martes, 30 de abril de 2013

Campións de Liga e Copa

En Galicia Hoxe



Desculpen vostedes a inmodestia pero hoxe vou escribir sobre a miña traxectoria deportiva.  O meu é o fútbol. A gloria tardou (estiven sempre en equipos que tiñan o mal costume de perder) pero agora veño de conseguir o doblete (campións de liga e copa) co equipo do Materno, por segundo ano consecutivo, no Torneo Sanitario de fútbol-7 da Coruña, onde participan equipos de altísimo nivel (e esto non é broma). Con cincuenta e sete anos e dous netos cheguei, por fin, a formar parte dun equipo vencedor. Nunca fun un gran xogador, agora polo dicilo pois xa non agardo novos contratos. De novo era rápido, agora fago pases en longo para que corran os demáis.

Comecei hai 50 anos, tentando caneos darredor dos carballos no campo da festa de Ceilán. Os rapaces faciamos pelotas con papel e trapos atadas fortemente cun cordel. Algunhas duraban ata dous partidos. Aos 17 anos era unha promesa do fútbol local. No equipo do Negreira coincidín con Fernando Vázquez, hoxe adestrador do Deportivo. A Liga da Costa era ruda e varonil. Había defensas rexos, con barba de sete días, que te avisaban con cortesía: “Rapaz, como veñas por aquí pártoche as dúas pernas”. Eu procuraba ir por outro lado. Recordo os campos embarrados, os pés feridos despois dos partidos, e a impotencia de chegar ao córner, pegarlle con forza á pelota e non ser capaz de enviala  ao punto de penalti: daquela os balóns eran de coiro que se enchoupaba coa auga e chegaban a pesar varios quilos. Deixei pronto o Negreira por causa dos estudos mais nunca abandonei a práctica do fútbol. Durante a carreira xoguei no equipo da Facultade e nos  torneos de prensa, cos compañeiros de El Ideal Gallego.

Nos meus anos de MIR na Coruña alugamos a pista do frontón de Riazor para facer unha pachanga de fútbol sala. Durante tres décadas o aluguer estivo a nome de “Caramés-Cidade Sanitaria”. Martes e xoves, de catro a cinco: por alí pasaron moitos compañeiros do CHUAC. Algúns xa non están (Manito, Sogo), hai quen se xubilou (Daniel Vilela), e outros hai tempo que abandoaron a práctica deste deporte (Diego Vela, Pais, Reparaz, Albaina, Caramés, Suso Blanco, Segundo de Andrés etc). Había tres residentes vascos (Loubet, Brouard e Larizgoitia) que honraban a súa estirpe: pelexa e brega ata a extenuación. E había un andaluz de Trebujena (Cádiz),  Juan Chamorro (alias “Quillo”) que é o xogador máis espectacular e brillante que eu coñecín. Suso Blanco aínda non foi quen de comprender como lle fixo centos de “cañitos”, cando a súa única obsesión era evitar o seguinte. 


Alí onde a vida me levou sempre busquei un grupo para darlle patadas á pelota. En Estepona, donde estiven varios anos na década dos 80, xoguei nun equipo que se chamaba o Azor. Ainda hoxe manteño relación con moitos amigos. De novo en Coruña continuei co fútbol sala nas filas do Sobre Rodas. O ano 2002 gañamos A Copa de Cambre. (Gardo a foto na que estamos os integrantes daquel equipo victorioso: Ageitos, Simón, Martín-Sastre, Macho, Álvaro, Antón, Suso Souto, Jorge, Miki, Lariño e eu mesmo). Logo comezou un lento declive; despois de perder uns cantos partidos, o encargado da pista dos Campóns –que nos tiña aprecio-, díxonos: “E non vai sendo hora de que busquedes unha liga de veteranos, para xogar contra xente da vosa idade”. Fixémoslle caso e agora estamos na Liga de Veteranos de Arteixo; pero o tempo é inexorable, as lesións e os anos van causando desercións e a derrota fíxose a nosa compañeira habitual (algunhas veces, sobre todo cando van Oltra e Chema, conseguimos gañar).

Mais en fútbol-7, co equipo do Materno, levamos dúas tempadas triunfais. É un grupo de excelentes persoas e notables futbolistas. A miña aportación ao equipo non é moi brillante: só marquei dous goles (en propia meta). Pero procuro non perder un só partido, animo moito dende a banda e tamén contribúo a elevar a media de idade (entre Guti e máis eu sumamos cento dez anos). A final de Copa, -contra o Chuac dirixido por Piño-, foi un partido intenso. O cronista oficial do torneo, Alberto López, publicou unha reseña. Nun dos seus párrafos afirma: “Entraron el capitán Guti y el incombustible Pablo para aportar la dosis de veteranía y templanza que necesitaba el juego de los azules; ambos son la eficacia defensiva personificada, sin adornos ni alardes superfluos, con una clarividencia excepcional para sacar el balón tocado de primeras que pone siempre en ventaja a los atacantes del Materno. El partido se tornó cómodo para los campeones”.  Aí queda iso, para a historia.

3 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  2. Pablo, che direi que, no ocaso da liga, vexo que ainda hai moral, espero que se contaxien da mesma algúns truáns que soio saben esbardallar nas ceas e festas. De todalas maneiras, quén mais me asombrou foi o Tonino cas súas dotes de cancerbeiro e cos seus reflexos, eso sí, creo que ultimamente toma algo en vena.
    abrazos

    ResponderEliminar
  3. Enhorabuena Pablo!
    Da gusto tener un compañero como tu. Siempre animando y siempre tan entusiasmado de este deporte que tanto nos gusta a todos. Jugar contigo es um placer! Siempre llegas con la ilusión de un niño pequeño y con las ganas de un juvenil. Tu forma de entender el futbol y tu forma de jugar nos encandila a cada miembro de este equipo. Nunca una mala palabra hacia tus compañeros y tampoco a tus rivales.
    Da igual el tiempo que juegues mucho o poco, que siempre tienes una sonrisa en la boca.... menos cuando estas fatigado! jajajaja.
    Independientemente de que hubiesemos ganado o perdido (afortunadamente siempre ganamos) siempre formaras parte de este equipo de leyenda! Pocos lo pueden decir.
    Un placer jugar al lado de alquien tan grande como tu!
    Saludos. FER

    ResponderEliminar