En Praza Pública
O galego está enfermo, pero aínda non morreu,
como se prognosticou hai anos. Ainda hoxe é a língua maioritaria en Galicia. A grande maioría da poboación
entende o idioma e tamén sabe falalo. Pero hai un dato preocupante: a poboación
máis nova e cun nivel educativo máis alto –e que tamén saben ler e escribir en galego-,
son os que máis desertaron do seu uso na vida cotiá. Tamén preocupa a
escasa presenza da lingua nos medios de comunicación (e a desaparición daqueles
que a usaban) así como a pouca penetración no espazo virtual. A maior porcentaxe de galegofalantes dase no
medio rural e na Galicia interior. En moitas cidades non é doado facer vida en galego
da mañá á noite, e mesmo son frecuentes as “conversas bilingües”.
Así pois, a desafección polo noso idioma non
está condicionada polo descoñecemento do mesmo: aqueles que máis formación
teñen son os que menos o usan. En certos ambientes hai unha visión estigmatizada do galegofalante.
Podemos lembrar aquela moza de Gran
Hermano que decía: “Es que a mí me cuesta un montón hablar en gallego... Un
día conocí a un chico pero ¡¡hablaba en gallego, y me dio un bajón!!”. Esta
connotación pexorativa é, por desgraza, moi frecuente, e hai quen asocia o uso
do galego coa ruralidade e a ignorancia.
Cómpre vencer estas resistencias
e crear condicións para que falar galego sexa unha opción desexable para todos
e, especialmente, para a mocidade; precisamos recuperar o seu uso en todos os ámbitos
da vida diaria. O galego
vivirá se está presente nos parques infantís, nas tendas, nos estadios de fútbol,
nos xulgados e nos hospitais. Se o seu uso se restrinxe ao mundo literario e á
liturxia da política non haberá porvir para a nosa fala. No mundo da sanidade a presenza do galego é moi escasa. Só fala
galego habitualmente o 35% dos profesionais mentres que só o escribe o 6,5% (C.Gradín / IGE). No seu último libro, As
voces baixas, Manuel Rivas conta a anécdota dun home que por fin é admitido
como bedel dun banco: Seu pai comentoulle: "E terás que mercar un traxe
novo...". Él respondeu: "Xa está mercado! Onte probei coa gravata. Xusto ao apertar
o nó púxenme a falar un castelán macanudo". Pois eso; semella que aos
sanitarios deste país, desde que puxeron a gravata, borróuselles o galego dos
beizos.
