
Hai máis bibliografía que avala a relación
entre desigualdade e saúde. Os economistas e epidemiólogos británicos Richard
Wilkinson e Kate Pickett demostraron no seu libro "Desigualdade. Unha análise da (in)felicidade colectiva" (2009)
que existe unha clara relación entre a desigualdade en países de renda alta e a
incidencia de problemas sociais e de saúde (diminución de esperanza de vida,
aumento da mortalidade infantil, aumento de obesidade e da patoloxía
cardiovascular, incremento de patoloxía mental e consumo drogas, aumento da
violencia, maior porcentaxe de suicidios, etc). O libro "Por que a austeridade mata, O custo humano
das políticas de recorte" (2013) de Stuckler e Basu, incide nos mesmos
argumentos: a recesión global e o incremento da desigualdade afectan claramente
ao benestar físico e mental dos cidadáns.

Fronte ás condicións impostas polas elites
económicas e políticas dominantes hai unha crecente conciencia da necesidade
reducir a desigualdade social pois a actual situación, inxusta e cruel, pode
provocar, a curto prazo, situacións de grave conflictividade social. As desigualdades en saúde tamén poden reducirse e existe suficiente evidencia para
afirmar que “os sistemas sanitarios universais, con propiedade e xestión
públicas, baseados na atención primaria e unha elevada calidade de prestacións,
non só ofrecen mellores resultados de saúde senón que tamén son máis
eficientes, equitativos e humanos” (Benach).
Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.
Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.
A privatización e mercantilización da sanidade
non se realizan pola procura do ben común: son
os potentes grupos empresariais privados os que presionan para transformar o
SNS e crear novos espazos de negocio. Os lobbies das aseguradoras, das empresas de tecnoloxía sanitaria e da
industria farmacéutica actúan con persistencia para conseguir os seus
obxectivos. E colocan á súa xente en postos de mando da sanidade pública para
traballar no seu propio beneficio. Boi Ruiz, xefe da patronal catalá é o actual
conselleiro de Sanidade. El teno claro: na súa opinión a saúde é un ben privado
que depende de cada persoa e non do Estado e “non existe un dereito á saúde”.
Esta é a ideoloxía que sustenta as decisións políticas que levan ao
desmantelamento do sistema sanitario público. Non buscan a eficiencia nin a
calidade: só perseguen o lucro, a costa da saúde dos cidadáns.