Manuel Martín (Presidente da FADSP)

1.-Revisar todas as “externalizacións” realizadas
e establecer un calendario para recuperar progresivamente o control público das
mesmas.
2.-Aumentar progresivamente o orzamento sanitario
e incrementar a dotación de persoal e de camas hospitalarias.
3.-Recuperar as Xerencias de Atención Primaria,
dotalas de medios e recursos propios e aumentar progresivamente a dotación
orzamentaria (ata chegar ao 25% do orzamento sanitario que aconsellan os
expertos). Deseñar un novo Plan de Mellora para restaurar a dignidade e a
capacidade de resolución da AP.
4.-Modificar a Lei de Saúde de Galicia e recuperar
as once Áreas Sanitarias, dotando aos hospitais comarcais de recursos para
mellorar a súa calidade asistencial.
5.-Modificar a Lei de garantías e suspender a
Instrución 1/2018 que facilita a derivación de pacientes aos hospitais
privados. Suspender o Acordo Marco asinado cos hospitais privados de A Coruña.
Aumentar a actividade asistencial nos centros propios para reducir o máis
posible as derivacións, ata que os centros concertados sexan complementarios e
subsidiarios e non integrantes da rede asistencial.
6.-Recuperar e reactivar o Plan Estratéxico en
Saúde Mental e aumentar os recursos materiais e humanos para poder realizar
unha atención psiquiátrica e psicolóxica de calidade.
7.-Recuperar o control público de todos os
institutos e servizos dedicados á investigación e á innovación e poñelos ao
servizo da sanidade pública e dos pacientes. Restaurar tamén o control da
innovación tecnolóxica.
8.-Revisar o concerto singular co hospital Povisa
de Vigo e facer un seguimento exhaustivo da súa actividade asistencial en
relación coa poboación asignada polo Sergas. Establecer un plan a longo prazo
para poder atender con medios propios do Sergas aos pacientes de Povisa.
9.-Revertir á xestión pública o Hospital Álvaro
Cunqueiro de Vigo (tal como se fixo en Valencia co hospital de Alzira).
Aumentar o número de camas do hospital e dotalo dos medios que foron subtraídos
do proxecto do goberno progresista. Establecer un plan a longo prazo para poder
asumir a atención da poboación actualmente asignada ao hospital Povisa.
10.-Fortalecer a Saúde Pública e os servizos de
vixilancia epidemiolóxica, aumentar a dotación para a investigación en
viroloxía e doenzas infecciosas, establecer un Plan Estratéxico para o
afrontamento de posibles pandemias no futuro, e recuperar para dominio público
as Residencias de Maiores privatizadas. Esixir responsabilidades políticas e xudiciais a todas as persoas e entidades relacionadas coa xestión das
residencias e coa elevada mortalidade sucedida durante a pandemia do Covid-19.