lunes, 20 de febrero de 2012

Núñez Feijóo, sindicalista

En Praza Pública


O presidente da Xunta, demostrando o seu pouco aprecio pola función pública, está a adoptar medidas que perxudican de maneira severa aos seus traballadores: reduce de xeito brutal os dereitos laborais e precariza o emprego. Semella estar entregado a unha misión: o desmantelamento dos servizos públicos e o desprestixio dos seus empregados.
Todos sabemos que non é doado conseguir un emprego público. É preciso estudar durante moito tempo temarios extensos e complexos, e hai que superar unhas oposicións esixentes, en competencia con milleiros de opositores. Debemos aceptar, se as cousas se fan ben, que as probas selectivas están ben deseñadas e que conseguen as prazas aqueles que están mellor preparados e son máis idóneos para desempeñar o traballo ao que se opta.
Pero Núñez Feijóo, cando era novo, comezou a traballar na Xunta como funcionario interino e despois fíxose sindicalista. Militaba no sindicato “Afica” (Asociación de Funcionarios Interinos y Contratados Administrativos). Naquel tempo, cando principiaba a democracia, Alberto reclamaba “el acceso a la Función Pública de todos los interinos y funcionarios”, e que se lles asegurara “la estabilidad en el puesto de trabajo”. Tamén esixía “el reconocimiento de los interinos en la ley de los presupuestos generales y el 100% de las retribuciones básicas y complementarias”. En resumo: o xoven Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos.


Mariano Rajoy, aos dous meses escasos da súa toma de posesión como presidente do goberno, ven de impoñer unha reforma laboral que lamina os dereitos dos traballadores e deixaos inermes ante a codicia da patronal. Volvemos a unha situación de inseguridade e desprotección semellante á da primeira metade do século XX. O propio ministro de Economía calificou a reforma laboral de “extremadamente agresiva”. Están a cumplir co prometido. A patronal non tardou de expresar a súa satisfacción.

Aquí xa imos máis adiantados. Nos seus tres anos de mandato,  Núñez Feijóo está a realizar un labor teimudo para desmontar os servizos públicos. O seu plan de recortes aos funcionarios vai ser aprobado no Parlamento galego dentro de poucos días por vía de urxencia. Aquel mozo reivindicativo, que quería un posto de funcionario sen presentarse ás oposicións, agora está a facer, desde a propia presidencia da Xunta -actuando a modo de "cabalo de Troia"-,  unha campaña de descrédito dos funcionarios e adopta medidas que deixan aos empregados públicos nunha situación precaria como nunca tiveran nos últimos tempos. 
Aquí queda o testemuño gráfico do seu pasado (tamén está o seu amigo Carlos Negreira, actual alcalde de A Coruña). Elplural.com publicou estas fotos e non me resistín a reproducilas.


 

2 comentarios:

  1. Aínda asumindo que todo o mundo pode cambiar, a biografía de cada quen ilumina algunhas das súas actitudes e decisións.
    Este post paréceme especialmente interesante porque nos sitúa. Enténdense mellor as cousas. Parece haber dende fai xa moito tempo certa alerxia dos nosos dirixentes cara a todo o que supoña o esforzo dunha oposición.
    Vemos o que está a pasar. Nos nosos hospitais públicos hai adxuntos por concurso-oposición á vez que houbo OPEs pintorescas para adxudicar directamente unha praza a quen levaba moitos anos gozándoa de forma interina, hai OPEs aparentemente amañadas nalgunha especialidade, a criterios de participantes nelas e hai, esa é a grande eiva, demasiados postos "de confianza", de modo que, mesmo sendo interino, se poden dirixir servizos clínicos, porque si, porque se ten a confianza de quen manda.
    Calquera promoción é xa "de libre designación", non vaia ser que o promovido se desnai e critique o que ve mal. É dicir, a confianza esténdese ad infinitum no sistema sanitario público.
    O saber xa non importa como noutras épocas. Porque non se trata dunha confianza no saber dun, senón dunha confianza no seu servilismo.
    Así están a evolucionar as cousas, aínda sabendo que onde hai confianza acaba dando noxo.

    ResponderEliminar
  2. No meu anterior comentario referíame aos nosos hospitais. En realidade, pretendín referirme non só a eles senón a todo o conxunto da sanidade pública, é dicir, tanto a asistencia primaria coma a especializada, pois ambos os dous sectores son afectados por esta cultura da pseudo-eficiencia baseada na confianza.
    Sirva, pois, este comentario como mera aclaración, pero importante, ao meu previo.

    ResponderEliminar