viernes, 5 de abril de 2019

“Mi vida en otra parte”, nova novela de Fernando Ontañón






O escritor Fernando Ontañón (Santander, 1972) presenta nos próximos días o seu cuarto libro de narrativa. “Mi vida en otra parte” (Ed. Bala Perdida, 2019) é o título desta novela que o consagra como unha figura esencial entre os narradores da súa xeración. Trátase dunha novela curta que, baixo a súa aparente levedade esconde unha enorme forza emotiva e unha profundidade reflexiva pouco habitual na literatura actual.

A narración discorre basicamente na Coruña, onde vive o escritor, e ao longo da trama aparecen lugares moi significados e reconocibles desta cidade; hai tamén unha viaxe iniciática ao faro do fin do mundo, suceso de gran transcendencia na trama novelesca. O relato ten unha protagonista feminina, Antía, da que imos coñecendo detalles da súa existencia en dúas etapas fundamentais da súa vida: na sua adolescencia, marcada polo acoso e o maltrato escolar e polos seus inicios no amor e o sexo, e na súa madurez cando, logo de moitos anos ausente (Madrid, Nova York) e convertida nunha escritora de éxito, regresa á súa cidade natal para recibir unha homenaxe e para reencontrarse cos seus demos interiores e cos personaxes que marcaron o seu tránsito á idade adulta.

A primeira etapa preséntase de forma máis narrativa, cunha enorme verosimilitude. Hai escenas de bullying que se visualizan cunha tremenda violencia, momentos intensos de iniciación ao sexo e á vida, e diálogos ben trenzados, moi cinematográficos (a ver si alguén se decata de que aquí dentro hai unha boa película). A etapa de madurez é máis analítica; a protagonista recorda e reflexiona, en primeira persoa, sobre as peripecias da súa vida, sobre os azares que trenzaron o seu destino ata convertela na persoa que agora é, un ser adulto que aínda non foi capaz de vencer os temores e frustracións dos seus anos de formación.

Fernando Ontañón (Foto: Xan Domínguez)
É un texto moi literario no que se percibe o alento dos escritores que o autor admira e ama, pero en ningún momento cae na pedantería. O texto está moi traballado, hai párrafos de gran intensidade literaria, metáforas sorprendentes e certeiras, frases contundentes como puñetazos. As referencias e as citas aparecen no relato de forma natural e non impostada. Os poemas dos escritores Manuel Vilas e Julio Llamazares, polos que Ontañón sente especial reverencia, forman parte importante da historia; Vilas aparece ata como personaxe nunha memorable escena da novela. Tamén a música está moi presente, como en todas as obras deste autor. Neste caso son as cancións de Lou Reed, e as súas letras, as que acompañan aos personaxes desde o principio ata o final da novela.

A vida, nos seus inicios, preséntase ante todos nós como un territorio de múltiples posibilidades, unha senda con numerosas bifurcacións. Imos elixindo, ou o azar vainos levando e, cando chega o tempo de resumir, dámosnos conta de todo o que puido ser e non foi, dos acertos e os erros, das decisións e as renuncias que marcan o noso destino, das cicatrices que acumulamos ao longo do camiño. Sobre isto reflexiona a protagonista na súa idade madura, sobre o sentido da vida, sobre o amor e a amizade, sobre o valor do éxito e o fracaso (“o fracaso non existe” di Manuel Vilas). A novela sobrevoa a súa aparente facilidade e convértese nun texto profundo e suxerente, emotivo, conmovedor. Esta novela confirma a Fernando Ontañón como un excelente narrador. A súa lectura non defraudará a ninguén. Non podo predecir si será un éxito de vendas (así o desexo) pero os seus seguidores quedamos, xa, á espera da súa próxima entrega narrativa.

Mi vida en otra parte” sae á venda o 10 de abril. O autor presentará a novela o vindeiro venres 12 de abril, ás 19.30 horas, na librería Berbiriana da Coruña (Rúa Santiago, 7. Porta Real). E en Santiago o venres 26 de abril, ás 19.30 horas, na librería Cronopios (Rúa de Alfredo Brañas, 24).

viernes, 29 de marzo de 2019

O maltrato da Atención Primaria e da Sanidade Pública en Galicia





Galicia incorporouse tarde á implantación no novo modelo de Atención Primaria (AP). O decreto que desenvolve a AP no Estado é do ano 1984, mentres que o que inicia a implantación dos Centros de Saúde en Galicia non se publicou no DOG ata 1992. Foron decisións políticas as que provocaron esa demora. O partido gobernante (PP) aliñouse sempre cos sectores máis reaccionarios da sanidade. A pesares do retraso e das numerosas resistencias profesionais e políticas hoxe Galicia conta cunha AP implantada en todo o territorio, con Centros de Saúde modernos e ben dotados e con profesionais ben formados para prestar unha atención sanitaria humana e de calidade a toda a poboación. 

O maior impulso da AP realizouno o goberno progresista (2005-2009), que fixo unha aposta política por potenciar a sanidade pública e por impulsar a AP como eixo central do sistema sanitario. O goberno presidido por Pérez Touriño aumentou o orzamento dedicado a AP, convocou oposicións e incrementou o número de profesionais; tamén realizou un notable esforzo en dotar os Centros de Saúde de medios para incrementar a capacidade resolutiva. Nas Xerencias de AP integráronse profesionais moi competentes e comprometidos co sistema público. Este impulso, froito da decisión política, veuse truncado coa toma do poder polo PP.

Núñez Feijóo coñece ben o negocio sanitario (acompañou a Romay –o impulsor das fracasadas fundacións sanitarias- na Consellería de Sanidade e no Ministerio) e tamén é un convencido privatizador: no seu paso pola dirección  de Correos (2000-2003) dedicouse a privatizar dito servizo público. Así que as decisións políticas adoptadas nos últimos dez anos non son froito do azar ou da incompetencia senón dun plan deseñado para converter a actividade sanitaria nun negocio para que se lucren uns poucos, mesmo a costa de desmantelar un sistema público de boa calidade e de maltratar aos seus profesionais e aos pacientes, que son, ao final, os máis prexudicados.

A paralización do Plan de Mellora, o desmantelamento das Xerencias de AP (XAP) para integralas nas xerencias hospitalarias (EOXI) -que converteron a AP nun apéndice menor dos hospitais-, a eliminación de Áreas Sanitarias (a Lei de Saúde do PP suprimiu catro áreas, pasando de once a sete: así os hospitais comarcais perderon autonomía de xestión): todas estas medidas van orientadas na mesma dirección. Hai unha clara intencionalidade política de desmantelar a AP e de concentrar o poder e o control dos orzamentos nos grandes hospitais, dirixidos por xerentes próximos ao poder político.
Núñez Feijóo afirma na prensa que é un defensor da sanidade pública. Pero a vontade política, cando se exerce o poder, non se expresa nos medios senón no DOG e nos orzamentos. E o desenvolvemento lexislativo e a asignación orzamentaria demostran todo o contrario. O propio conselleiro ven de admitir que os fondos para equipar centros de saúde "non existiron" durante anos. As políticas impostas polo PP en Galicia na sanidade van encamiñadas a converter a saúde nun negocio. Despois dunha década a poboación comeza a percibir o deterioro asistencial, que non é maior polo compromiso e o esforzo dos traballadores, que tentan manter a calidade asistencial a pesar da precariedade e da carencia de medios. 

Hai unha enorme indignación entre os profesionais, que se senten castigados polas decisións deste goberno. A protesta dos traballadores dos PACs, a mobilización d@s profesionais precari@s, a dimisión en masa dos xefes de servizo de AP de Vigo: todas estas son expresións do crecente malestar profesional. O goberno respondeu a estas protestas coa creación dun “grupo de expertos” que elaborou unha lista de propostas que non pretenden máis que maquillar a situación, e presentou un modelo de contrato para os eventuais que só serve para “estabilizar” e manter a precariedade. O reclamo non serviu para nada. Os profesionais non picaron nese anzol. Porque as solucións reais non pasan por medidas dese tipo. Cómpre restaurar en profundidade o dano causado, recuperar as XAP, incrementar o orzamento da AP ata o 25% (hoxe non chega ao 12%)  e dotar de profesionais e medios aos Centros e PACs para que poidan traballar con dignidade e ofrecer unha atención de calidade. 

Un columnista en La Voz de Galicia (cómplice principal da Xunta do PP) advertía aos “incautos” traballadores da sanidade que este non é un conflito sanitario senón político. Que non se deixasen enganar. Pois claro que estas protestas teñen unha clara intencionalidade política, igual que as decisións do goberno que degradan o sistema público e maltratan aos profesionais. A Coordinadora Galega de AP (CGAP) ten convocada unha folga para os días 9, 10 e 11 de abril que, con toda certeza, vai ter un amplo seguimento. Cómpre que a poboación perciba que os principais afectados polo deterioro da AP son os propios pacientes. A sanidade do futuro dependa das mobilizacións de hoxe. 





viernes, 1 de febrero de 2019

O amoreamento das historias clínicas do Sergas




A Consellería de Sanidade ven de ordenar a retirada dos arquivos das historias clínicas dos Centros de Saúde. Así o están a facer xa desde hai días na cidade da Coruña. Actualmente, coa informatización dos Centros, as historias dos pacientes están almacenadas no sistema operativo, por medio do programa Ianus, que puxo en marcha o goberno progresista hai máis dunha década.  Desde entón a información xerada no Sergas queda arquivada e accesible nos ordenadores da consulta. Pero hai moita información (sensible e confidencial) que está aínda en soporte papel, que xa non estará nos Centros de Saúde senón amoreada nunha nave industrial. A recuperación semella que será dificultosa: a información almacenada durante décadas pode que sexa irrecuperable. Tamén nos podemos preguntar pola protección dos datos clínicos que figuran neses expedientes. Se non se garante esa custodia estarase vulnerando o dereito á protección dos datos persoais. Realmente é necesario este traslado? Están as historias clínicas en boas mans? A empresa encargada deste proceso merece a nosa confianza?


Esta pregunta é pertinente: quen é o responsable de levar a cabo esta delicada operación? Trátase de Servicio Móvil (antes denominada Severiano Gestión, unha antiga compañía de mudanzas de As Pontes), que se converteu,  nos últimos anos, nunha das empresas que máis contratos asina co Servizo Galego de Saúde; podería superar o 20% do orzamento do Sergas. Esta empresa tivo unha gran expansión e nos concursos por toda España alíase con Eulen, da que é administradora mancomunada Mikaela Núñez Feijóo, irmá do actual presidente da Xunta. Pero Severiano Gestión (agora Servicio Móvil) xa ten o seu historial. Fagamos un pouco de memoria. Xestionaba,  no 2004, o arquivo de historias do Hospital de Pontevedra, cando un  incendio deixou o hospital sen documentación clínica. Tamén estaba encargada, en 2005, dunha nave con material da Consellería de Educación valenciana que tamén ardeu. O informe policial sinalaba a posibilidade de que o lume fose intencionado.

En 2014 o goberno de Núñez Feijóo doulle a concesión, por dez anos, dun centro loxístico para almacenar e distribuir material sanitario por toda Galicia. Esta actividade era realizada por persoal do Sergas nas propias áreas, coa máxima eficacia e sen que houbese ningun problema. Pero pasou a mans privadas, cun custo de preto de 100 millóns de euros, e poñen en mans da empresa unha información de gran interese estratéxico empresarial. En Negreira ergueron unha nave na que centralizan ese servizo. En abril dese mesmo ano a Xunta de Persoal denunciou nun escrito ungrave desabastecemento nos laboratorios do CHUAC[2]. Sinalaba carencias no laboratorio e no Servizo de Urxencias (“falta de reactivo por desabastecemento do proveedor”, foi a resposta recibida polos médicos). Aquel verán centos de mostras acabaron no lixo por falta de reactivos. Na actualidade o subministro nos Centros de Saúde é bastante deficiente. No Centro de Labañou (A Coruña) mesmo tivemos que “racionar” os depresores linguais que se usan na exploración da boca e a gorxa. O historial desta empresa non é nada exemplar. Pero segue a ter contratos e concesións públicas, sobre todo nas CCAA dominadas polo PP.

Esta estratexia, que denominan externalización deixa ben ás claras a actuación do PP no ámbito da sanidade. Entregou a mans privadas amplas parcelas dos servizos sanitarios: as telecomunicacións, o almacenamento e subministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a historia clínica e a receita electrónica, a cita previa (que presta un servizo penoso), a alta tecnoloxía, a investigación clínica e mesmo as contratacións públicas do Sergas. A mediados de 2018 o Sergas asinou un Acordo Marco no CHUAC cos hospitais privados da Coruña, por un montante total de case 100 millóns de euros, para realizar actividade concertada nos próximos catro anos. Desa maneira os centros privados garanten actividade durante ese tempo e poden dimensionar as plantillas en función dunha derivacion segura procedente do Sergas. A finais de 2018 o Sergas aceptou pagar 15 millóns de euros extra ao hospital Povisa de Vigo (por unha suposta deuda no pago de medicamentos) a maiores dos 75 millóns que percibe anualmente polo seu concerto singular. A Administración dalle un trato de favor a este centro, a pesar das irregularidades sinaladas polo Consello de Contas e de ter as maiores listas de espera de toda Galicia.

Para eso hai cartos, pero non para dar resposta ás demandas máis que razonables do profesionais dos PACs, nin para mellorar a situacion precaria do persoal eventual, nin para realizar oposicións que permitan consolidar aos interinos de longa duración, nin para mellorar as dotacións dos Centros de Saúde. Desvían o orzamento cara o sector privado e non fan nada por mellorar a Sanidade Pública. Non é un erro: trátase dunha actuación planificada para favorecer a certas empresas a expensas do diñeiro público.

Manifestacion  de SOS Sanidade Pública o domingo 10 de febreiro, ás 12 horas, en Santiago de Compostela




sábado, 19 de enero de 2019

Defender a Atención Primaria e a Sanidade Pública en Galicia (II)




Os sistemas sanitarios organizados en dous niveis asistenciais son os máis eficientes e os que máis aportan á saúde da poboación. Un sistema sanitario “forte” precisa unha AP “forte” (Barbara Starfield). A AP debe ser o elemento central que asuma a coordenación dos procesos asistenciais e, para iso, ten que contar con profesionais formados e con medios suficientes que permitan resolver máis do 80% dos problemas de saúde.  Con ese deseño foise construíndo, nos últimos 35 anos, un SNS que, pese a todolos ataques, conserva un nivel de calidade máis que aceptable.


Cos gobernos do Partido Popular o deterioro do SNS foi evidente. O nivel máis atacado foi a AP: en Galicia o PP suprimiu as Xerencias de AP, decapitou o plan de mellora e degradou as condicións laborais ata o extremo. Agora os profesionais, que se sinten maltratados, revélanse e reclaman a reparación do dano causado. A Atención Primaria debe reunir unha serie de condicións para ter unha boa calidade asistencial. De todas elas considero que hai tres elementos imprescindibles que deben ser impulsados coa maior premura: o aumento da capacidade resolutiva, a continuidade asistencial e a restauración da accesibilidade.

-A capacidade de resolución dos problemas de saúde require de profesionais ben formados, e que conten con medios e acceso a probas sen restriccións burocráticas. Na actualidade a boa formación dos profesionais de AP está infrautilizada por causa da sobrecarga asistencial, da aplicación de protocolos restritivos (impostos desde as xerencias hospitalarias) e das excesivas trabas e demoras no uso de medios diagnósticos. Para mellorar a AP é preciso recuperar poder e aumentar os recursos: hai que incrementar os orzamentos que hoxe representan un raquítico 12% do total adicado a sanidade (moi lonxe do 25% que reclaman os expertos). Se isto non muda podemos volver á situación de hai 50 anos, cando o médico de cabeceira era un escribano dedicado a facer receitas e volantes.

-A continuidade asistencial é un elemento básico da AP. Cando o profesional de AP atende durante tempo prolongado aos pacientes e ás súas familias establécense vínculos de confianza, empatía e respecto que son elementos esenciais da relación terapéutica. Dende o goberno da Xunta estase a rachar esta característica de forma radical. A ausencia de oposicións, os contratos-lixo, a non substitución do persoal ausente, a amortización de prazas: todas estas decisións (de marcado contido politico e económico) degradan a asistencia. É preciso convocar oposicións periódicas para que os profesionais sanitarios teñan unha cota asignada fixa, e que os pacientes non sexan atendidos por un profesional diferente cada vez que acuden ao seu Centro de Saúde. O acordo asinado pola Administración e algúns sindicatos é unha burla que perpetúa a precariedade e prexudica aos pacientes.

-A accesibilidade á consulta é un elemento clave e definitorio dunha boa AP. Na Atención Hospitalaria, nos casos que non sexan urxentes, pode admitirse unha demora razonable. Pero unha persoa que precise de atención en AP debe poder acudir coa maior brevidade. A Administración é a principal causante das demoras, xa existentes nalgúns Centros de Saúde, pola sobrecarga asistencial, a non substitución das ausencias e polas cotas médicas excesivas. Mais, neste caso, entendo que os profesionais debemos facer o maior esforzo posible para non provocar listas de espera en AP. O noso deber profesional é atender aos pacientes co maior respecto e o antes posible.

Pero considero que hai dous puntos clave para a abordaxe dos conflitos que agroman na AP. Cómpre restaurar as Xerencias de AP, con orzamento propio e autonomía de xestión. De non ser así, non haberá unha solución real aos problemas creados. Tamén é preciso que as promocións novas de profesionais se incorporen á loita colectiva polos dereitos cidadáns e pola dignidade profesional e que adopten unha conducta de actuación común ante os problemas que afectan a todos. Cómpre asumir que as solucións non son individuais nin sectoriais. Os afectados somos todos: todas as categorías profesionais e, sobre todo, as persoas.


Pero estamos nesta situación porque houbo quen adoptou decisións que nos trouxeron ata aquí. O deterioro da AP non é froito do azar nin da crise. Hai responsables na política e na xestión sanitaria que provocaron este desastre. Non se trata só de buscar remedios puntuais aos conflictos presentes. A degradación da AP (e da Sanidade Pública en xeral) é consecuencia da acción política dos últimos dez anos; as solucións non se atoparán con medidas cosméticas deseñadas por grupos de traballo afíns ao poder. A restauración da AP só se producirá se hai unha mudanza politica en Galicia. Mentres goberne o PP non haberá unha solución real.

sábado, 12 de enero de 2019

Defender a Atención Primaria e a Sanidade Pública (I)

Nueva Tribuna
Galicia Confidencial



Nos últimos 35 anos o Estado español potenciou a Sanidade Pública dunha maneira espectacular ata convertela nun servizo exemplar, moi valorado polos cidadáns e modélico para o resto do mundo. Dende a Lei Xeral de Sanidade (1986) houbo un impulso político firme e continuado que permitiu o desenvolvemento dos novos e modernos hospitais públicos e a creación de centenares de Centros de Saúde, antes inexistentes. A mellora da formación pola vía MIR, a creación da especialidade de Medicina de Familia, a incorporación de novas tecnoloxías e a entrega entusiasta de numerosos profesionais permitiron a construcción dun dos mellores sistemas sanitarios existentes. O Sistema Nacional de Saúde (SNS),  sustentado en dous niveis asistenciais, Atención Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH), demostrou ser moi eficiente e contribúe de forma importante á mellora da vida das persoas.

 Mais todo isto está en risco. Nos últimos tempos as políticas impulsadas dende o poder polo Partido Popular (PP) van encamiñadas a suspender a atención sanitaria como un dereito das persoas para convertela nun negocio. Este gravísimo proceso de extirpación dun dereito para transformar a saúde nunha mercadoría dase en todo o territorio estatal, pero aplícase dun xeito moi intenso e perseverante no noso país. Os severos recortes practicados están a provocar efectos moi prexudiciais.



Galicia incorporouse tarde ao desenvolvemento da AP (decreto de 1993), pois o PP estivo en contra desde os inicios e alineouse sempre cos sectores máis reaccionarios do sector. Pese a todo a sanidade galega e o nivel de AP melloraron de maneira notable nas últimas décadas. Hai 50 anos os médicos pasaban consulta no propio domicilio e a carencia de medios era absoluta. As primeiras promocións de médicos de familia tivemos unha profunda implicación e unha actitude de absoluta militancia que favoreceu a implantación do novo modelo da AP, en contra das resistencias de certos grupos profesionais e do propio goberno do PP.


O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma notable a Sanidade Pública e mellorou o primeiro nivel asistencial (con aumento de recursos, dotación de medios e incremento de persoal). Puxo en marcha un ambicioso plan de mellora da AP que non chegou a desenvolverse pois foi paralizado de inmediato polo PP cando ocupou de novo o poder da Xunta (tamén anulou o proxecto de hospital público de Vigo para impulsar un proxecto privado que provocou e provoca graves disfuncións nesa área sanitaria). Núñez Feijóo é un experto privatizador, coñecedor desde antiguo do negocio sanitario; a eso se dedicou desde o primeiro día: a desmantelar a sanidade pública e a crear espazos de negocio para grupos afíns e as grandes multinacionais do sector (aseguradoras privadas, empresas de tecnoloxía e industria farmacéutica).


En AP, ademáis de suspender a aplicación do plan de mellora tamén suprimiu as Xerencias de AP (que tiñan o seu orzamento e capacidade de decisión propia); foron fagocitadas por unha xerencia única hospitalaria (EOXI), de tal forma que o primeiro nivel asistencial perdeu autonomía de xestión e pasou a ser un apéndice menor dos grandes monstruos hospitalarios. A perda de orzamento, de medios e de persoal foi progresiva e continuada. Non houbo convocatorias de prazas para AP e outras foron amortizadas. Os contratos eventuais do persoal son cada vez máis precarios e degradantes; a Administración maltrata aos profesionais con ensañamento. 

A sobrecarga asistencial é cada vez maior. A aparición de problemas sanitarios pola dificultade de facer unha atención de calidade é evidente. O amoreamento de padiolas nos Servizos de Urxencia é cada día máis ofensivo para a dignidade humana. Hai uns meses morreu un paciente no PAC da Estrada e provocou unha grande alarma social. Hai unha denuncia na Fiscalía polo falecemento de dous pacientes na Urxencia do CHUS (dirixido por unha prima de Núñez Feijóo). A protesta social e profesional comeza a ser máis intensa: hai folga nos PACs e nos Servizos de Urxencias, e unha dimisión en masa dos xefes de servizo de AP en Vigo. Din que non hai persoal para mellorar os servizos. Tamén iso é falso: se convocasen unha oposición presentaríanse cen persoas para cada praza. Pero os profesionais, se poden, fuxen dunhas condicións laborais intolerables.


Nos últimos dez anos a calidade asistencial dos Centros de Saúde sustentouse no esforzo e na entrega de moitos profesionais que agora, no límite da súa resistencia, protestan e reclaman solucións. Ante a alarma social a Xunta responde coa creación de grupos de traballo, integrados por profesionais afíns, aos que encarga o deseño dun novo modelo de AP, dando a entender que o existente non é bó. Realmente non se precisa un modelo novo: o necesario é restaurar o dano causado coas decisións adoptadas por eles mesmos. O actual deterioro non é froito da manifesta incompetencia dos dirixentes. Pola contra, é o resultado dun plan trazado previamente e executado desde o poder político coa complicidade dalgúns profesionais, que colaboraron desde os seus postos de xestión no desmantelamento da AP. Pero aínda é posible recuperar a dignidade: só é preciso un cambio político.