
Comecei
hai 50 anos, tentando caneos darredor dos carballos no campo da festa de
Ceilán. Os rapaces faciamos pelotas con papel e trapos atadas fortemente cun
cordel. Algunhas duraban ata dous partidos. Aos 17 anos era unha promesa do
fútbol local. No equipo do Negreira coincidín con Fernando Vázquez, hoxe
adestrador do Deportivo. A Liga da Costa era ruda e varonil. Había defensas rexos,
con barba de sete días, que te avisaban con cortesía: “Rapaz, como veñas por
aquí pártoche as dúas pernas”. Eu procuraba ir por outro lado. Recordo os
campos embarrados, os pés feridos despois dos partidos, e a impotencia de chegar
ao córner, pegarlle con forza á pelota e non ser capaz de enviala ao punto de penalti: daquela os balóns eran de
coiro que se enchoupaba coa auga e chegaban a pesar varios quilos. Deixei
pronto o Negreira por causa dos estudos mais nunca abandonei a práctica do fútbol.
Durante a carreira xoguei no equipo da Facultade e nos torneos de prensa, cos compañeiros de El Ideal Gallego.
Nos meus anos de
MIR na Coruña alugamos a pista do frontón de Riazor para facer unha pachanga de
fútbol sala. Durante tres décadas o aluguer estivo a nome de “Caramés-Cidade
Sanitaria”. Martes e xoves, de catro a cinco: por alí pasaron moitos
compañeiros do CHUAC. Algúns xa non están (Manito, Sogo), hai quen se xubilou (Daniel
Vilela), e outros hai tempo que abandoaron a práctica deste deporte (Diego
Vela, Pais, Reparaz, Albaina, Caramés, Suso Blanco, Segundo de Andrés etc).
Había tres residentes vascos (Loubet, Brouard e Larizgoitia) que honraban a súa
estirpe: pelexa e brega ata a extenuación. E había un andaluz de Trebujena (Cádiz),
Juan Chamorro (alias “Quillo”) que é o xogador máis
espectacular e brillante que eu coñecín. Suso Blanco aínda non foi quen de
comprender como lle fixo centos de “cañitos”,
cando a súa única obsesión era evitar o seguinte.
Alí onde a vida me
levou sempre busquei un grupo para darlle patadas á pelota. En Estepona, donde
estiven varios anos na década dos 80, xoguei nun equipo que se chamaba o Azor. Ainda hoxe manteño relación con
moitos amigos. De novo en Coruña continuei co fútbol sala nas filas do Sobre Rodas. O ano 2002 gañamos A Copa
de Cambre. (Gardo a foto na que estamos os integrantes daquel equipo
victorioso: Ageitos, Simón, Martín-Sastre, Macho, Álvaro, Antón, Suso Souto,
Jorge, Miki, Lariño e eu mesmo). Logo comezou un lento declive; despois de
perder uns cantos partidos, o encargado da pista dos Campóns –que nos tiña
aprecio-, díxonos: “E non vai sendo hora de que busquedes unha liga de
veteranos, para xogar contra xente da vosa idade”. Fixémoslle caso e agora
estamos na Liga de Veteranos de Arteixo; pero o tempo é inexorable, as lesións
e os anos van causando desercións e a derrota fíxose a nosa compañeira
habitual (algunhas veces, sobre todo cando van Oltra e Chema, conseguimos gañar).
Mais en fútbol-7, co
equipo do Materno, levamos dúas tempadas triunfais. É un grupo de excelentes persoas e notables futbolistas. A miña aportación ao equipo
non é moi brillante: só marquei dous goles (en propia meta). Pero procuro non
perder un só partido, animo moito dende a banda e tamén contribúo a elevar a
media de idade (entre Guti e máis eu sumamos cento dez anos). A final de Copa, -contra o Chuac dirixido por Piño-, foi un partido intenso. O cronista
oficial do torneo, Alberto López, publicou
unha reseña. Nun dos seus párrafos afirma: “Entraron el capitán Guti y el
incombustible Pablo para aportar la dosis de veteranía y templanza que
necesitaba el juego de los azules; ambos son la eficacia defensiva
personificada, sin adornos ni alardes superfluos, con una clarividencia
excepcional para sacar el balón tocado de primeras que pone siempre en ventaja
a los atacantes del Materno. El partido se tornó cómodo para los campeones”. Aí queda iso, para a historia.