en todo o mundo. En 1971 o laboratorio
acordou indemnizar aos afectados alemans. Pero en España o fármaco continuou
nas farmacias cando xa estaba retirado en todo o mundo e hai perto de 200
afectados que reclaman
indemnizacion. O pasado mes celebrouse en Madrid un
xuizo, despois dunha demanda interposta pola Asociacion de Vítimas da
Talidomida (
AVITE), que xa está listo para sentenza. Os afectados
demandan unha xusta reparación do
enorme dano causado, pero a compañía argumenta que o caso xa está prescrito. Grünenthal é hoxe unha compañía moi potente, con
implantación en todo o mundo e especializada en productos analxésicos. O gran
escándalo da Talidomida non lastrou o seu desenvolvemento posterior.
-Lipobay
(Cerivastatina): Hai empresas farmacéuticas que
teñen un pasado obscuro. É o caso de Bayer (fabricante da Aspirina) que, na II
Guerra Mundial, elaborou o Zyklon B, pesticida a base de cianuro, utilizado polo
nazismo para asasinar a miles de persoas nas cámaras de gas. Máis recente é o
caso do fármaco Lipobay, usado para baixar os niveis de colesterol. Este fármaco
presentárono en todo o mundo a finais dos anos
90 como o remedio definitivo para a prevención cardiovascular. Tiveron que retiralo pouco despois, en 2001, pola
aparición de efectos secundarios graves xa que, en certos casos, provocaba dano
muscular severo e mesmo a morte. A Fiscalía de Colonia investigou a este grupo
farmacéutico por sospeitar que coñecía os efectos secundarios deste preparado
sen que os tivese notificado. Despois de provocar centos de mortes e miles de
afectados Bayer retirou o fármaco, tivo que facer fronte a indemnización
millonarias e baixou un 30% a sua cotización en Bolsa. Xa ninguén lembra aquel escándalo e Bayer segue a ser unha das empresas máis
potentes de Europa.

-Vioxx (Rofecoxib): Este
medicamento presentouno a compañía norteamericana Merck, en maio de 1999, como
unha gran innovación. Supostamente carecía de toxicidade gastrointestinal e
prometía ser máis seguro i efectivo que os antiinflamatorios xa existentes. Poucos
meses despois do lanzamento apareceron datos
concluíntes que indicaban un incremento no risco de sufrir infarto de
miocardio. Todo apunta a que a empresa coñecía os riscos do fármaco e que
manipulou o deseño e os datos dos estudos para minimizar os efectos adversos. No
ano 2000 había xa unha fundamentada certeza sobre este asunto. Pero a compañía
negou as evidencias, non o retirou e mesmo perseguiu xudicialmente aos
investigadores que se atreveron a advertir sobre os riscos deste medicamento.
Ese foi o caso do farmacólogo catalán Joan Ramón Laporte, que tivo que afrontar unha
demanda polo penal desta compañía. Seis anos despois da súa comercialización
máis de cen mil persoas, só nos EEUU, padeceran ataques cardíacos e ictus
provocados polo seu consumo. En setembro de 2004 Merck vese na obriga de
retirar o medicamento, as súas accións baixaron un 27% e tamén tivo que facer
fronte a indemnización millonarias. Anos despois, e pasada a treboada, esta
compañía segue a ser unha das máis potentes de EEUU e do mundo. Laporte
considera que “se trata de la mayor
tragedia atribuible a un medicamento”. É un perfecto exemplo do que pode
ocorrir cando o afán de lucro prevalece sobre o dereito das persoas.
Postdata: Sobre estes e outros
temas semellantes van falar nas Xornadas
de Debate “Os conflitos de interese na saúde”, que se celebrarán no Pazo de
Cultura de Pontevedra os días 22 e 23 de novembro, promovidas pola Plataforma
Nongrazas, nas que participarán expertos de todo o Estado.