domingo, 22 de abril de 2012

A ditadura dos mercados e a saúde


Nos últimos tempos vivimos nun estado de excepción permanente. Inauguramos cada día coa inquedanza de saber que novas restricións terán preparadas o goberno e os mercados para afogar un pouco máis as nosas esperanzas no futuro. A crise financeira e as medidas adoptadas polos gobernantes están a producir un grave retroceso social e a perda de dereitos que parecían definitivamente consolidados. As regras do xogo, na política e na economía, están deseñadas pola triple alianza do Fondo Monetario Internacional (FMI), o  Banco Central Europeo (BCE) e a Comisión Europea. O goberno do Partido Popular sigue con fidelidade os dictados desta política ultraliberal que está a provocar a liquidación do estado de benestar, a laminación dos dereitos dos traballadores e o exterminio da clase media neste país. De seguir a este ritmo pronto chegaremos ao obxectivo que semellan perseguir: unha sociedade de castas donde unha clase dirixente detente o poder e a riqueza, mentres a maioría da poboación viviría nas marxes da pobreza, reducida á consideración de súbditos.

Juan José Millás decía nun artigo que este goberno actúa como un polo sen cabeza e que vai dando paus de cego. Coido que erra no diagnóstico: os paus caen sempre do mesmo lado. A amnistía fiscal ofrecida ao crime organizado (para sanear o diñeiro negro da especulación, a trata de brancas e o comercio de drogas) é decidida polos mesmos que cargan contra a sanidade e a educación públicas, contra os pensionistas e os inmigrantes, aos que veñen de deixar sen cobertura sanitaria. Non dan paus de cego, saben ben que lombos queren golpear. Tiñan unha axenda oculta que aplican con dilixencia. Na campaña electoral mentiron con descaro: agora están a facer o contrario do anunciado. De non producirse, no Estado e en Europa, unha reacción popular contra esta política destrutiva, retornaremos a tempos pretéritos, cunha sociedade dividida e con grandes tensións na convivencia cidadá.

 Aos poucos días de conseguir o goberno de Madrid, Rajoy aprobou o maior recorte orzamentario da historia (16.400 millóns de euros) e unha grande subida dos impostos, conxelou os salarios e as pensións e freou en seco a Lei de dependencia. Non foi dabondo: a primeiros de abril anuncia –mediante unha nota de prensa- un novo recorte (en sanidade e educación) de 10.000 millóns de euros e anuncia próximas privatizacións. Mentres, o ministro De Guindos propón abrir o debate sobre que as rendas máis altas paguen os servizos sanitarios (en realidade o que hai detrás deste enunciado é o aviso dunha sanidade dualizada: a beneficencia para os pobres e a sanidade privada para os poderosos).
De Guindos

A mediados de abril Rajoy anuncia, desde México, a posta en marcha do copagamento das medicinas. Aumenta a porcentaxe a pagar polas persoas en activo e impón un recargo aos pensionistas, que sempre tiveran a prestación farmacéutica gratuita. Trátase dunha medida tremendamente inxusta, ademáis de representar un auténtico fraude electoral, xa que o PP negou repetidamente a súa intención de implantar o copagamento. Ven ser un novo imposto sobre a enfermidade e a vellez; ser maior e estar enfermo, o que sucede a miudo, vai ser castigado por este goberno sen que lles temble o pulso. Supón, ademáis, unha devaluación da renda dos pensionistas, e debemos lembrar que a contía media das pensións en Galicia non chega aos 700 euros mensuais.

R. Rato
Van seguir. Non van parar aquí. Coa crise como excusa van continuar nesta tarefa de liquidación dos servizos públicos para entregar espazos de negocio -na sanidade e na educación- aos seus amigos e colaboradores. O FMI, principal inspirador destas políticas, ven de descubrir un novo risco e arrastrará aos gobernos a adoptar novas medidas. Falan agora do risco da lonxevidade, e alertan de que “a prolongación da esperanza de vida provoca custos financeiros”. Aconsellan aos gobernos que adopten medidas para que o feito de vivir máis do agardado non produza riscos económicos. A institución dirixida por Christine Lagarde (quen aplaude con entusiasmo os recortes de Rajoy e reclama máis diñeiro para os bancos) afirma que as entidades que ofrecen pensións deben poder actuar con flexibilidade: “se non é posible incrementar as contribucións ou subir a idade de xubilación, posiblemente haberá que recortar as prestacións”.

DSK
Ata hai pouco era válida a mensaxe da OMS que propugnaba “engadir anos á vida e vida aos anos”. A lonxevidade, que debería ser celebrada como unha grande conquista, é agora catalogada como un perigo financeiro. Veñen propoñer que as persoas maiores traballen e coticen ata ben tarde, e despois teñen que morrer pronto, para que a vida post-laboral non signifique unha carga para os gobernos e as compañías aseguradoras. Hai uns anos ninguén se atrevería a decir estas cousas en voz alta: agora o FMI elabora un documento, que pretende presentar como rigoroso, e emite un comunicado de prensa para divulgar as súas propostas. Tristes tempos estes en que as persoas de ben, que traballan toda a vida con decencia, pasan á ser considerados enemigos do sistema, que poñen en risco a estabilidade financeira.

C. Lagarde
Pero non debemos sorprendernos da categoría moral destes enunciados do FMI se lembramos o nome dos últimos dirixentes desta institución. Ata 2007 estivo dirixida por Rodrigo Rato (agora presidente de Bankia); daquela emitía informes favorables sobre a evolución da economía mundial, cando a crise estaba xa a producir os seus primeiros estragos. Sucedeuno Dominique Strauss-Kahn, aquel suxeito enfermo de priapismo, denunciado por un intento de violación por unha empregada dun hotel de Nova Iorque e que agora está imputado nun caso de proxenetismo e sinalado pola prensa amarela por participar en festas “libertinas”. Esta clase de xente é a que dirixe o mundo. Haberá que quitarlles das mans a vara de mando, ou as cousas non irán a mellor. 



7 comentarios:

  1. faise imprescindible unha resposta dura e solidaria de toda a sociedade , como afectados , enganados e agora ameazados de morte polos grandes economistas que fundiron o sistema . Xuntos todos a defender cos dentes e a vida o dereito gañado a unha vida digna . O inimigo é claro e evidente . A por íl .

    ResponderEliminar
  2. Lo que hay que hacer es desmentir las declaraciones de la Sra Cospedal y depués iremos hablando. No están tomando medidas sociales, sino antisociales

    ResponderEliminar
  3. Ante estas medidas o esquerda deberiamos facer un frente comun con 10/20 acordos basicos ir as elecions unidos unha unica lista,si fixesemos esto en vez de andarnos pegando entre nos a nosa forza seria inmensa e non se atreverian a quitarnos nada

    ResponderEliminar
  4. Despoies de cotizar a Seguridade Social durante 44 anos as cantidades indicadas polo estado, agora que me chega a hora de descansar e tendo unha enfermedade crónica atopome con que me cambiar as regras de xogo e me conxelan a pensión, o millor ma recortan e encima fanme pagar parte dos medicamentos que necesotarei a diario o resto da miña vida. Encima dinme que é un risco para a sociedade que trate de vivir moitos anos. Non me extranaría que un día de estos reciba unha carta indicándome que día e a que hora teño que dirixirme a un crematorio levando dez kilos de carbón para aforrar os gastos da miña cremación.
    De tódolos xeitos estarei levantando "barricadas que pechan a rúa pero abren o camiño". E si me encarcelan, xa teño arranxado o problema con "pensión completa". Nos goberna fascismo puro.

    ResponderEliminar
  5. A nosa ministra de sanidade xa falou de “Poner en valor lo que tiene mucho en valor”. Elocuente, segue os pasos de Rajoy, que xa prometeu chamarlle ao pan, pan e ao viño, viño. Xa vemos que faino todos os días. É dunha claridade apisoante, tanto que esmaga aínda que non se lle entenda. E por iso o valor é valioso e hai que poñelo en valor, como fan todas esos xenios (non o Roto) que inclúes no teu post.
    E claro, acontece que os vellos nos custan unha pasta. E iso pasa porque se fan improdutivos. Xa o di Lagarde e tampouco vai entrar en detalles do que procede facer (Hitler tampouco o fixo). Un lúcido comentarista deste post faino por ela, aínda que me dá a sensación de que non lle gusta a opción que el mesmo apunta.

    ResponderEliminar
  6. pareme perfecto pero pregunto eu porque o goberno anterior non fixo nada neste senso, e porqué os que tanto os queixades nos decides como se pode superar o desgaste economico e social que arrastramos desde hai anos. haberia que preguntar a todos os responsables desta ecatonbe como se soluciona para decirlles os que encontraron as arcas valeiras, como as poden encher de novo sen que o teñamos que pagar os de sempre.
    hay que ir contra os responsables e nos contra os que encontran todo rachado e espallado po lo chan. A VER SE ENFOCAMOS AS COUSAS SEN SER PARTIDISTAS E OPORTUNISTAS

    ResponderEliminar
  7. Vexo que hai un "anónimo" comprensivo co que está a acontecer. Supoño que non se trata dun mozo no paro nin dun vello enfermo.
    O problema non é só a crise, senón o seu uso para impoñer unha ditadura neocapitalista e, nese sentido, a crise ten o efecto de shock tan ben descrito por Naomi Klein.
    É curioso ver que, á vez que proliferan os postos de compra - venda de ouro, tamén o fan as páxinas publicitarias de clínicas privadas. ¿Por que será, se non hai diñeiro?
    Está claro que non é o mesmo un goberno de dereitas que un de esquerdas, aínda que ás veces o parezan.
    En canto á solución a que nos reta o participante anónimo, creo que calquera solución pasa polo respecto ás persoas e iso supón respectar o seu acceso á atención médica e á educación.
    A solución xa non é a dun problema económico, senón a de frear o ataque á liberdade e aos seus dereitos.
    De onde pode vir esa solución? Está claro. Dalgún tipo de cambio, ou mesmo, de revolución.
    España non pode seguir encamiñándose dun modo tan radical cara a un feudalismo nacionalcatólico.
    Xa está ben.

    ResponderEliminar