En Nueva Tribuna
Cando
escribimos estas liñas os afectados pola hepatite C (de 400.000 a 900.000,
segundo sexan as fontes utilizadas) levan varias semanas mobilizados (marchas,
peches, concentracións, manifestacións) para reclamar unha correcta atención a
esta doenza. A demanda principal vai dirixida a reclamar da Administración o
acceso a través da Sanidade Pública a un fármaco (Sofosvubir, de nome comercial
Sovaldi), que é presentado polo laboratorio que o comercializa (Gilead) como a
auténtica panacea. O gran problema estriba en que este medicamento, que non é
tan milagroso como afirman, pretenden vendelo por 25.000 euros (mentres o custe
de produción é arredor de 115 euros,
para un tratamento de doce semanas) o que o fai inasequible para as economías
particulares e moi custoso para a Sanidade Pública. Cómo se chegou a esta
situación? Fagamos un breve repaso.
De que
medicamento se trata?
O Sovaldi é un medicamento que Gilead
lle mercou por 11.000 millóns de dólares ao laboratorio Pharmasset –que
investira 62 millóns de dólares na súa investigación-. Gilead presenta Sovaldi
como a píldora milagrosa capaz de curar a máis do 90% dos afectados, en menos
tempo e con menos efectos secundarios. Mais resulta sospeitoso saber que é ese
laboratorio o único que posúe todos os datos dos ensaios clínicos sobre a eficacia e seguridade do mesmo. Eses son os
informes que Gilead presentou á Axencia Europea de Medicamentos (EMA) e son os
que tamén facilitou ás asociacións de afectados que están, parcialmente,
financiadas
por este laboratorio. Así pois, é a propia empresa a que ten a información, que
subministra á Administración e aos propios pacientes de xeito sesgado, xerando
unha expectativa de curación masiva e unha lóxica demanda colectiva por parte
dos afectados. Realmente o Sovaldi é unha molécula que inicia unha vía
terapéutica nova pero que, segundo os expertos, pronto poderá ser superada.
Mais non se fixo, aínda, unha avaliación externa e neutral para saber se esta
terapia é superior ás existentes. En calquera caso o prezo do fármaco é
inxustificable. A farmacéutica Gilead conseguiu un acordo co goberno español
(PP) para comercializar o Sovaldi a un prezo de 25.000 euros (unas 200 veces o
seu custo de produción). É difícil atopar información transparente a este
respecto por parte do Ministerio de Sanidade que tampouco facilita unha
información fiable aos profesionais sanitarios nin aos afectados, ao tempo que
raciona a súa administración. Este segredismo e este racionamento son os que
provocaron a “rebelión” dos afectados aos que o laboratorio promete unha
curación total con ese medicamento.
Gilead, a gripe
aviaria e o Tamiflu
Gilead é
un fondo de investimento controlado por grupos de capital risco como Capital
Group –segundo maior accionista de Bankia-, os bancos Santander e BBVA, a
empresa Inditex, o laboratorio Griffols e a compañía eléctrica Endesa. Este
fondo de investimento tivo no consello de administración a personaxes como
Donald Rumsfeld e George Schultz, que estiveron entre os promotores da
desgraciada guerra de Iraq.
Esta compañía. que posúe fortes vínculos
co goberno dos EEUU, ten un historial moi polémico. No seu día elaborou o
Oseltamivir (o famoso Tamiflu), un antiviral que foi presentado como o remedio
necesario ante a gripe aviaria primeiro e, nunha segunda ocasión, fronte á
gripe A. Gilead vendeulle o fármaco a Roche e ámbolos dous laboratorios
fixéronse de ouro coa venda deste produto a distintos gobernos despois de que
conseguisen xerar un estado de alarma global ante o risco dunha pandemia severa
que podía provocar unha gran mortaldade na poboación. Ningunha das dúas
pandemias chegou, por fortuna, a provocar os danos anunciados, os gobernos
gastaron grandes cantidades de diñeiro público para facer acopio do antiviral
(que logo foi destruído ou enviado ao Terceiro Mundo) e o Tamiflu demostrou ser
ineficaz e con máis efectos secundarios dos anunciados. Pasados os anos todos
nos decatamos que se tratou dunha enorme estafa colectiva, dun fraude masivo
que, que eu saiba, aínda non foi castigado polos tribunais de xustiza.
A mobilización
dos afectados
A estratexia desenvolvida daquela ten
certas similitudes coa actual: presentan o produto como a panacea necesaria,
xeran unha demanda por parte da poboación afectada e impoñen un prezo abusivo
que, despois de aprobado polo goberno, non chega aos afectados. A mobilización
destes, doídos pola falta de información e polas trabas da Administración para
o tratamento dos afectados, levou a que o Ministerio de Sanidade, se cadra de acordo
con Gilead, creara unha Comisión de Expertos para elaborar un Plan Estratéxico
contra a hepatite C. Unha decisión gobernamental que nace baixo sospeita xa que
tódolos membros desta comisión teñen
algún tipo de relación coas grandes multinacionais farmacéuticas, con
predominio da empresa Gilead, o que cuestiona definitivamente a súa
independencia.
Poboación
afectada
Gilead ten présa en vender un medicamento
que lle custou miles de millóns de
euros, en primeiro lugar porque existe incerteza sobre a eficacia do fármaco. A
prestixiosa revista Prescribe –allea
aos intereses da industria farmacéutica- publicou recentemente que, se ben
Sovaldi supón unha mellora no tratamento da hepatite C, segue sendo mínima a
súa avaliación clínica, e tampouco está clara a súa seguridade. Diferentes
axencias avaliadoras advirten que a seguridade deste produto é descoñecida,
dado o pouco tempo transcorrido dende a súa aprobación e os escasos resultados
publicados sobre os seus efectos adversos.En segundo lugar, a empresa pode
perder a patente. Cómpre saber que a Oficina de Patentes da India –país
pioneiro na fabricación de xenéricos a baixo custo- negoulle a Gilead o
monopolio de Sovaldi por considerar que realmente “aporta pequenas
modificacións dunha molécula utilizada dende hai algún tempo no tratamento do
VIH”. E, en terceiro lugar, porque esta enfermidade irá en declive, debido a
que a maioría dos enfermos graves de hoxe son persoas que teñen entre 50 e 70
anos de idade, nacidas no chamado baby boom, e apenas existen enfermos
menores de 30 anos con hepatite C.
Algunhas
propostas
A importancia e a gravidade do problema
debería levar á toma urxente de decisións que beneficien aos pacientes:
1º. Facer público, de xeito inmediato,
toda a información dispoñible sobre os resultados habidos en pacientes tratados
con Sovaldi –taxas de curación, efectos secundarios, mortalidade asociada-.
2º. Crear unha comisión realmente
independente que avalíe toda a información científica dispoñible sobre este
fármaco, defina os pacientes que o precisan así como as prioridades no
tratamento e os custes económicos –os fixados por Gilead son realmente
inasumibles sen que se produzan enormes desaxustes no gasto sanitario público-.
Non é admisible que se deixe sen o
tratamento necesario aos pacientes -este o calquera outro-, por razóns económicas, debido aos recortes no
gasto público que está a facer o goberno do PP.
3º. Explorar todas as posibilidades de abaratar custes, incluíndo
a súa fabricación como xenérico, como xa se decidiu na India e na súa área de influencia.
Tratase de poñer as necesidades dos
pacientes por diante dos intereses mercantís dunha industria farmacéutica que
conta demasiadas veces coa complicidade de gobernos corruptos e insensibles.
(Agradecementos: A Luísa Lores, Manuel
Martín e Javier Peteiro, polas súas apartacións).