lunes, 30 de abril de 2012

A saúde para quen a pague



A sanidade pública comezou no Estado español como un seguro colectivo, avalado polas cotizacións dos traballadores. Este modelo cambiou no período da Transición. Desde a Lei Xeral de Sanidade (1986) a saúde pasou a considerarse un dereito universal dos cidadáns. Foi unha importante conquista social  pois estabelecía que a atención da saúde da poboación estaba “orientada á superación dos desequilibrios sociais e territoriais”. Iniciouse un camiño para integrar a todos os colectivos non protexidos co obxectivo de universalizar a asistencia. O sistema nacional de saúde (SNS) é hoxe, 26 anos despois, o máis importante elemento de cohesión e xustiza social. As persoas teñen dereito á asistencia pola súa condición de cidadáns e non pola cotización previa. 

Mais nunha apresurada carreira cara o pasado o PP xa conseguiu levar a sanidade pública á altura da década dos setenta. O goberno de Rajoy vén de aprobar, apelando a unha suposta urxencia -sen trámite parlamentario previo e co apoio exclusivo do grupo popular-, o Real Decreto ley 16/2012,  no que recupera a figura do “asegurado”. As persoas accederán á asistencia sanitaria en función da súa cotización. Voltaremos así á desigualdade de tempos pretéritos, de xeito que os servizos de saúde atenderán só os asegurados e os acollidos á beneficencia. 

A aplicación desta norma, tan inxusta e regresiva, deixará sen cobertura a moitos cidadáns. O PP utiliza a demagoxia para xustificar este drástico cambio de modelo: sinala como motivos a utilización da sanidade por persoas procedentes de Europa que veñen facer “turismo sanitario”, e a sobrecarga producida pola atención aos inmigrantes irregulares. En realidade, estes son fenómenos residuais que non representan unha sobrecarga significativa para os centros sanitarios. Esta argumentación, falsa, indigna e inxusta, non debe agochar a realidade: esta lei sitúa a moitas persoas na desprotección e deixa sen médico e sen medicinas a diversos grupos de cidadáns. Nada pode xustificar que se impoña, con premeditación e alevosía, unha lei tan lesiva para a poboación, negando ante os medios de comunicación o que resulta evidente: suprimen a atención sanitaria a certas grupos sociais. Deixan sen cobertura aos inmigrantes en situación irregular, mais tamén dificultan o acceso aos servizos a outros colectivos: aos mozos maiores de 26 anos non cotizantes, aos divorciados sen ingresos etc. 

Segundo os últimos datos da EPA (Encuesta de Población Activa) en Galiza hai 82.800 fogares con todos os seus membros activos en paro, que tamén terán problemas; de prolongarse a situación terán que solicitar atención cono PSR (persoas sen recursos). E os mozos que superan os 26 anos xa non poden ser beneficiarios da tarxeta dos pais; por tanto, se non están cotizando á Seguridade Social quedarán no desamparo e deberán acudir ao sistema de baixos recursos. Se temos en conta que o 50 por cento da mocidade está no desemprego podemos imaxinar o panorama. Están a condenar a xuventude máis preparada da historia deste país a un futuro laboral escuro (desemprego, traballo precario), pero ademáis, humillados e ofendidos, terán que solicitar atención sanitaria da beneficencia pública pola súa condición de parados e non cotizantes. Ese é o seu modo de facer patria, esa é a maneira que teñen os actuais gobernantes de fomentar a confianza no futuro colectivo.
 
Tampouco é casual -como sinala o profesor Sergio Minué no seu magnífico blog- que, donde había só unha categoría, agora se establezan tres niveis na carteira de servizos do SNS: básica, suplementaria e accesoria. Deste xeito abren a posibilidade de que, nun futuro, o sistema público non se faga cargo de todos os servizos e poderán deixar certas prestacións nas mans das aseguradoras privadas. Só lles falta, para acabar de completar o espazo do negocio, crear un sistema de desgravación fiscal dos seguros privados, reclamada con insistencia pola patronal sanitaria. Non van tardar moito en facelo.

Nesta lei tamén se introduce o copagamento dos fármacos polos pensionistas (sinalados polo PP como salteadores de farmacias que acumulan toneladas de medicinas nas súas casas), limítase o copagamento da ortopedia ambulatoria e do transporte sanitario non urxente (utilizado, entre outros colectivos, polas persoas con insuficiencia renal para acudir á diálise tres veces por semana), exclúense fármacos da financiación pública etc. Todas estas, e outras que non cito, son medidas altamente lesivas para os cidadáns. Mais as claves desta norma están no retorno á esixencia do aseguramento para recibir atención e na exclusión de certos colectivos da cobertura sanitaria, invertindo así unha orientación cara a cobertura universal iniciada hai tres décadas.

O partido gobernante está empeñado en retornar ao pasado, cunha sociedade dividida entre privilexiados e súbditos, e cunha sanidade dualizada: a beneficencia para os pobres e os seguros privados para a casta dirixente. Hai colectivos profesionais que tentan frear esta “contrarreforma” sanitaria e xa plantexan o dereito á obxección de conciencia na aplicación efectiva deste decreto por consideralo inmoral, inxusto e mesmo perigoso en termos de saúde pública. Haberá que actuar con rapidez pois certas medidas, unha vez implantadas, teñen dificil retorno. Está en xogo a nosa saúde colectiva.

domingo, 22 de abril de 2012

A ditadura dos mercados e a saúde


Nos últimos tempos vivimos nun estado de excepción permanente. Inauguramos cada día coa inquedanza de saber que novas restricións terán preparadas o goberno e os mercados para afogar un pouco máis as nosas esperanzas no futuro. A crise financeira e as medidas adoptadas polos gobernantes están a producir un grave retroceso social e a perda de dereitos que parecían definitivamente consolidados. As regras do xogo, na política e na economía, están deseñadas pola triple alianza do Fondo Monetario Internacional (FMI), o  Banco Central Europeo (BCE) e a Comisión Europea. O goberno do Partido Popular sigue con fidelidade os dictados desta política ultraliberal que está a provocar a liquidación do estado de benestar, a laminación dos dereitos dos traballadores e o exterminio da clase media neste país. De seguir a este ritmo pronto chegaremos ao obxectivo que semellan perseguir: unha sociedade de castas donde unha clase dirixente detente o poder e a riqueza, mentres a maioría da poboación viviría nas marxes da pobreza, reducida á consideración de súbditos.

Juan José Millás decía nun artigo que este goberno actúa como un polo sen cabeza e que vai dando paus de cego. Coido que erra no diagnóstico: os paus caen sempre do mesmo lado. A amnistía fiscal ofrecida ao crime organizado (para sanear o diñeiro negro da especulación, a trata de brancas e o comercio de drogas) é decidida polos mesmos que cargan contra a sanidade e a educación públicas, contra os pensionistas e os inmigrantes, aos que veñen de deixar sen cobertura sanitaria. Non dan paus de cego, saben ben que lombos queren golpear. Tiñan unha axenda oculta que aplican con dilixencia. Na campaña electoral mentiron con descaro: agora están a facer o contrario do anunciado. De non producirse, no Estado e en Europa, unha reacción popular contra esta política destrutiva, retornaremos a tempos pretéritos, cunha sociedade dividida e con grandes tensións na convivencia cidadá.

 Aos poucos días de conseguir o goberno de Madrid, Rajoy aprobou o maior recorte orzamentario da historia (16.400 millóns de euros) e unha grande subida dos impostos, conxelou os salarios e as pensións e freou en seco a Lei de dependencia. Non foi dabondo: a primeiros de abril anuncia –mediante unha nota de prensa- un novo recorte (en sanidade e educación) de 10.000 millóns de euros e anuncia próximas privatizacións. Mentres, o ministro De Guindos propón abrir o debate sobre que as rendas máis altas paguen os servizos sanitarios (en realidade o que hai detrás deste enunciado é o aviso dunha sanidade dualizada: a beneficencia para os pobres e a sanidade privada para os poderosos).
De Guindos

A mediados de abril Rajoy anuncia, desde México, a posta en marcha do copagamento das medicinas. Aumenta a porcentaxe a pagar polas persoas en activo e impón un recargo aos pensionistas, que sempre tiveran a prestación farmacéutica gratuita. Trátase dunha medida tremendamente inxusta, ademáis de representar un auténtico fraude electoral, xa que o PP negou repetidamente a súa intención de implantar o copagamento. Ven ser un novo imposto sobre a enfermidade e a vellez; ser maior e estar enfermo, o que sucede a miudo, vai ser castigado por este goberno sen que lles temble o pulso. Supón, ademáis, unha devaluación da renda dos pensionistas, e debemos lembrar que a contía media das pensións en Galicia non chega aos 700 euros mensuais.

R. Rato
Van seguir. Non van parar aquí. Coa crise como excusa van continuar nesta tarefa de liquidación dos servizos públicos para entregar espazos de negocio -na sanidade e na educación- aos seus amigos e colaboradores. O FMI, principal inspirador destas políticas, ven de descubrir un novo risco e arrastrará aos gobernos a adoptar novas medidas. Falan agora do risco da lonxevidade, e alertan de que “a prolongación da esperanza de vida provoca custos financeiros”. Aconsellan aos gobernos que adopten medidas para que o feito de vivir máis do agardado non produza riscos económicos. A institución dirixida por Christine Lagarde (quen aplaude con entusiasmo os recortes de Rajoy e reclama máis diñeiro para os bancos) afirma que as entidades que ofrecen pensións deben poder actuar con flexibilidade: “se non é posible incrementar as contribucións ou subir a idade de xubilación, posiblemente haberá que recortar as prestacións”.

DSK
Ata hai pouco era válida a mensaxe da OMS que propugnaba “engadir anos á vida e vida aos anos”. A lonxevidade, que debería ser celebrada como unha grande conquista, é agora catalogada como un perigo financeiro. Veñen propoñer que as persoas maiores traballen e coticen ata ben tarde, e despois teñen que morrer pronto, para que a vida post-laboral non signifique unha carga para os gobernos e as compañías aseguradoras. Hai uns anos ninguén se atrevería a decir estas cousas en voz alta: agora o FMI elabora un documento, que pretende presentar como rigoroso, e emite un comunicado de prensa para divulgar as súas propostas. Tristes tempos estes en que as persoas de ben, que traballan toda a vida con decencia, pasan á ser considerados enemigos do sistema, que poñen en risco a estabilidade financeira.

C. Lagarde
Pero non debemos sorprendernos da categoría moral destes enunciados do FMI se lembramos o nome dos últimos dirixentes desta institución. Ata 2007 estivo dirixida por Rodrigo Rato (agora presidente de Bankia); daquela emitía informes favorables sobre a evolución da economía mundial, cando a crise estaba xa a producir os seus primeiros estragos. Sucedeuno Dominique Strauss-Kahn, aquel suxeito enfermo de priapismo, denunciado por un intento de violación por unha empregada dun hotel de Nova Iorque e que agora está imputado nun caso de proxenetismo e sinalado pola prensa amarela por participar en festas “libertinas”. Esta clase de xente é a que dirixe o mundo. Haberá que quitarlles das mans a vara de mando, ou as cousas non irán a mellor. 



sábado, 14 de abril de 2012

O copagamento na sanidade


A dereita gobernante está a promover, cada vez con máis insistencia, a introducción do copagamento na prestación sanitaria e farmacéutica. Feijoo anunciou a posibilidade de estabelecer unha cota pola “comida, a cama ou o uso da ducha” durante os ingresos hospitalarios; tamén avisou da posible supresión da gratuidade na dispensación de fármacos aos pensionistas. Cospedal pretende que  a sanidade pública deixe de financiar os medicamentos máis baratos; mentres, a dereita catalana impón o cobro dun euro por cada receita dispensada. 

A sanidade pública non é gratuita; pagámola os cidadáns cos nosos impostos. Os gobernantes deben facer un bo uso do diñeiro público para que os servizos sexan de calidade e non perigue o seu futuro. Non ten sentido que Feijoo reclame agora a axuda dos cidadáns para financiar a sanidade a través do copagamento; unha recaudación dos tributos xusta e progresiva e unha xestión rigorosa e esixente dos orzamentos públicos debería abondar para garantir o futuro do noso sistema sanitario.

Os defensores do copagamento apoian a imposición deste recargo pola súa capacidade recaudatoria e tamén como elemento disuasorio, para reducir o uso abusivo dos servizos sanitarios e o malgasto en fármacos. Mais a experencia demostra o contrario. Sánchez Bayle afirma nun artigo que o copagamento non contén o gasto, é incapaz de discriminar a demanda apropiada da inapropiada e ten moitos efectos negativos sobre as persoas máis enfermas e con menos recursos.

 O presidente da Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (SEMFYC), Josep Basora,  ven de facer unhas desafortunadas declaracións nas que defende o copagamento dos fármacos en función da renda. De ser así os pensionistas deixarían de ter acceso aos medicamentos de forma gratuita, como é na actualidade, e terían que pagar unha porcentaxe do precio das medicinas (como as persoas en activo, que abonan o 40 %). Se cadra cómpre recordar que os pensionistas cobran unha media de 750 euros ao mes, o 75% recibe menos de 1000 euros e só unha mínima proporción ten retribucións superiores. Mais as persoas maiores sí teñen doenzas crónicas, patoloxías diversas e problemas de dependencia. Suprimir a gratuidade da prestación farmacéutica podería representar un serio revés para moitas economías familiares neste último tramo das súas vidas. 

Pero hai que decir que as declaracións citadas reflicten a opinión persoal do doutor Basora, xa que a posición desta organización médica, á que teño a honra de pertencer, está recollida nun documento oficial (Copago, conclusiones desde la evidencia científica), no que se afirma: “A SEMFYC está en desacordo coa aplicación de copagamentos nos servizos sanitarios, pois non existen probas concluíntes dos seus beneficios, pero sí hai evidencias sobre os seus posibles efectos perxudiciais na equidade e na saúde da poboación, especialmente a máis desfavorecida”. Neste traballo faise unha revisión exhaustiva das experiencias de copagamento en diversos países; os datos existentes desaconsellan a súa implantación. 

Se non hai evidencia sobre os seus beneficios, a qué se debe tanta insistencia dos actuais gobernantes? Se cadra trátase de instaurar o pago por acto para que o servizo sanitario deixe de ser un dereito para converterse nunha mercadoría pola que hai que pagar. Ou pode que só sexa unha cortina de fume para xerar unha polémica permanente mentres se produce o desvaldimento das arcas públicas por outros mecanismos: a cesión da xestión hospitalaria a empresas privadas, a entrega da tecnoloxía sanitaria, a apropiación indebida dos sistemas de información etc. Haberá que estar atentos, pois o copagamento é unha ameaza, mais hai outras que tamén poñen en serio risco o sistema sanitario público.