
A Consellería de Sanidade ven de ordenar
a retirada dos arquivos das historias
clínicas dos Centros de Saúde.
Así o están a facer xa desde hai días na cidade da Coruña. Actualmente, coa
informatización dos Centros, as historias dos pacientes están almacenadas no
sistema operativo, por medio do programa Ianus, que puxo en marcha o goberno
progresista hai máis dunha década.
Desde
entón a información xerada no Sergas queda arquivada e accesible nos
ordenadores da consulta. Pero
hai moita
información (sensible e confidencial) que está aínda en soporte papel, que
xa non estará nos Centros de Saúde senón amoreada nunha nave industrial. A recuperación
semella que será dificultosa: a información almacenada durante décadas pode que
sexa irrecuperable. Tamén nos podemos preguntar pola protección dos datos
clínicos que figuran neses expedientes. Se non se garante esa custodia estarase
vulnerando o dereito á protección dos datos persoais. Realmente é necesario
este traslado? Están as historias clínicas en boas mans? A empresa encargada
deste proceso merece a nosa confianza?

Esta pregunta é pertinente: quen é o responsable
de levar a cabo esta delicada operación? Trátase de
Servicio Móvil (antes denominada Severiano Gestión, unha antiga compañía de mudanzas de As
Pontes), que se converteu,
nos últimos
anos, nunha das empresas que máis contratos asina co Servizo Galego de Saúde;
podería superar o 20% do orzamento do Sergas. Esta empresa tivo unha gran
expansión e nos concursos por toda España alíase con
Eulen, da que é administradora mancomunada Mikaela Núñez Feijóo,
irmá do actual presidente da Xunta. Pero Severiano Gestión (agora Servicio
Móvil) xa ten o seu historial. Fagamos un pouco de memoria. Xestionaba,
no 2004, o arquivo de historias do Hospital de
Pontevedra, cando un incendio deixou o hospital sen
documentación clínica. Tamén estaba encargada, en 2005, dunha nave con
material da Consellería de Educación valenciana que tamén ardeu. O informe policial sinalaba a
posibilidade de que o lume fose intencionado.
En
2014 o goberno de Núñez Feijóo doulle a concesión, por dez anos, dun centro loxístico para almacenar e
distribuir material sanitario por toda Galicia. Esta actividade era realizada
por persoal do Sergas nas propias áreas, coa máxima eficacia e sen que houbese
ningun problema. Pero pasou a mans privadas, cun custo de preto de 100 millóns
de euros, e poñen en mans da empresa unha información de gran interese
estratéxico empresarial. En Negreira ergueron unha nave na que centralizan ese
servizo. En abril dese mesmo ano a Xunta de Persoal denunciou nun escrito un
“grave desabastecemento nos laboratorios do CHUAC”.
Sinalaba carencias no laboratorio e no Servizo de Urxencias (“falta de reactivo
por desabastecemento do proveedor”, foi a resposta recibida polos médicos).
Aquel verán centos de mostras acabaron no lixo por falta de reactivos. Na
actualidade o subministro nos Centros de Saúde é bastante deficiente. No Centro
de Labañou (A Coruña) mesmo tivemos que “racionar” os depresores linguais que
se usan na exploración da boca e a gorxa. O historial desta empresa non é nada
exemplar. Pero segue a ter contratos e concesións públicas, sobre todo nas CCAA
dominadas polo PP.
Esta
estratexia, que denominan “externalización”deixa ben ás claras a actuación do PP no ámbito da sanidade. Entregou a mans privadas
amplas parcelas dos servizos sanitarios: as telecomunicacións, o
almacenamento e subministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a
historia clínica e a receita electrónica, a cita previa (que presta un servizo
penoso), a alta tecnoloxía, a investigación clínica e mesmo as contratacións
públicas do Sergas. A mediados de 2018 o Sergas asinou un
Acordo Marco no
CHUAC cos hospitais privados da Coruña, por un montante total de case 100
millóns de euros, para realizar actividade concertada nos próximos catro anos. Desa
maneira os centros privados garanten actividade durante ese tempo e poden
dimensionar as plantillas en función dunha derivacion segura procedente do
Sergas. A finais de 2018 o Sergas aceptou pagar
15 millóns de euros extra ao hospital Povisa de Vigo (por unha
suposta deuda no pago de medicamentos) a maiores dos 75 millóns que percibe
anualmente polo seu concerto singular. A Administración dalle un trato de favor
a este centro, a pesar das irregularidades sinaladas polo Consello de Contas e
de ter as maiores listas de espera de toda Galicia.
Para eso hai cartos, pero non para dar resposta
ás demandas máis que razonables do profesionais dos PACs, nin para mellorar a situacion precaria do persoal eventual, nin para realizar oposicións que permitan consolidar aos
interinos de longa duración, nin para mellorar
as dotacións dos Centros de
Saúde. Desvían o orzamento cara o sector privado e non fan nada por mellorar a
Sanidade Pública. Non é un erro: trátase dunha actuación planificada para
favorecer a certas empresas a expensas do diñeiro público.
Manifestacion de SOS Sanidade Pública o domingo 10 de febreiro, ás 12 horas, en Santiago de Compostela