O ministro de Economía, Luis de Guindos, acaba de predecir a catástrofe: estamos mal e iremos a peor. No lugar de explicar cómo vai sacar ao país da crise, ven de anunciar en público que nos agardan malos tempos, que a situación económica aínda vai empeorar. Antes das eleccións había só un culpable da crise, Zapatero, e non se podía arranxar nada ata que o PP chegase ao poder. Agora viran o discurso; na vez de promover a necesaria confianza seguen a sembrar o pánico entre a poboación.
A obriga dun ministro é anunciar medidas que procuren a protección dos cidadáns e a confianza colectiva. Mais, pola contra, este home anuncia tempos malos como se non tivese a obriga de evitalos. Aparece na foto coas mans igual que garras enganchadas ao atril, a ollada fixa, a mandíbula apretada, como o depredador que agarra a presa e non a solta nin que lle troncen a queixada. Porque teño a sospeita de que este home non chega ao cargo con vocación de servizo público: ven para servir aos mercados, a donde volverá cando remate esta etapa de saqueo dos orzamentos públicos.



Cito só tres nomes, pola súa relevancia, pero resulta evidente que hai un permanente trasvase entre o sector público e o privado de membros do Partido Popular. Forman parte dunha estratexia global que pretende engordar as arcas privadas a conta dos orzamentos públicos. Desde hai un tempo vivimos nun estado de excepción económica permanente. Cada día difunden unha nova alarma que permite alimentar o pánico. Ese escenario, perfectamente planificado, xustifica adoptar medidas que, noutro contexto, provocarían unha tremenda contestación social. Os resultados son cada vez máis visibles. Camiñamos cara un tempo de maior desigualdade: a crise agranda a distancia entre ricos e pobres nos países desenvolvidos. Os ricos son cada vez máis ricos e os pobres, máis pobres. En España hai xa un 21% dos fogares que están por debaixo do umbral da pobreza.
Pois agora chega o ministro e, no canto de comunicar que está preparado para mellorar a situación, anuncia tempos peores e máis sufrimento e desamparo para os desfavorecidos. Para eso non precisamos un Ministerio. Xa sabemos que, de non facer nada, as cousas poden ir a peor. Pero está claro que esta xente non traballa para nós: están ao servizo do enemigo.
Pero o que aquí acontece, e ten estes protagonistas, non é exclusivo deste país. En toda Europa están a sufrir as consecuencias dos movementos especulativos. Os productos subprime contaxiaron a toda a banca e están a provocar o aumento do paro e o empobrecemento das clases medias. Mentres os especuladores seguen a gañar diñeiro a mans cheas a economía real entra en recesión. Joaquín Estefanía resumía moi ben as consecuencias deste xogo perverso: “O paradoxo consiste en que os mesmos que foron axudados para que sobrevisen, con diñeiro público, son os que agora esixen aos Estados que paguen as súas deudas e que reduzan os seus déficits con rapidez, o que levaría a inmensos sacrificios e recortes aos cidadáns deses Estados. O Gran Saqueo”.