jueves, 29 de diciembre de 2011

Virán malos tempos



O ministro de Economía, Luis de Guindos, acaba de predecir a catástrofe: estamos mal e iremos a peor. No lugar de explicar cómo vai sacar ao país da crise, ven de anunciar en público que nos agardan malos tempos, que a situación económica aínda vai empeorar. Antes das eleccións había só un culpable da crise, Zapatero, e non se podía arranxar nada ata que o PP chegase ao poder. Agora viran o discurso; na vez de promover a necesaria confianza seguen a sembrar o pánico entre a poboación.
A obriga dun ministro é anunciar medidas que procuren a protección dos cidadáns e a confianza colectiva. Mais, pola contra, este home anuncia tempos malos como se non tivese a obriga de evitalos. Aparece na foto coas mans igual que garras enganchadas ao atril, a ollada fixa,  a mandíbula apretada, como o depredador que agarra a presa e non a solta nin que lle troncen a queixada. Porque teño a sospeita de que este home non chega ao cargo con vocación de servizo público: ven para servir aos mercados, a donde volverá cando remate esta etapa de saqueo dos orzamentos públicos.

-Luis de Guindos estivo no goberno con Aznar. Era a man dereita de Rodrigo Rato na época en que entregaron aos amigos do presidente as mellores e máis rendibles empresas públicas (Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol). Despois foi un alto directivo de Lehman Brothers, a compañía que inundou a banca con productos tóxicos e que levaron á actual crise financeira, que obrigou ao Estado a rescatar os bancos con diñeiro público. Él é un dos responsables desta intoxicación cos créditos subprime. Foi membro do comité executivo mundial deste banco de inversión norteamericano. “Se daquela non foi quen de predecir o que agardaba á súa empresa –só unha empresa-, qué nos agarda a nós? Cal é a súa credibilidade?” preguntábase nun artigo Juan Bidegaín. Na película Margin Call contan como actuaron os executivos de Lehman Brothers cando quebrou en 2008: venderon todos os productos tóxicos ás presas, enganando á xente para salvar o seu propio diñeiro.

-Rodrigo Rato volve a mandar na economía deste país. Os ministerios económicos están en mans de homes da súa confianza persoal (de Guindos e Montoro). Él defende agora fortes intereses privados como presidente de Bankia, pero ten os seus peóns colocados en postos de mando para que executen decisións políticas que lle sexan favorables. O banco que preside xa ten recibido 20.000 millóns de euros de diñeiro público, que os seus xestores utilizan para seguir ganando cartos, mentras restrinxen créditos ás familias e empresas. Pero, ademáis, este eximio economista, despois de ser ministro de Aznar, pasou un tempo longo (2004-07) como director do Fondo Monetario Internacional (FMI). Nunha auditoría realizada despois do seu mandato sinalan que non foi quen de prever a crise, emiteu informes favorables sobre a situación e favoreceu a a creación dunha burbulla de optimismo mentras se xestaba a maior crise financeira desde a Gran Depresión.

-Aznar, nos anos que estivo de presidente privatizou as mellores empresas públicas e favoreceu a especulación inmobiliaria. Quedará na historia como membro do trío das Azores –que iniciou a terrible guerra de Irak-, como principal responsable da crise do Prestige, como o grande mentireiro que quixo ocultar a autoría dos atentados de Atocha por motivos electorais e tamén como o mandatario que ordenou a invasión do illote de Perexil, só habitado por rebaños de cabras. Pero agora xa non ocupa ningun cargo público, está adicado aos seus negocios privados como asesor ou directivo de diversas empresas. Ao pouco tempo de deixar a presidencia fichou como asesor de grandes negocios financeiros, inmobiliarios e mediáticos en mans de empresarios todopoderosos (entre eles o coñecido Rupert Murdoch, agora perseguido pola xustiza británica en relación cun delito de escoitas ilegais). Por eso resulta inquietante a súa presenza na foto que motiva este comentario. Qué está a facer este home na primeira comparecencia pública dun ministro? Qué significa esta presenza tan ostensible e inesperada? Coa súa ollada severa e o xesto de trascendencia que lle é propio semella estar a vixiar que todo acontece segun o guión previsto.

Cito só tres nomes, pola súa relevancia, pero resulta evidente que hai un permanente trasvase entre o sector público e o privado de membros do Partido Popular. Forman parte dunha estratexia global que pretende engordar as arcas privadas a conta dos orzamentos públicos. Desde hai un tempo vivimos nun estado de excepción económica permanente. Cada día difunden unha nova alarma que permite alimentar o pánico. Ese escenario, perfectamente planificado, xustifica adoptar medidas que, noutro contexto, provocarían unha tremenda contestación social. Os resultados son cada vez máis visibles. Camiñamos cara un tempo de maior desigualdade: a crise agranda a distancia entre ricos e pobres nos países desenvolvidos. Os ricos son cada vez máis ricos e os pobres, máis pobres. En España hai xa un 21% dos fogares que están por debaixo do umbral da pobreza.  

Pois agora chega o ministro e, no canto de comunicar que está preparado para mellorar a situación, anuncia tempos peores e máis sufrimento e desamparo para os desfavorecidos. Para eso non precisamos un Ministerio. Xa sabemos que, de non facer nada, as cousas poden ir a peor. Pero está claro que esta xente non traballa para nós: están ao servizo do enemigo.

Pero o que aquí acontece, e ten estes protagonistas, non é exclusivo deste país. En toda Europa están a sufrir as consecuencias dos movementos especulativos. Os productos subprime contaxiaron a toda a banca e están a provocar o aumento do paro e o empobrecemento das clases medias. Mentres os especuladores seguen a gañar diñeiro a mans cheas a economía real entra en recesión. Joaquín Estefanía resumía moi ben as consecuencias deste xogo perverso: “O paradoxo consiste en que os mesmos que foron axudados para que sobrevisen, con diñeiro público, son os que agora esixen aos Estados que paguen as súas deudas e que reduzan os seus déficits con rapidez, o que levaría a inmensos sacrificios e recortes aos cidadáns deses Estados. O Gran Saqueo”.


7 comentarios:

  1. Se ha abierto la veda de ataque a lo público.
    Magnífico texto, acompañado de fotos que asustan.

    ResponderEliminar
  2. Gracias Pablo , polo teu esforzo de analise e difusion da realidade.
    Suscribo o contido integro

    ResponderEliminar
  3. Moi bo o artigo, fan fanta milleiros.SAUDE

    ResponderEliminar
  4. avante toda, como din os mariñeiros

    ResponderEliminar
  5. Gracias Pablo por ilustrarnos a falta do que tiña que ser primeira páxina nos xornais .....

    ResponderEliminar
  6. Pablo non cambies nunca ,¡ánimo!

    ResponderEliminar