Galicia incorporouse tarde á implantación no novo modelo de Atención
Primaria (AP). O decreto que desenvolve a AP no Estado é do ano 1984,
mentres que o que inicia a implantación dos Centros de Saúde en Galicia non se
publicou no DOG ata 1992. Foron decisións políticas as que provocaron esa
demora. O partido gobernante (PP) aliñouse sempre cos sectores máis
reaccionarios da sanidade. A pesares do retraso e das numerosas resistencias
profesionais e políticas hoxe Galicia conta cunha AP implantada en todo o
territorio, con Centros de Saúde modernos e ben dotados e con profesionais ben
formados para prestar unha atención sanitaria humana e de calidade a toda a
poboación.
O maior impulso da AP realizouno o goberno progresista (2005-2009),
que fixo unha aposta política por potenciar a sanidade pública e por impulsar a
AP como eixo central do sistema sanitario. O goberno presidido por Pérez
Touriño aumentou o orzamento dedicado a AP, convocou oposicións e incrementou o
número de profesionais; tamén realizou un notable esforzo en dotar os Centros
de Saúde de medios para incrementar a capacidade resolutiva. Nas Xerencias de
AP integráronse profesionais moi competentes e comprometidos co sistema público.
Este impulso, froito da decisión política, veuse truncado coa toma do poder
polo PP.


Núñez Feijóo afirma na prensa que
é un defensor da sanidade pública.
Pero a vontade política, cando se exerce
o poder, non se expresa nos medios senón no DOG e nos orzamentos. E o
desenvolvemento lexislativo e a asignación orzamentaria demostran todo o
contrario. O propio conselleiro ven de admitir que os fondos para equipar centros de saúde "non
existiron" durante anos. As políticas impostas polo PP en Galicia na
sanidade van encamiñadas a converter a saúde nun negocio. Despois dunha década
a poboación comeza a percibir o deterioro asistencial, que non é maior polo compromiso
e o esforzo dos traballadores, que tentan manter a calidade asistencial a pesar
da precariedade e da carencia de medios.
Hai unha enorme indignación entre os profesionais, que se senten
castigados polas decisións deste goberno. A protesta dos traballadores dos
PACs, a mobilización d@s profesionais precari@s,
a dimisión en masa dos xefes de servizo de AP de Vigo: todas estas son
expresións do crecente malestar profesional. O goberno respondeu a estas
protestas coa creación dun “grupo de expertos” que elaborou unha lista de
propostas que non pretenden máis que maquillar a situación, e presentou un
modelo de contrato para os eventuais que só serve para “estabilizar” e manter a precariedade. O
reclamo non serviu para nada. Os profesionais non picaron nese anzol. Porque as
solucións reais non pasan por medidas dese tipo. Cómpre restaurar en
profundidade o dano causado, recuperar as XAP, incrementar o orzamento da AP ata
o 25% (hoxe non chega ao 12%) e dotar de
profesionais e medios aos Centros e PACs para que poidan traballar con
dignidade e ofrecer unha atención de calidade.
Un columnista en La Voz de
Galicia
(cómplice principal da Xunta do PP) advertía aos “incautos” traballadores da
sanidade que este non é un conflito sanitario senón político. Que non se
deixasen enganar. Pois claro que estas protestas teñen unha clara
intencionalidade política, igual que as decisións do goberno que degradan o
sistema público e maltratan aos profesionais. A Coordinadora Galega de AP (CGAP) ten convocada unha folga para
os días 9, 10 e 11 de abril que, con toda certeza, vai ter un amplo seguimento.
Cómpre que a poboación perciba que os principais afectados polo deterioro da AP
son os propios pacientes. A sanidade do futuro dependa das mobilizacións de
hoxe.