A comarca de Vigo -con máis de 600 mil
habitantes- precisa, desde hai tempo, un novo hospital. O actual Hospital
Xeral quedou pequeno xa na década dos oitenta. A integración, daquela, na rede
asistencial do hospital privado Povisa (que atende a península do Morrazo e
parte de cidade), mediante un concerto particular costosísimo, representou un
atranco para a construcción do hospital central que a poboación precisa e
demanda.
O goberno progresista (2005-2009) dou os pasos
precisos, coa participación dos profesionais e da cidadanía, para impulsar a
construcción do novo hospital. Foi constituída unha Sociedade Pública de
Investimentos (SPI), que sería a encargada de xestionar e financiar o proxecto de construcción, que estaba previsto
iniciar en 2009 para concluír en 2013. A viabilidade económico-financeira do
proxecto estaba garantida.
Mais cando o
Partido Popular ocupou o poder na Xunta paralizou
este proxecto e substituíuno por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). Este sistema de concesión, empregado hai
anos no Reino Unido para a construcción e xestión dos hospitais, ten demostrado
ser menos eficiente e máis caro que a xestión pública. Provoca o deterioro da
calidade asistencial, xera problemas na xestión dos hospitais e representa un
paso importante de cara á privatizacion da sanidade. No caso de Vigo, ademáis,
ao proxectar un hospital máis pequeno do previsto, reforza a presenza e
continuidade de Povisa na rede asistencial como hospital de referencia para
unha parte importante da poboación da comarca.
Así pois, o novo hospital de Vigo será máis
pequeno, moito máis caro, de peor calidade construtiva e vai significar unha
severa carga hipotecaria para a
Consellería, que terá que pagar durante dúas décadas. Queda secuestrada unha
partida importante do orzamento sanitario e o Sergas fica refén da empresa
concesionaria. Unha vez construído o edificio, a empresa cobrará un cánon anual
á Administración en función da poboación atendida e explotará os negocios que
se crean darredor dun hospital (seguridade, aparcadoiros, limpeza, mantemento,
hostelería etc). Os gobernantes
de Galicia coñecen, con toda certeza, o nefasto impacto económico e social
producido por estas iniciativas en Valencia
e Madrid –que teñen a sanidade pública
na ruína-. Se, con todo o sabido, seguen o mesmo camiño non poden aducir
ignorancia. Saben a donde nos levan pero non desviaron o seu traxecto porque
hai intereses cruzados coas empresas concesionarias que ven na sanidade unha oportunidade
de negocio.

O informe técnico necesario para a adxudicación da obra á mencionada UTE elaborouno a consultora PwC (onde traballou De Guindos como xefe de servizos financeiros despois de abandoar Lehman Brothers,
e onde aínda traballa a filla da conselleira). O Sergas pagoulle por este
traballo 220.000 euros, aínda que o informe non aparece no expediente completo solicitado polo Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia, polo que os defensores da sanidade pública sospeitan que tal informe non existe.

Pero a maior sorpresa deuse a
coñecer a finais do mes de agosto. A prensa dou noticia de que ningún banco accede a prestar diñeiro para o novo hospital. A propia concesionaria confesaba nun escrito que “a día de la fecha -4 de julio-, transcurrido
más de un año desde la adjudicación del contrato, el acceso a la financiación
bancaria se ha visto cerrado”. A UTE é incapaz de obter nos mercados
financeiros os créditos necesarios para continuar a obra que iniciaron co 20%
do financiamento previsto, con recursos propios da concesionaria. Así pois, a obra está parada. De
feito, no lugar da obra apenas hai actividade. Segundo os sindicatos xa cortaron máis de cincocentos contratos e só quedan alí uns 50 traballadores
que se adican a tarefas de mantemento, sen que a construcción avance de ningún xeito.

Todo parece indicar que este proxecto xa naufragou, como tantos outros iniciados durante o mandato de Núñez Feijóo. A convulsa situación que viven as entidades bancarias non lles permite participar nun negocio de porvir tan incerto como este. Os partidos da oposición xa reclaman o rescate para a financiación pública da obra e a xestión do novo hospital de Vigo. SOS Sanidade Pública ten feito numerosas manifestacións nese mesmo sentido. Haberá que volver atrás e reiniciar o camiño que se truncou no 2009 coa chegada do Partido Popular ao poder. Pero xa provocaron un dano irreparable á poboación da comarca de Vigo. Perdéronse catro anos por querer convertir a sanidade nun espazo de negocio na vez de procurar o beneficio dos cidadáns. Quen vai pagar este retraso?