
Mais nunha apresurada carreira cara o pasado o
PP xa conseguiu levar a sanidade pública á altura da década dos setenta. O
goberno de Rajoy vén de aprobar, apelando a unha suposta urxencia -sen trámite
parlamentario previo e co apoio exclusivo do grupo popular-, o Real Decreto ley 16/2012, no que recupera a figura do
“asegurado”. As persoas accederán á asistencia sanitaria en función da
súa cotización. Voltaremos así
á desigualdade de tempos pretéritos, de xeito que os servizos de saúde atenderán
só os asegurados e os acollidos á beneficencia.
A aplicación desta norma, tan inxusta e regresiva,
deixará sen cobertura a moitos cidadáns. O PP utiliza a demagoxia para
xustificar este drástico cambio de modelo: sinala como motivos a utilización da
sanidade por persoas procedentes de Europa que veñen facer “turismo sanitario”,
e a sobrecarga producida pola atención aos inmigrantes irregulares. En
realidade, estes son fenómenos residuais que non representan unha sobrecarga significativa
para os centros sanitarios. Esta argumentación, falsa, indigna e inxusta, non
debe agochar a realidade: esta lei sitúa a moitas persoas na desprotección e deixa sen médico e sen medicinas a diversos grupos de
cidadáns. Nada pode xustificar que se impoña, con premeditación e alevosía,
unha lei tan lesiva para a poboación, negando ante os medios de comunicación o
que resulta evidente: suprimen a atención sanitaria a certas grupos sociais. Deixan
sen cobertura aos inmigrantes en situación irregular, mais tamén dificultan o
acceso aos servizos a outros colectivos: aos mozos maiores de 26 anos non
cotizantes, aos divorciados sen ingresos etc.
Segundo os últimos datos da EPA (Encuesta de Población Activa) en Galiza hai 82.800 fogares con todos os seus
membros activos en paro, que tamén terán problemas; de prolongarse a situación terán
que solicitar atención cono PSR (persoas sen recursos). E os mozos que
superan os 26 anos xa non poden ser beneficiarios da tarxeta dos pais; por
tanto, se non están cotizando á Seguridade Social quedarán no desamparo e
deberán acudir ao sistema de baixos recursos. Se temos en conta que o 50 por cento da
mocidade está no desemprego podemos imaxinar o panorama. Están a condenar a xuventude máis preparada da historia deste país a un futuro laboral escuro
(desemprego, traballo precario), pero ademáis, humillados e ofendidos, terán
que solicitar atención sanitaria da beneficencia pública pola súa condición de parados
e non cotizantes. Ese é o seu modo de facer patria, esa é a maneira que teñen os
actuais gobernantes de fomentar a confianza no futuro colectivo.
Tampouco é casual -como sinala o
profesor Sergio Minué no seu magnífico blog- que, donde había só unha categoría,
agora se establezan tres niveis na carteira de servizos do SNS: básica,
suplementaria e accesoria. Deste
xeito abren a posibilidade de que, nun futuro, o sistema público non se faga
cargo de todos os servizos e poderán deixar certas prestacións nas mans das
aseguradoras privadas. Só lles falta, para acabar de completar o espazo do
negocio, crear un sistema de desgravación fiscal dos seguros privados,
reclamada con insistencia pola patronal sanitaria. Non van tardar moito en
facelo.
Nesta lei tamén se introduce o copagamento dos
fármacos polos pensionistas (sinalados polo PP como salteadores de farmacias
que acumulan toneladas de medicinas nas súas casas), limítase o copagamento da
ortopedia ambulatoria e do transporte sanitario non urxente (utilizado, entre
outros colectivos, polas persoas con insuficiencia renal para acudir á diálise
tres veces por semana), exclúense fármacos da financiación pública etc. Todas
estas, e outras que non cito, son medidas altamente lesivas para os cidadáns.
Mais as claves desta norma están no retorno á esixencia do aseguramento para
recibir atención e na exclusión de certos colectivos da cobertura sanitaria,
invertindo así unha orientación cara a cobertura universal iniciada hai tres décadas.
O partido gobernante está empeñado en retornar
ao pasado, cunha sociedade dividida entre privilexiados e súbditos, e cunha sanidade
dualizada: a beneficencia para os pobres e os seguros privados para a casta
dirixente. Hai colectivos profesionais que tentan frear esta “contrarreforma”
sanitaria e xa plantexan o dereito á obxección de conciencia na aplicación
efectiva deste decreto por consideralo inmoral, inxusto e mesmo perigoso en
termos de saúde pública. Haberá que actuar con rapidez pois certas medidas,
unha vez implantadas, teñen dificil retorno. Está en xogo a nosa saúde colectiva.