En Galicia Confidencial
Pilar Farjas ocupa, desde hai uns días, o segundo posto no Ministerio de Sanidade, despois de estar tres anos como Conselleira de Sanidade en Galicia. Fagamos un breve percorrido para coñecer os seus méritos.
A doutora Farjas, turolense de orixe, chegou a Galicia nos anos noventa. Fixo unha notable carreira
profesional e acadou notoriedade como experta en vacinas. Foi nomeada Directora Xeral de Saúde Pública en 1997. Tivo que afrontar momentos difíciles como a crise das
vacas tolas e as infeccións por
aspergillus nos quirófanos de Medtec en Vigo. En 2001 presentou a
demisión. Eu lamentei aquel feito, pois abandoaba un cargo de responsabilidade unha persoa competente e respectada. Despois dun breve paso por Madrid regresou a Coruña, donde foi
concelleira na oposición en compañía de Carlos Negreira. Daquela deixou a un lado o seu perfil profesional e
converteuse nunha auténtica hooligan. Amosou o seu extremismo ideolóxico e relixioso e comezou a empregar unha retórica agresiva e radical ao servizo do seu compromiso partidario.

En 2009 é nomeada Conselleira de Sanidade. O
balance do seu mandato non é nada positivo para a sanidade pública. De xeito telegráfico podemos lembrar alguns feitos relevantes:
rebaixou os orzamentos do Sergas, por primeira vez na historia da autonomía; paralizou os proxectos de construcción de hospitais públicos e entregounos á iniciativa privada –o que supón unha seria
hipoteca para o futuro da sanidade pública-; freou a actividade de tarde nos hospitais públicos e provocou un severo
deterioro das listas de espera;
anulou o Plan de Mellora da AP, o que impide que este nivel asistencial aumente a súa capacidade para resolver os problemas de saúde; dictou normas que provocan
restriccións para acceder á sanidade aos sectores máis desprotexidos da poboación (parados de longa duración, persoas sen recursos...); tamén
lexislou (Decreto 209/2011) sobre a posibilidade de cobrar aos usuarios pola
utilización irresponsable dos servizos públicos –o que abre a porta ao
copago-.
No que respecta á política de persoal fixo unha xestión autoritaria e pouco participativa. Houbo un serio
deterioro nas condicións laborais e rebaixou de xeito drástico a contratación de persoal interino. Tamén
impuxo un catálogo de xenéricos que reduce as posibilidades de prescripción de medicamentos en Galicia en relación coas outras comunidades. Presentouno como un grande logro. En realidade foi unha excelente
campaña de propaganda, ideada para retar e deteriorar a imaxe do goberno central. As demais comunidades arbitraron medidas de contención do gasto farmacéutico sen vulnerar o límite competencial do Estado, e sen provocar conflictos innecesarios nin inequidades na prestación sanitaria entre os distintos territorios.
Cando remataba o ano 2011 foi nomeada Secretaria Xeral de Sanidade do goberno de España. Entendo que é un
premio polo seu apoio ao PP, pois non pode xustificarse polo servizo prestado á
sanidade galega, que deixa en condicións ben peores das que atopou. Agora terá a oportunidade de recuperar o seu perfil profesional. Propóñolle unha tarefa: unificar os dezasete calendarios vacinais infantís das autonomías nun calendario único para todo o Estado. Ten a formación requerida para ese reto. É ben doado: trátase de facer todo o contrario do que fixo aquí co seu catálogo.

Moveuse o escalafón –a semellanza dos militares- e ocupou o posto vacante
Rocío Mosquera, que viña exercendo como xerente do Sergas. Esta muller foi, durante moitos anos (2002-2009), a
directora do sanatorio da Esperanza de Santiago, pertencente ao
grupo Nosa Terra, propietario de
Povisa. Ese é o posto de traballo ao que probablemente retornará cando, en breve prazo, remate a sua andaina política. O hospital privado Povisa, que atende un importante sector da poboación de Vigo e arredores, está realizando unha
dura negociación –mesmo coa ameaza dun ERE-, para a renovación do seu cuantioso
concerto particular co Sergas. Resulta evidente que nos atopamos cun flagrante
conflicto de intereses: a máxima autoridade da Consellería ten unha grande implicación coa empresa que presiona para acadar mellores condicións económicas no convenio. Non se pode servir con lealdade a
dous señores. Non se pode ser
xuiz e parte. Alguen debería reclamar a inhabilitación desta persoa para desempeñar o cargo para o que foi designada.