As medidas que
está a aplicar o actual goberno (adelgazamento do Estado, redución do estado do
benestar, destrución da protección social, privatización da sanidade e da
educación, precarización das condicións laborais, abaratamento do despido etc.)
non van mellorar a vida da poboación. Pola contra, van provocar unha acumulación
da riqueza en poucas mans, van reducir a clase media e aumentar de forma
notábel a poboación que vive en situación de pobreza e mesmo en risco de exclusión
social.

É obvio que as desigualdades sociais inflúen na
calidade de vida dos cidadáns e
mesmo na esperanza de vida: unha persoa que se sitúe no 5 % do nivel de
renda superior nos EEUU vive vinte anos máis que unha persoa pertencente ao 5 %
de renda inferior. Esta diferenza en España é de dez anos, unha das máis altas
da UE-15. A sociedade europea tivo, despois da II Guerra Mundial, un
elevado nivel de cohesión social. Mais todo mudou nos anos oitenta coa
ascensión ao poder de Reagan nos EEUU e M. Thatcher en Gran Bretaña: “o
abandono das políticas redistributivas, do keynesianismo e o intervencionismo
público tivo como consecuencia un enorme incremento das desigualdades sociais”
(V. Navarro).
O nivel de renda ten
moito que ver coa saúde da poboación. Mais tampouco o explica todo. Hai un
modelo teórico para explicar as diferenzas nos niveis de saúde e na esperanza
de vida dos colectivos humanos. A teoría dos determinantes da saúde elaborada por Lalonde (bioloxía, medio ambiente, estilos de vida e
sistemas de coidados) defende que as comunidades teñen distintos niveis de
saúde en función destes catro elementos. Porén nun traballo do profesor Michael
Marmot sinálase que hai outros factores que xogan un papel importante, mesmo
superior aos estilos de vida; entre eles está a sensación de poder controlar o
traballo e a vida dun mesmo: canto maior
sexa a percepción de control da vida, maior nivel de saúde. Por tanto, a
renda, a educación, o status social e outras variábeis serían instrumentos para
alcanzar esa vivencia de control. Esta sensación preséntase en cada persoa e
depende de como se relacione coas outras: canto
maior sexa a sociabilidade e solidariedade, mellor saúde.
As políticas
ultraliberais, agora imperantes, caracterizadas polo darwinismo social, provocan patoloxía colectiva e deterioran a
calidade de vida e a percepción de saúde da maioría da poboación. A énfase na
competitividade, a destrucción de protección social, a inseguridade laboral e o
desemprego deterioran a saúde e aumentan a mortalidade en todas as idades. A
maioría da poboación, que non é pobre nin está excluída, percibe que non ten o
control do seu proxecto vital provocando un dano na saúde colectiva.
Por iso son
precisas políticas redistributivas que melloren a calidade de vida da maioría
dos cidadáns, reducindo as distancias sociais e aumentando a solidariedade e a cohesión.
Mais
non é así. As políticas de recorte do gasto público poden empeorar a situación
dunha franxa importante e crecente da poboación nos próximos anos. A crise económica
ten efectos prexudiciais para a saúde. Sabemos, polo coñecemento da historia, que nestes
períodos se produce un incremento da maioría das enfermidades, con especial relevancia
dos problemas de saúde mental, e un aumento da mortalidade provocada por
accidentes e doenzas cardiovasculares, fundamentalmente. Segundo un documento
da FADSP (Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública) o
25% dos cidadáns considera que a súa calidade de vida empeorou debido, sobre
todo, á redución de recursos económicos e á deterioración da saúde.
O traballo precario, o desemprego prolongado e a incerteza polo futuro laboral provocan
unha vivencia de estrés continuado que pode levar ao padecemento de trastornos de ansiedade,
insomnio, abuso de alcohol e outras substancias e mesmo provocar disfuncións
severas na convivencia familiar. A ausencia dun horizonte vital, o medo
permanente a perder o traballo e a dificultade extrema de atopar emprego para
quen non o ten, producen unha vivencia de medo
ao futuro que deteriora de forma severa a calidade de vida. Tamén está descrito
que nos períodos de crise se reduce o rigor á hora de aplicar as medidas de
seguridade e hixiene no traballo (e hai máis traballadores dispostos a asumir
riscos) polo que xeralmente se produce un incremento das doenzas laborais e dos
accidentes de traballo.
Mais os actuais
gobernantes, no canto de traballar para mellorar a situación e procurar unha
saída aos cinco millóns de parados que hai hoxe en España, semellan empeñados en
facer o contrario. Elaboran leis (Reforma Laboral) que parecen orientadas a
alimentar o medo e a converter en real o risco do desemprego. De
seguir por este camiño teremos, a medio prazo, un sector importante da
poboación en situación de pobreza, con problemas de saúde relevantes e con
dificultades para acceder aos servizos sanitarios.
(Extracto do libro “A saúde como negocio”, Edicións Laiovento)