En Galicia Hoxe
Os expertos non
teñen dúbida: o dereito á asistencia
sanitaria gratuita para toda a poboación é un mecanismo moi eficaz para rachar o círculo da pobreza. Así o afirmaron nunha Asemblea Xeral da ONU celebrada
nestes días pasados. A OMS calcula que cada ano hai uns 150 millóns de persoas
no mundo que van á ruína por ter que pagar facturas sanitarias (nalgúns puntos
de África unha cesárea pode custar 200 euros, cifra imposible para a grande
maioría da poboacion). O coordinador de “Acción
por la Salud Global”, Tim Roosen, é contundente: “Si
no se cumple el derecho a la salud para todos los ciudadanos, los Estados no
prosperarán ni crecerán, y los pobres seguirán empobreciéndose cada vez más”.
A OMS afirma que investir en saúde pública é rendible:
atállanse as doenzas evitables e mellóranse os indicadores de saúde, producindo
un incremento da capacidade laboral e da productividade. Tamén sabemos que investir en sanidade mellora o prognóstico do cancro; un estudo recente demostrou unha forte correlación directa entre gasto
sanitario e supervivencia ao cancro despois do diagnóstico: a máis gasto, a
mortalidade é menor.
En España, a partir
da Ley General de Sanidad (1986),
promovida por Ernest Lluch, fíxose un longo camiño para conseguir a cobertura sanitaria universal de forma
plena. O Sistema Nacional de Saúde (SNS), de cobertura universal e
financiamento a través dos impostos, é un referente a nivel internacional. A “Organización Panamericana de la Salud”
impulsa este modelo nos seus países membros. Mais aquí, pola actuación cruel e
pertinaz deste goberno, estamos a facer o camiño en sentido contrario. No que
vai de lexislatura o PP está a realizar unha demolición programada do SNS. Estas
son algunhas das súas actuacións recentes:
1.- O RD Ley
16/2012 introduciu a obriga de diversos copagamentos que sobrecargan, de xeito
insuportable nalgúns casos, as deterioradas economías familiares. O 16 % dos
xubilados non poden completar os seus tratamentos, e son cada vez máis as
persoas maiores que piden axuda para mercar as medicinas. Mais tamén deixou sen
cobertura a perto dun millón de persoas que quedaron sen tarxeta sanitaria.
Segundo Médicos del Mundo cada día 2.400 persoas quedan excluidas da cobertura sanitaria desde que comezou a aplicación deste decreto en setembro
de 2012. Esta organización puxo en marcha unha campaña informativa –“Ninguén desbotado”-, para concienciar á poboación sobre a gravidade da situación. A supresión da atención sanitaria aos inmigrantes é unha decisión
cruel e inxustificada: o dano provocado é inmensamente superior ao aforro
conseguido. Mais tamén é unha medida insensata e perigosa: as persoas excluidas
con doenzas transmisibles poden
representar un perigo para toda a poboación.
2.- O goberno do PP
ven de enviar á UE o seu “Programa Nacional de Reformas. Reino de España 2013”
para evidenciar a súa vontade de continuar cos recortes sociais. Segundo un
informe da FADSP unha das partidas máis afectadas vai ser o Sistema de Atención
á Dependencia: de 2012 a 2014, en tres anos, van aplicar un recorte de 2.220
millóns de euros. Quedarán sen atención
256.000 dependentes, ainda que “o obxectivo final é desmantelar todo o
dispositivo previsto pola lei para permitir ás multinacionais dos servizos
sociosanitarios apropiarse destes, como fixeron xa no Reino Unido”.
3.- O pasado 19 de
setembro o goberno publicou no BOE unha resolución pola que se obriga aos
pacientes con doenzas crónicas graves
(cancro, artrite reumatoide, hepatite crónica, esclerose múltiple etc.) ao
pagamento do 10% do prezo por envase
dos fármacos de dispensación
hospitalaria –que adoitan ser moi caros-. No preámbulo da resolución o
propio goberno recoñece a gravidade e cronicidade das patoloxías afectadas. Esta medida debería ser implantada polas
autonomías a partir do primeiro de outubro, pero varias comunidades xa
anunciaron que non a van aplicar. Os defensores do copagamento aducen dúas
razóns para impoñelo: a función disuasoria e a capacidade recaudatoria. Mais non
é posible evitar que estas persoas deixen de utilizar estes fármacos, sen pór
en risco a súa saúde, e a recaudación económica vai ser insignificante para o
goberno (hai un límite de 4.2 euros por envase) ainda que moi gravosa, e mesmo
imposible de asumir, para os enfermos.
Se non reduce o consumo nin recauda
diñeiro: por qué aplica o goberno unha norma tan inxusta e cruel? Hai razóns
ideolóxicas para impór estes castigos ás persoas máis necesitadas de axuda. A
viceconselleira de sanidade de Madrid, Patricia Flores, preguntábase hai pouco: “¿Tiene sentido que un enfermo crónico viva
gratis del sistema? Tamén hai
unha intención intimidatoria. Con
estas medidas o goberno persigue crear unha situación de pánico colectivo; os
propios afectados vense paralizados polo medo, superados por unha situación de
desamparo e desprotección que os fai temer pola propia vida. Mais debe ser toda
a cidadanía a que reaccione ante estas imposicións que nos retornan a un pasado
que criamos superado. Porque, se non actuamos, algún día poderá tocarnos a nós.
![]() |
OBREIROS NOS RAÑACEOS DE NEW YORK (1932). CHARLES C. EBBETS. |