
En Galicia temos dous idiomas: a nosa lingua propia, o galego, e tamén o castelán, que está instalado desde hai moito tempo neste territorio por razóns históricas. O que debería ser considerado unha riqueza (dispor de duas linguas que nos permiten a comunicación con millóns de persoas doutras xeografías) tense convertido nun problema lingüístico que cómpre arranxar. Na vez de celebrar e protexer este agasallo hai certos sectores que desexan a desaparición do galego e que Galicia sexa unha sociedade monolingüe. Nun dos seus libros escribeu Teresa Moure: “As linguas son a primeira e máis importante das manifestacións culturais, o seu exterminio é un atentado contra o patrimonio cultural da Humanidade. A diversidade lingüística é un ben de todos”. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade debe tamén protexerse a diversidade lingüística. Se unha lingua morre empobrécese o planeta. Cando unha sociedade dispón dunha lingua propia posúe, tamén, unha forma diferente de interpretar a vida. Esto evidenciase de xeito moi notable no terreo da saúde e da enfermidade.
![]() |
Rio no bosque (Óleo. Albeos) |
A coexistencia de dous idiomas condiciona a relación no ámbito sanitario. A persoa que usa o galego a cotío síntese mellor atendida si o profesional lle fala no mesmo idioma. Máis o certo é que o galego na sanidade ten unha presenza residual: somos moi poucos os sanitarios que o empregamos no exercicio da profesión. Dase, a miudo, o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente diríxise ao profesional en castelán, pois entende que colocarse no seu territorio lingüístico pode facilitar a comunicación. Por eso é tan importante que os profesionais fagamos unha oferta positiva, sendo nós os que falemos en galego desde o primeiro encontro. Esto facilitará a comunicación e a relación terapéutica.
A recuperación do galego no ámbito sanitario pode ter, ademáis, un efecto positivo para o propio idioma. A consideración social que ten a medicina e o grande número de contactos que se producen a diario co sistema sanitario contribúen a prestixiar o galego, de ser utilizado éste de xeito habitual. Eso é o que pretende un grupo de profesionais que ven de constituir a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que ten como obxectivo principal potenciar o uso do galego na sanidade, por entender que é beneficioso para a relación terapéutica e tamén favorable para a saúde do propio idioma, hoxendía moi precaria.
