En Galicia Confidencial
En Praza Pública
En Nueva Tribuna

Ese magnífico
libelo converteuse nun texto inspirador para o Movemento 15M que, na primavera de 2011 encheu as prazas e as rúas
de mocidade indignada que acusaba aos poderes económicos e políticos da súa
situación precaria e reclamaban un cambio de rumbo: “nós, os desempregados, os
mal remunerados, os subcontratados, os precarios, queremos un cambio e un
futuro digno”. Nun manifesto de “Democracia real xa” lembraban que as
prioridades dunha sociedade avanzada deben ser a igualdade, o progreso, a
solidariedade, o libre acceso á cultura, a sustentabilidade ecolóxica e o
desenvolvemento, o benestar e a felicidade das persoas.
Xosé Manuel Beiras, veterano
intelectual e político galego -que se considera membro dunha xeración
derrotada-, publicou un magnífico libro (“Exhortación á desobediencia”,
Laiovento 2013, que pronto será editado en castelán) no que tamén lembra que
“estamos a vivir o final do ciclo aberto despois da II Guerra Mundial”. Este
home, que anda xa preto dos oitenta, é un exemplo de conduta ética e de
compromiso cívico. Cando xa estaba xubilado e retirado da actividade pública
volveu á primeiro liña para propiciar unha rexeneración da vida política, tan
necesaria neste país. Neste libro
proclama, coa súa excelente prosa, que “ a panxoliña de que non hai cartos é un
embuste descomunal, porque hoxe en día hai máis cartos que nunca na historia da
humanidade, só que están maiormente nas mans dos potentados delincuentes que
non achegan un can ás arcas públicas”. Tamén sinala que o poder está
localizado, de forma obscena, fóra das institucións políticas e sen ningún tipo
de control democrático, e describe o espolio que está a padecer Galicia
(espolio financeiro e enerxético, exterminio do campesiñado, expatriación
forzosa da mocidade, ecocidio, exterminio da lingua e da cultura ) e afirma que
a Autonomía galega está nas mans das “forzas de ocupación”. Fai unha elocuente
exhortación á desobediencia: “é a hora
da cidadanía exercente como tal, é a hora da reconquista dos dereitos e as liberdades
cívicas e políticas efectivas”.
Neste país a crise foi usada como escusa polos
poderes económicos e políticos para realizar unha auténtica contrarreforma
social. Con extraordinaria celeridade suspenderon os dereitos laborais, están a
desmontar o Estado de benestar e realizan un continuado saqueo das arcas públicas.
A corrupción estrutural persiste na sociedade a centos de imputados continúan
exercendo o poder político. Pero aquel movemento de indignación colectiva do
15M, heteroxéneo e plural, foi cristalizando, co paso do tempo, en movemento
cidadáns máis organizados (Stop desafiuzamentos, as “mareas” en favor da
sanidade e a educación públicas etc) e,
máis recentemente, naceu unha organización política, Podemos, que obtivo un grande apoio
electoral e provocou unha enorme inquietude na dereita gobernante e na caverna
mediática.
En Galicia a
irrupción de AGE nas últimas
eleccións autonómicas –liderada por Beiras-, representou un impulso de aire
novo no Parlamento galego. Agora, ante a proximidade das elección municipais, xorden
movementos que espertan ilusión e que pretenden sumar forzas para desaloxar do
poder aos actuais ocupantes. O manifesto Somos Maioría sumou numerosas adhesións
en poucos días. Os asinantes afirman que
“non estamos dispostos a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións
de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan”. Na Coruña medra con forza, nos últimos días de xullo, unha Marea Atlántica que aspira a unha
cidade sen corrupción e libre de especuladores; este movemento pretende crear
un espazo para sumar forzas arredor dun obxectivo común: “acabar coas
políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia”
hoxe en día secuestrada. Cómpre non esquecer que, se non nos movemos, seguirán
a mandar os mesmos de sempre, no seu propio proveito.