
Poderíamos
interpretar a narración en clave metafórica. Todos nós podemos sentirnos como
eses nenos temerosos, andando sen rumbo no medio da néboa sen atopar o camiño
correcto para fuxir deste tempo de incerteza e desesperanza. Tamén nós podemos
percibir as gadoupas do medo apretándonos o peito ante os sucesos do noso
percorrido que sempre semellan ameazantes. Mais penso que os autores pretenden,
sobre todo, facer unha homenaxe aos libros de aventuras e máis concretamente
aos que acontecen nunha illa. O libro quere ser un emocionado convite a ler eses libros (Robinson Crusoe, A illa misteriosa, O señor
das moscas, A Illa do Tesouro, etc.) que nos levan a mundos ben distintos
do noso para coñecer vidas e persoaxes diferentes que habitan por un tempo a
nosa imaxinación e nos van conformando como persoas.
Tamén os nenos que protagonizan esta historia xa non serán os mesmos cando rematen esta viaxe.
Tamén os nenos que protagonizan esta historia xa non serán os mesmos cando rematen esta viaxe.
Decía Sartre que o
mundo podería existir perfectamente sen a literatura. Pero Borges dixo que “uno no es lo que es por lo que escribe, sino
por lo que ha leído” e mesmo hai quen dí que somos o que lemos. Se cadra
é algo esaxerado, sobre todo se temos en conta que hai moita xente que nunca le
(en Galicia a metade da poboación non merca ningún libro no ano). Pero os que
temos o vicio da lectura sempre gardaremos na memoria, e no corazón, algún
libro que nos marcou no seu día e que nos axudou a nos construír coma seres
humanos. Eses son os textos que recorda e homenaxea Docampo neste libro, no que
utiliza a súa habilidade narrativa para integrar a persoaxes da literatura
universal no relato e construir unha fábula sinxela e amena que nos atrapa
desde o principio.
Xabier P. Docampo fai unha
demostración da súa maestría literaria e da súa erudicción; o libro remata cun
longo epílogo (“Viviremos, se queremos, nunha illa deserta”) no que fai un
documentado percorrido polos libros e os persoaxes que utilizou para elaborar
este relato. Xosé Cobas deixa
patente, unha vez máis, que é un dos mellores ilustradores deste país. A
colaboración estreita destes dous autores ven de lonxe. O seu entendemento
profundo e a súa complicidade faise evidente neste libro no que texto e
ilustracións compleméntanse á perfección. Despois do maravilloso “Libro das Viaxes Imaxinarias” (Xerais,
2008) entregan agora este fermoso libro que é, sen dúbida, un dos mellores regalos que se poden facer nestas datas de Nadal.