Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

jueves, 13 de octubre de 2016

Camilo cumpre oitenta anos

En Nueva Tribuna
En Praza Pública
En Galicia Confidencial



Camilo Nogueira vai cumprir oitenta anos e un grupo de amigos está a organizar unha merecida homenaxe, que se vai celebrar o vindeiro once de novembro en Santiago de Compostela. Pretenden que sexa un acto alegre, plural e con moita concurrencia.


Os anos da Transición e da construción da autonomía de Galicia foron tempos moi intensos na vida política e estiveron marcados pola poderosa presenza de varios políticos de raza que quedarán na historia do noso país. A dereita ten unha figura moi notable, para ben e para mal, que é Manuel Fraga Iribarne. Procedente do franquismo, foi presidente da Xunta durante dezaseis anos e a súa pegada, con algunhas luces e moitas sombras (o neo-caciquismo, a corrupción, o Prestige, O Gaiás), é innegable. Na esquerda nacionalista hai dúas figuras que destacan sobre as demais: Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira. Os dous naceron no ano 1936, cando comezaba a guerra civil, e fixeron camiños por veces paralelos e noutros momentos coincidentes. Ámbolos dous son auténticos referentes para moitos galegos de ben que os teñen como paradigmas de honestidade e compromiso. Beiras é o verbo desatado, a presenza desbordante, a indignación ante a inxustiza, a exhortación á desobediencia. Camilo Nogueira é o traballador incansable, o vitalista persistente, o optimista histórico que sempre tenta ver o lado positivo das cousas.

Non teño unha relación de amizade con Camilo pero participei nos proxectos que el impulsou. Estiven, modestamente, na creación do POG (Partido Obreiro Galego), na construción de Esquerda Galega e formei parte da candidatura da coalición Unidade Galega, nas eleccións municipais do meu concello (Negreira, 1979). Lembro as interminables reunións en Compostela, nos meus anos de estudante, naquel local enfronte da libraría Follas Novas. Aquelas xuntanzas eran auténticas clases de teoría e práctica política. Camilo adoitaba vencer nos intensos debates baseándose na fortaleza dos seus argumentos e no derrubamento por cansazo dos demais.

Camilo Nogueira foi protagonista dos principais momentos da vida política de Galicia durante as últimas catro décadas. Participou na redacción do Estatuto dos dezaseis (1979), documento fundamental que permitiu iniciar o camiño do autogoberno de Galicia. Foi diputado autonómico (1981-1999) e destacou pola intenso traballo parlamentario. Cómpre sinalar a súa proposta de Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983, para protexer o galego como “lingua nacional e universal”. Convencido europeísta, e defensor da Europa dos pobos, tamén foi eurodiputado (1999-2004). En Bruxelas desenvolveu unha intensa actividade que o levou a realizar máis propostas (sobre diversas materias: economía, política agraria, pesca, lingua,...) que todos os demais representantes galegos xuntos. Tamén participou e estivo presente nas principais mobilizacións realizadas en Galicia nos últimos anos (contra da guerra, polo desastre do Prestige, pola defensa da lingua, pola sanidade pública). 

O seu compromiso co país é dunha coherencia insubornable. Home vital e optimista por natureza, a súa profunda formación intelectual permitiulle abordar a tarefa política con gran solidez e tamén construír un novo discurso sobre Galicia (superando a  “síndrome do aldraxe”, a versión vitimista da terra asoballada, illada e colonizada, que aínda persiste en algúns discursos), co que tentou inspirar e impulsar a construción dun país moderno, europeo e positivo.

A característica principal da súa personalidade é a perseveranza e ten unha capacidade de traballo asombrosa. Ademais da intensa actividade política exerceu a súa profesión ata os 61 anos e, nestes últimos tempos, despois de  retirarse da primeira liña da política, publicou varios ensaios nos que reflexiona sobre Galicia en Europa e no mundo ("A terra cantada", "Galicia na Unión Europea", "Europa. O continente pensado"). Saúde e longa vida a Camilo, que tanto ten feito por este país. Temos a obriga de honralo e o deber de darlle continuidade ao seu labor.








martes, 23 de agosto de 2016

O porvir de Galicia


En Galicia Confidencial
En Praza Pública
En Nueva Tribuna


Galicia está nunha encrucillada. Na próxima consulta electoral xógase o seu futuro. Podemos continuar pola senda trazada nos últimos anos polo goberno do PP, que nos levou a ser un país máis vello e máis pobre, ou tentar recuperar a confianza en nós mesmos e alimentar a ilusión de construir un futuro mellor para os nosos sucesores. O porvir de Galicia está nas nosas mans.

As políticas impostas por Núñez Feijóo levan camiño de converter a Galicia nunha xeografía desolada. A poboación decrece e a mocidade fuxe na procura dun futuro lonxe da terra (aquí máis do 50 por cento está sen emprego). A mal chamada “austeridade” foi aplicada como un castigo sobre a clase traballadora e as capas máis desfavorecidas da sociedade. A reducción de gasto público e a restricción da protección social e dos servizos públicos -sanidade, educacion-, provocou moita dor na xente, mais non conseguiu reducir a débeda, senon todo o contrario. Despois de oito anos de goberno de Núñez Feijóo somos un país máis pobre e tamén máis endebedado. Non é un gran xestor, como adoita presumir. Pero ten un mérito, xa que cumpriu á perfección a misión que tiña encomendada: poñer a Administración e os fondos públicos ao servizo das  corporacións financeiras e das empresas afíns. Eles saberán recompensar o seu labor.

 
Luís Villares

Despois de que o lehendakari sinalase o día das eleccións autonómicas (en Euskadi e tamén en Galicia), para finais de setembro, ábrese unha nova porta á esperanza. Desde o poder e os medios de comunicación cómplices (Voz de Galicia, TVG…) tentan debuxar a imaxe dunha oposición desnortada, enfrontada e débil. Mais o certo é que -coas dificultades propias dun proceso tan apresurado como este-,  tanto o PsdG como En Marea presentan dous excelentes candidatos que, a pouco que as organizacións traballen e a sociedade se mobilice, terán unha opción seria para desaloxar do poder ao PP. Os dous teñen claro que non disputan entre sí . Saben ben cal é o enimigo principal e que o obxectivo é conseguir o sorpasso sobre o Partido Popular.


Xaquín F. Leiceaga
Luís Villares e Xaquín F. Leiceaga son dous homes de ben, dúas persoas prestixiosas, serias e solventes, cunha notable traxectoria profesional, que agora dan un paso adiante para tentar virar o rumbo deste país desde o goberno da Xunta. Non vai ser doado, pero teñen a formación e o compromiso necesarios para afrontar o empeño. Teñen tamén un talante conciliador, favorable ao diálogo, que lles permitirá procurar acordos e puntos de encontro en beneficio da maioría social.

Porque o que Galicia precisa con urxencia é recuperar a autoestima e a ilusión colectiva. E hai que desaloxar do goberno a esta facción que ocupou o poder, nos últimos oito anos, cunha finalidade ben definida: poñer a Xunta ao servizo do capital e facilitar a realización de negocios a expensas do diñeiro público. Núñez Feijóo, o home que andaba en malas compañías, poderá ir para Madrid (cidada que visita con asiduidade para buscar proxección política) ou viaxar a Salvador de Bahía (dixo nunha ocasión que ese será o seu destino cando se retire). Pois alí terá moito sol e outras cousas que lle permitirán ter un gozoso retiro.

Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado
Núñez Feijóo con directivos de Caixanova e Caixa Galicia en 2010


lunes, 27 de agosto de 2012

Os servizos públicos e os negocios privados

En Galicia Confidencial


Cando o PP ocupou o poder en Galicia en 2009, Núñez Feijóo afirmou que levaría a cabo políticas de austeridade pero sen reducir os orzamentos de sanidade, educación e servizos sociais. Minteu doblemente: estes departamentos son os máis atacados polas súas actuacións mentres que, durante o seu mandato, a débeda de Galicia medrou o triplo que co goberno bipartito. En 2009 a débeda autonómica equivalía ao 7,7% do PIB. Nos tres últimos anos a débeda medrou de 4.282 a 7.381 millóns de euros. Esto representa un incremento de 3.099 millóns de euros na débeda,  que equivale xa ao 12.8% do PIB (5 puntos por enriba do herdado). En resumo, os tres anos de suposta austeridade e solvencia económica do actual goberno da Xunta tradúcense nun incremento da débeda en máis de 1.000 millóns de euros por ano.

A pregunta que xurde é ven sinxela: cómo é posible que aumente a débeda autonómica a pesares dos tremendos recortes que están a sufrir os servizos públicos e os cidadáns? Obviamente porque hai menos ingresos pero tamén porque as decisións deste goberno non conducen ao aforro público senon ao desvío de diñeiro público a mans privadas, utilizando todos os mecanismos posibles dentro da legalidade vixente. Dí Antón Baamonde, no seu libro A derrota de Galicia que “no goberno galego senta xente firmemente partidaria da identidade, pero non da galega, precisamente”. Tamén podemos afirmar que temos uns dirixentes públicos que non cren no sector público ao que agreden de xeito sistemático e procuran debilitar progresivamente transferindo orzamentos e funcións a mans privadas.

O Partido Popular afirma que a xestión privada é mellor que a pública. Por eso o goberno de Núñez Feijóo contratou á empresa Eulen (da que é apoderada a súa irmá Micaela) para realizar a atención telefónica e xestión da documentación das persoas afectadas polas preferentes. Para poder adxudicar directamente (sen concurso no DOG) a Xunta dividiu o servizo aos afectados por provincias, para que non superase o límite económico estabelecido. Este proceder xa o realizou esta Xunta noutras ocasións en relación coa mesma empresa. O grupo Eulen tamén consigueu que o concello da Coruña (presidido por Carlos Negreira, compañeiro e amigo de Núñez Feijóo) lle adxudique a xestión da rede de bibliotecas da cidade por máis de dous millóns de euros, sen que tivese ningunha experiencia previa neste tipo de actividade (até o de agora era requisito indispensable para poder presentarse a concurso).

Chegounos esta información durante o mes de agosto mentres o presidente disfrutaba das súas merecidas vacacións en Póvoa de Varzim, localidade do norte de Portugal moi coñecida polo seu casino. Alí foi parado por un garda de tráfico por exceso de velocidade. Despois dunha discusión accedeu a pagar a sanción correspondente. O presidente galego tamén tivo tempo, durante o descanso estival, para xantar nun restaurante da Estrada con Rajoy, Louzán, Jove (ex-propietario de Fadesa) e varios alcaldes da zona. Ainda que acudiron nos coches oficiais foi unha xuntanza informal, fora de axenda. Non trascendeu nada sobre o tratado nese encontro. Non sabemos se falaron dos servizos públicos ou de negocios privados. Se cadra era unha celebración gastronómica e só loubaron a calidade das viandas. Quén sabe? Ou estarían a falar, por un casual, do próximo adianto electoral?

martes, 21 de agosto de 2012

Lucho do Peto

En Galicia Hoxe

Avelino Pousa Antelo tivo unha vida longa e intensa. Chegou á idade de 98 anos sen perder a dignidade, nen sequera nos tempos escuros, cando había que disimular para poder sobrevivir. A súa biografía está marcada polo compromiso con Galicia. Foi un home vital e entusiasta que sempre quixo, segundo deixou escrito, “conquerir unha Terra máis libre e dona dos seus destinos: esa foi a ilusión que encheu os mellores anos da miña vida  e quero que sexa a miña mensaxe para a xuventude”. Algunha vez defineuse a sí mesmo como un perdedor, mais non é tal; a pesar das perdas que tivo ao longo da vida sempre mantivo unha actitude ética que lle permiteu construir unha biografía coherente, exemplar.

No libro “Conversas con Pousa Antelo” de Amancio Liñares demostra ter unha memoria prodixiosa e relata con detalle as diferentes etapas da súa vida (desde a infancia rural no val de Barcala á presidencia da Fundación Castelao), sempre marcada polo galeguismo, o desenvolvemento agrario, o cooperativismo, a renovación no ensino e a defensa da lingua. Relata o seu momento iniciático, que sucedeu nun mitin galeguista celebrado no Teatro Principal de Compostela o ano 1931. O último en intervir foi Castelao. “O teatro estaba cheo e a mín a intervención de Castelao impresionoume tan fondamente que saín de alí galeguista de por vida, e por mil vidas se as tivera. Foi un deses impactos que se cravan con fondura na conciencia dun mozo”.

Coñecín a Avelino Pousa cando eu era un rapaz. Os dous somos barcaleses, ainda que nos separan máis de corenta anos. Cando un grupo de mozos puxemos en marcha a Asociación Cultural “Afonso Eans” en Negreira nos anos setenta contamos co seu apoio e colaboración. Naqueles mesmos anos houbo unha movilización na Cooperativa Feiraco que se enfrentou á xunta rectora presidida por García Calvo; formouse unha candidatura alternativa encabezada por Pousa Antelo. Na tensa asemblea celebrada en Pontemaceira perdeu a votación por corenta votos de diferencia. Así era Avelino. Cando o chamabas sempre estaba disposto a colaborar. Hai uns anos participou na presentación dun libro meu (xunto con Fernán Vello e Xulio Valcárcel), na Galería Sargadelos de Santiago. Estivo como sempre: afectuoso, ameno e divertido.

Porque eu destacaría, por enriba de todas as cualidades persoais que posuía, o seu grande sentido do humor e a humildade. Era retranqueiro e tiña un arsenal de anécdotas que podía encadear durante horas. Cando nunha entrevista lle preguntaron por qué usaba boina contestou: “Porque comecei a quedar sen pelo. Vivindo en Santiago, merqueille outra boina ao meu netiño de tres anos e saiamos os dous á rúa con boina. ¡E a xente ría!”. Era amigo da troula e da festa. Valentín Arias conta nun libro como deu vida a conxuntos músico-vocais como a ronda “Os Codornisos” en Ponte de Mera (Ortigueira) e a orquestra “Avel Pousa y sus Jabatos” en Santa Comba de Lugo. 

Nunca esqueceu as súas orixes, nunca deixou de ser o neno Lucho do Peto, curioso e alegre, que axudaba nas tarefas da labranza. Fuxía do boato e da grandilocuencia. Cando lle dixeron se se consideraba o último galeguista histórico dixo: “Boh, agora a calquera cousa se lle atribúe o calificativo de histórico”. Pois, aínda que él o rexeitara, Avelino Pousa é un referente na historia deste país, un exemplo de coherencia e dignidade. Adeus, mestre, e moitas grazas por todo.

lunes, 21 de mayo de 2012

“A saúde como negocio”



Neste tempo de incertezas sobre o noso futuro colectivo, Edicións Laiovento ven de publicar o libro “A saúde como negocio”, no que se describe a situación actual da sanidade pública, analízanse as actuacións realizadas polos actuais gobernantes e faise unha valoración das consecuencias negativas que estas intervencións poden ter para a sustentabilidade do sistema sanitario no porvir inmediato.

Trátase dun libro colectivo. Os seus autores son Mª Luísa Lores, Manuel Martín, Jesús Rey, Marciano Sánchez-Bayle e Pablo Vaamonde, todos eles persoas comprometidas coa defensa da sanidade pública. É un texto oportuno e necesario, que aporta información obxectiva, argumentos e análises para explicar como é posible facer outras políticas que, na vez de deteriorar e pór en risco o sistema público, procuren a súa mellora e consolidación.

De xeito didáctico e a grandes trazos podemos definir dúas posicións confrontadas en relación coa política sanitaria e a xestión dos servizos sanitarios públicos:
*Hai unha corrente progresista que entende a sanidade pública como un dos piares esenciais do estado do benestar, defende a atención sanitaria como un dereito dos cidadáns e promove o acceso aos servizos de forma universal e gratuíta, sen ningunha restrición. Esta corrente considera que o financiamento da sanidade debe realizarse cos impostos dos cidadáns e a prestación debe ser fundamentalmente pública, considerando o sector privado como subsidiario e complementario.
*Na outra banda existe un pensamento ultraliberal que considera que cadaquén debe acceder aos servizos sanitarios que poida custear persoalmente. Esta corrente, hoxe predominante, fixo circular nos últimos tempos unha argumentación elemental baseada en catro conceptos: a insustentabilidade do actual sistema sanitario, a utilidade de separar financiamento e prestación dos servizos para mellorar a eficiencia, a necesidade imperiosa de introducir o copagamento para o acceso aos servizos, e a crenza (non demostrada) de que a xestión da sanidade privada é mellor e máis eficiente que a pública.

Os autores deste libro partimos da hipótese de que as diferentes medidas adoptadas nos primeiros tres anos de goberno de PP en Galicia (redución dos orzamentos sanitarios, recorte das prestacións, restricións no acceso aos servizos, limitación dos recursos destinados a investigación e formación profesional etc.) están enmarcadas nesta corrente ultraliberal e motivadas pola mesma estratexia: a precarización dos servizos sanitarios públicos e a definición de espazos de negocio (a construción e xestión dos centros sanitarios, o control da tecnoloxía sanitaria etc.) que permitan a grupos empresariais afíns apropiarse dunha parte importante dos orzamentos públicos.

Neste libro presentamos un conxunto de textos de carácter divulgativo, dirixidos a un público non profesional, que pretende describir e analizar as decisións políticas levadas a cabo polo PP no terreo sanitario dende que no ano 2009 ocupou o poder na Xunta de Galicia. Tamén se valoran as actuacións realizadas pola dereita noutras latitudes: Valencia, Madrid, Castela-A Mancha, Catalunya etc. Consolidando a ruta trazada nas autonomías o goberno de Rajoy, aos cinco meses de ocupar o poder en Madrid, tamén realiza severos recortes que danan gravemente a sanidade pública. O Real Decreto ley 16/2012 recupera o concepto de “asegurado”. Os inmigrantes e outros colectivos cidadáns quedarán sen cobertura sanitaria. Esta norma deixa ver ás claras a intención do PP de retornar ao pasado; devólvenos a unha sanidade dualizada: de seguir adiante coa súa política nos hospitais haberá unha porta para os ricos e outra para os pobres.

Este libro é unha achega seria e documentada, mais non imparcial; pretendemos expoñer argumentos e análises que sexan útiles (aos cidadáns e ás organizacións políticas, sindicais e profesionais) para comprender as estratexias postas en marcha desde a Xunta de Galicia no terreo sanitario e o grave risco que representan para o futuro inmediato da sanidade pública. Poderá ser útil, tamén, ás distintas plataformas para a defensa da sanidade pública que, nos últimos tempos, están a traballar en distintos puntos da xeografía galega para evitar o desmantelamento dos servizos públicos, elementos clave do estado do benestar.

Pretendemos pór en evidencia, con datos e análises rigorosas, as políticas de deterioración dos servizos públicos que vén desenvolvendo o PP en Galicia e nas diferentes comunidades en que goberna. Por último, este libro quere ser unha contribución ao amplo movemento social que se está xerando en todo o Estado para frear esta dinámica destrutiva e privatizadora, que pon en grave risco a atención da saúde das futuras xeracións.

viernes, 4 de mayo de 2012

As memorias dun neno da aldea



Coñezo a Manuel Iglesias Turnes desde hai corenta anos. Mantemos unha boa relación de amizade, coas inter­ferencias e arredamentos impostos polo decorrer da propia vida. Sempre destacou como un home culto, comprome­tido e atento á realidade. Por iso foi, nos anos setenta, o primeiro presidente da Asociación Cultural Afonso Eans de Negreira, que puxemos daquela a andar un feixe de mozos con inquedanzas e desexos de mellorar a nosa rea­lidade. Logo dedicouse a diversas actividades relacionadas coa agricultura e coa modernización do agro e a gandería. Desenvolveu un extraordinario labor, dende a Asociación de Criadores de Gando de Raza Frisoa, na formación dos gandeiros e na expansión e mellora da raza Holstein en Galicia. Pero tivo que chegar a preto dos sesenta anos para acordarse da súa vocación de escritor. E velaquí o seu pri­meiro libro.

Envioume o texto de As rapazas de Xan (Xerais, 2012) no mes de agosto do ano pasado. Fixen unha lectura demorada  e dese­guida, dende as primeiras páxinas, tiven a certeza de que esta narración tiña que ser publicada. Porque alén dos seus méritos literarios, que os ten en abundancia, este libro é a memoria fiel, escrita por unha testemuña presencial, da vida interior dunha aldea de Galicia nos anos cincuenta do século XX. O autor era daquela un neno, pero un neno esperto, curioso e atento, que gardou na súa memoria todo o relacionado coas formas de vivir, de falar e de relacionarse das xentes daquel tempo, xa fenecido.

MANUEL IGLESIAS TURNES
Neira Vilas escribiu as súas Memorias dun neno labrego dende a mesma perspectiva que fai o noso autor: dende den­tro. Nese caso o autor identifícase con Balbino, o neno prota­gonista que se refire a si mesmo deste xeito: «Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, probe.» Alonso Montero avisa no prólogo que o libro é «a autobiografía infantil dun rapaz labrego probe e que vive nun marco de moi poucos horizontes.» Houbo outras achegas ao mundo rural galego. Reimóndez Pórtela publicou Un médico na aldea, no que recolle un feixe de relatos sobre as súas peri­pecias como médico nas terras da Estrada durante décadas. Mariño Ferro publicou Autobiografía dun labrego, que vén ser, como di o autor, un estudo novelado de antropoloxía, no que, mediante o artificio dun relato vai describindo os costumes do mundo rural galego sobre o noivado, o sexo, o casamento, a morte, as aparicións etc.

De seguro que hai moitas obras de narrativa que abordan a vida na aldea e que eu non coñezo. Pero teño por certo que hai poucas que teñan a condición deste libro: a autenticidade. Porque neste caso non se trata da ollada dun visitante asombrado polas rarezas dos nativos, nin do profesional que realiza o seu labor na aldea e volve ao seu, nin da perspectiva etnográfica que observa os comportamentos humanos como faría un entomólogo. Neste caso, o mesmo que Balbino, hai un neno cos ollos ben abertos que está a ollar o que pasa darredor, o que fan os seus maiores, e grava na memoria todo canto ve. Neste caso non hai documentación bibliográfica nin falta que fai, porque o autor estaba alí. Está a falar dos seus: dos seus pais, dos seus avós, dos veciños. Non conta a súa historia persoal senón a dos seus maiores. Trátase dunha obra de ficción e o que relata é froito da imaxinación do autor. Pero tamén é texto autobiográfico porque o que conta é verdade aínda que sexa imaxinado.

FOTO: RHUT MATILDA ANDERSON
Estou vendo aquel neno de ollos grandes, agochado nun curruncho, escoitando as conversas arredor da lareira, aprendendo os cantares (nas ruadas, nas romarías, no entroido), correndo polas eiras no tempo da malla, axudando aos maio­res cando chegaba o tempo dos traballos duros. Esa aprendizaxe, esa experiencia está aquí, neste texto, recollida con fidelidade e afecto. Non cae o autor nunha visión bucólica da vida rural, nin na ensoñación nostálxica dun pasado feliz; pola contra, nesta novela hai envexas, murmuracións e abu­sos. Tamén hai vida en común, axuda mutua, festas e picar­días, a busca dun futuro mellor e unha mocidade ilusionada que soña co amor e a paixón nun mundo sen miserias.

 O contorno xeográfico onde se desenvolve o relato é recoñecible, polas descricións da paisaxe e pola toponimia: Cabanelas, Serramos, Rebordáns... Recordan os nomes dalgunhas aldeas do Val de Barcala onde o autor pasou a súa infancia. A acción desenvólvese nos primeiros anos da pos­guerra, nunha parroquia atenazada pola miseria e pola falta de horizonte para os seus habitantes máis novos, que contem­plan, como saída máis favorable para o seu futuro, a emigra­ción a Montevideo.
FOTO: RHUT MATILDA ANDERSON

Trátase dunha novela coral, na que hai dous personaxes principáis, Carmela e Manuel, e darredor deles outros moitos que participan en diversas tramas que van describindo o complexo tecido de relacións que compoñen a vida dunha aldea, unha vida marcada pola pobreza, pola forte presenza da Igrexa que exerce unha notable influencia na vida cotiá, e pola ausencia de futuro na propia terra. Case todos os mozos soñan un futuro ao outro lado do Atlántico.
Hai un descoñecemento moi grande, nas novas xeracións, sobre a vida dos seus pais e dos seus avós. Sempre é saudable saber da nosa orixe. Por iso eu non dubidaría en reco­mendar este texto para os alumnos de Secundaria. Moitos habíanse sorprender ao saber que os seus pais e os seus avós tiveron vidas semellantes ás que aquí se relatan.

lunes, 20 de febrero de 2012

Núñez Feijóo, sindicalista

En Praza Pública


O presidente da Xunta, demostrando o seu pouco aprecio pola función pública, está a adoptar medidas que perxudican de maneira severa aos seus traballadores: reduce de xeito brutal os dereitos laborais e precariza o emprego. Semella estar entregado a unha misión: o desmantelamento dos servizos públicos e o desprestixio dos seus empregados.
Todos sabemos que non é doado conseguir un emprego público. É preciso estudar durante moito tempo temarios extensos e complexos, e hai que superar unhas oposicións esixentes, en competencia con milleiros de opositores. Debemos aceptar, se as cousas se fan ben, que as probas selectivas están ben deseñadas e que conseguen as prazas aqueles que están mellor preparados e son máis idóneos para desempeñar o traballo ao que se opta.
Pero Núñez Feijóo, cando era novo, comezou a traballar na Xunta como funcionario interino e despois fíxose sindicalista. Militaba no sindicato “Afica” (Asociación de Funcionarios Interinos y Contratados Administrativos). Naquel tempo, cando principiaba a democracia, Alberto reclamaba “el acceso a la Función Pública de todos los interinos y funcionarios”, e que se lles asegurara “la estabilidad en el puesto de trabajo”. Tamén esixía “el reconocimiento de los interinos en la ley de los presupuestos generales y el 100% de las retribuciones básicas y complementarias”. En resumo: o xoven Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos.


Mariano Rajoy, aos dous meses escasos da súa toma de posesión como presidente do goberno, ven de impoñer unha reforma laboral que lamina os dereitos dos traballadores e deixaos inermes ante a codicia da patronal. Volvemos a unha situación de inseguridade e desprotección semellante á da primeira metade do século XX. O propio ministro de Economía calificou a reforma laboral de “extremadamente agresiva”. Están a cumplir co prometido. A patronal non tardou de expresar a súa satisfacción.

Aquí xa imos máis adiantados. Nos seus tres anos de mandato,  Núñez Feijóo está a realizar un labor teimudo para desmontar os servizos públicos. O seu plan de recortes aos funcionarios vai ser aprobado no Parlamento galego dentro de poucos días por vía de urxencia. Aquel mozo reivindicativo, que quería un posto de funcionario sen presentarse ás oposicións, agora está a facer, desde a propia presidencia da Xunta -actuando a modo de "cabalo de Troia"-,  unha campaña de descrédito dos funcionarios e adopta medidas que deixan aos empregados públicos nunha situación precaria como nunca tiveran nos últimos tempos. 
Aquí queda o testemuño gráfico do seu pasado (tamén está o seu amigo Carlos Negreira, actual alcalde de A Coruña). Elplural.com publicou estas fotos e non me resistín a reproducilas.


 

miércoles, 4 de enero de 2012

O que Galicia precisa

 En Galicia Hoxe
En Galicia Confidencial 

Galicia está a vivir momentos de dificultade e precisa da súa xente máis capaz para saír canto antes deste estancamento. O goberno da dereita, lonxe de rematar coa crise e co paro, está a levar a este país a un dos peores momentos da súa historia recente. Ademáis de envilecer, coas súas prácticas tramposas, a vida política e cidadá, a deriva económica é das peores do Estado: vimos de coñecer que Galicia é a segunda comunidade donde máis aumentou o paro, e A Coruña ocupa o último lugar neste terreo.

Diante desta dereita falaz, antigalega e inoperante temos unha oposición que, case tres anos despois, ainda non soubo dixerir a derrota electoral e continúa a lamber as propias feridas, esquecendo as súas obrigas co país. O labor e a imaxe dos partidos da oposición neste tempo deixa moito que desexar. O PSdG terá que atopar o seu propio rumbo, deberá buscar novos rostros que sexan creíbles e recuperar un discurso socialdemócrata e galeguista que o faga respetable diante da poboación.

O BNG forma parte imborrable da historia recente de Galicia. Mais a deriva que está a seguir nas últimas confrontacións electorais e o deterioro da súa vida interna, provocado pola actuación parasitaria practicada pola UPG, están a levar a esta forza -necesaria e mesmo imprescindible para recuperar o rumbo neste país- por un camiño equivocado, que a pode situar como un grupo marxinal e sen posibilidades de recuperar cotas de poder para ser utilizado ao servizo do pobo.

Galicia non precisa unha forza anclada no pasado, cunha visión idealizada do país e cun proxecto arcaico e inviable. Galicia non precisa un discurso anacrónico que tente recuperar ideas que xa deixaron de ser útiles hai 40 anos. Galicia non precisa unha forza excluinte e sectaria, que se sinta propietaria das esencia do país, da cultura e da lingua propia. Galicia non precisa de ningun “gran timonel” que a guíe cara un futuro ideal soñado e inalcanzable. Tampouco precisa da vaidade e do narcisismo de algúns persoeiros que, se tiveron un papel protagonista no pasado recente, non teñen nada que ofrecer para o futuro, agás a súa propia egolatría.

O que Galicia precisa neste momento, con urxencia, é un grupo de xente moza, formada, competente e comprometida co país que estean dispostos a traballar con toda a honestidade e a humildade que o momento esixe para conseguir situar ao BNG, de novo, nunha posición que lle permita gobernar nas distintas instancia do poder, para mellorar as condicións de vida do pobo e alimentar a esperanza das súas xentes, para pelexar pola construcción dun futuro mellor para nós, os nosos fillos e os nosos netos.

Galicia precisa dunha forza nacionalista non excluínte, que entenda o país plural e diverso que hoxe somos, que non teña un discurso sectario senon agregador de vontades, que saiba construir relacións fraternais cos demáis pobos ibéricos e que olle a Europa como o espazo común donde deberemos traballar polo futuro e o benestar. Hai xente no BNG con capacidade para liderar un proxecto de futuro (Aymerich, Noriega), lonxe de arcaísmos, de narcisismos e de visións idealizadas da realidade. Hai xente no BNG que pode aglutinar vontades dentro, e que pode xenerar ilusión e esperanza nun grande sector da poboación que xa se decatou das nefastas consecuencias das políticas antigalegas desenvolvidas polo PP e anda na procura de novas alternativas que lle permitan confiar no futuro sen ter que fuxir da propia terra.

Hai unha certa urxencia. De continuar no poder, unha lexislatura máis, a facción ultraliberal que hoxe ocupa o poder, o retroceso de Galicia no mapa autonómico sería tal que faría moi difícil, se non imposible, recuperar a autoestima, a confianza e o orgullo colectivo deste país. Hai que tomar decisións xa. Os que estean dispostos a empuxar nesta dirección deberán facelo axiña. Se non se actúa hoxe con valentía e xenerosidade pode que dentro dun tempo o país enteiro o lamente. Pero xa será tarde.

jueves, 10 de noviembre de 2011

Restriccións no acceso á sanidade pública en Galicia

 En Galicia Confidencial

1. Denegación da prestación farmacéutica (a propósito dun caso). Unha paciente de 92 anos, encamada e dependente total desde hai máis de oito, moi ben atendida polas súas fillas, recibe a notificación de que non ten dereito á prestación farmacéutica. Hai máis de dúas décadas que coñezo a esta persoa e á súa familia e non poido dar creto a esta nova. Máis cando tento facer a receita electrónica aparece o seguinte enunciado na pantalla do ordenador: “Non é posible xerar as receitas porque a paciente non dispón de tarxeta sanitaria en vigor”. A familia procura arranxar a situación. Despois de visitar varias oficinas da Administración atopan unha resposta: non ten dereito aos fármacos porque recibe unha pensión de Holanda (que non chega aos 300 euros), donde traballou como emigrante cando era nova. 

Non conseguiron, polo momento, que lle recoñezan o dereito á prestación farmacéutica. Agora teño que facerlles as receitas en papel e  a familia consegue axuda económica dunha institución benéfica. Para resumir, vemos como un dereito cidadán ven ser substituido pola caridade e a beneficencia pública. Ainda que a Lei Xeral de Sanidade (1984) dí, no seu primeiro artigo, que “son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria todos os españois e os cidadáns estranxeiros que teñan a súa residencia non territorio nacional”. Con actuacións deste tipo están a vulnerar unha lei básica do Estado. Hai quen non respecta as regras do xogo establecidas e está a provocar dano, precisamente, ás persoas máis necesitadas.

2. A cita telefónica. O Sergas ven de poñer en marcha, na Coruña e área de influencia, unha central de chamadas, para conseguir cita nas consultas de Atención Primaria por teléfono. Este servizo, externalizado, dispón dun sistema de recoñecemento automático de voz: esto quere decir que o usuario xa non é atendido por unha persoa senon por unha máquina. O sistema de citación telefónica esixe un total de once pasos a seguir, de certa complexidade, o que fai que só cheguen a finalizar o proceso o 60% (seis de cada dez) das persoas que chaman. 

Entendo que se trata dun atranco máis para a accesibilidade aos servizos sanitarios. Esta medida beneficia, maiormente, á empresa contratada, que recibirá a remuneración pactada. Pero saen perxudicados todos os usuarios da sanidade pública, en particular as persoas maiores e todos aqueles que teñen dificultades culturais ou idiomáticas para utilizar adecuadamente estes dispositivos. Tamén sairá perxudicado, a medio prazo, o persoal administrativo dos Centros de Saúde, que deixarán de ser contratados para desenvolver estas funcións.

3. O uso irresponsable da sanidade. O Sergas ven de publicar unha norma (Decreto 209/2011) no que fixa as tarifas dos servizos prestados na rede asistencial pública. En dita norma establece que os servizos públicos reclamarán aos terceiros obrigados a pagamento o importe das prestacións sanitarias facilitadas (mútuas de accidentes e de traballo, cidadáns extranxeiros, seguros escolares, asegurados de Muface, etc.). Mais no mesmo texto figura, tamén,  unha disposición adicional única que dí: “poderá establecerse un procedemento para repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por estes como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema de Saúde”. 

Esta disposición, que pretendía pasar sen despertar sospeitas, provocou unha grande polémica no Parlamento galego. A oposición entende, con toda a razón, que abre unha porta falsa; poderán facer un uso arbitrario da mesma e facilitar aos directivos dos centros sanitarios a restricción do acceso aos servizos por parte dos cidadáns. Non se trata só de esixir un copago ou rapago polos servizos recibidos. É moito máis grave: pode producir unha severa restricción na utilización dos servizos de saúde. Podemos preguntarnos: quen vai establecer os límites? Serán os propios centros os encargados de definir ata donde chega o uso responsable?  Cantas veces se poderá acudir ao médico sen ser multados? 

Esta Xunta de Galicia, que dí estar preocupada polo aforro, ven de atopar a fórmula maxistral: a mellor maneira de aforrar en sanidade é deixar de atender á xente. Por eso son capaces de poñer nun decreto unha disposición tan inxusta e arbitraria, que sinala directamente aos usuarios da sanidade pública como presuntos irresponsables. Xa non teñen pudor: na vez de procurar unha mellor atención, e maior accesibilidade, a quen de verdade o precisa, están a poñer obstáculos para impedir que os doentes poidan ser debidamente atendidos.

Novo logotipo da Xunta de Galicia

martes, 16 de agosto de 2011

O futuro de Galicia e o parasitismo

 En Galicia Hoxe

Galicia precisa dun nacionalismo moderno, instalado na realidade e coa aspiración de gobernar nas institucións deste país. Nun tempo recente, baixo o liderato de Beiras e de Quintana, o BNG, que agrupa nestes momentos a todo o nacionalismo, acadou altas cotas de poder, chegando a cogobernar Galicia de 2005 a 2009 donde fixo, globalmente, unha meritoria xestión; o mesmo sucede nos concellos donde goberna ou ten amplas parcelas de actuación: leva a cabo un traballo eficaz e rigoroso centrado na busca do benestar dos cidadáns. Quere esto decir que nesa organización hai xente formada, capaz e comprometida para construir un país mellor para os nosos sucesores.
 
Sin embargo, nos últimos comicios electorais a presenza do BNG nas institucións vai menguando de xeito alarmante. Perdeu o goberno de Galicia, numerosas alcaldías e concelleiros, e un grande número de votantes (só 260.000, moi lonxe dos 400.000 votos acadados nas eleccións autonómicas de 1997, cunha porcentaxe do 25% do electorado). Esta tendencia decrecente fai temer que esta forza política avance con rapidez cara o desastre e que pode converterse nun proxecto irrelevante e residual, sen capacidade algunha para influir nas decisións que afectan ao presente e futuro deste país.

Hai, polo tanto, un evidente paradoxo. Mentras o traballo realizado nas institucións resulta benéfico e está ben valorado pola cidadanía, nas confrontacións electorais hai un crecente abandono do apoio popular. Esta situación preocupa a moita xente, que desexa un nacionalismo forte e capaz que traballe pola mellora da nosa vida cotiá. Tamén preocupa aos militantes e dirixentes da formación que teñen amosado a súa frustración e desconcerto. Unha veintena de alcaldes veñen de publicar un manifesto no que reclaman “un punto de inflexión que permita a resintonía coa sociedade para avanzar no camiño de liderar o País”. Solicitan un debate interno que permita actualizar o discurso e deixar de estar instalados “nun pasado mitolóxico e nun futuro idealizado, tan lonxano que nin siquera se albisca”. Trátase dunha actuación oportuna e valente, absolutamente necesaria para provocar o imprescindible cambio de rumbo.

Máis cómpre sinalar que os riscos do BNG non están no corpo social nin na deslealdade dos electores. O perigo desta fronte está no seu interior e na súa estrutura interna. O BNG, herdeiro da ANPG, está integrado por diversas organizacións de maior ou menor volume e por militantes independentes. No eixo ideolóxico dereita-esquerda caben diversas sensibilidades, sendo o elemento aglutinador o nacionalismo. A convivencia interna das distintas correntes xera as inevitables tensións de todo grupo que precisa chegar a acordos. Pero no BNG existe un grupo organizado, a UPG, o máis poderoso e influinte, que non ten vocación de acordo senon de dominio. Trátase dun partido marxista, independentista e antieuropeísta, que se adxudica o rol do liderato e dirección do BNG.

Sen restar importancia ao papel protagonista que a UPG tivo na historia recente, hoxe a súa concepción da organización –fronte popular liderada por un partido dirixente-, as súas proclamas (“Galiza colonizada e asoballada”, “Estatuto nunca máis, bases constitucionais”) e o seu discurso –antiautonomismo, antiespañolismo, antieuropeismo-, pertencen ao pasado e non son útiles para construir o futuro de Galicia. Máis, con todo, a UPG domina a organización e utiliza todo tipo de estratexias para ter o control da estrutura interna en tódolos niveis.

No reino animal as relacións entre o seres vivos son de moitos xeitos pero, a efectos pedagóxicos, podemos reducilas a dous tipos: simbióticas ou parasitarias. As relacións simbióticas producen efectos benéficos para ambas partes mentras que nas relacións parasitarias un elemento sae beneficiado con perxuizo do outro. O mesmo pasa nas relacións humanas e nos grupos sociais. As relacións simbióticas cómpre fomentalas e alimentalas mentras que os parásitos deben ser combatidos. Doutro xeito o parásito debilita o organismo no que vive e faino traballar para os seus propios fins. Co devir do tempo a relación da UPG co BNG chegou a ser destas características, e está a producir un anorme dano á organización e ao país. Non vai ser doado reformular as relacións internas: a vocación de dominio está incrustada nos propios xenes da UPG. As demais organizacións e militantes integradas no BNG terán que elaborar unha estratexia conxunta para procurar acordos e relacións de igualdade.
 
De non ser así o BNG non terá porvir. Nesta altura do século XXI o que Galicia precisa é unha organización moderna, que coñeza e comprenda o país, que busque xestionar o espazo público en beneficio dos cidadáns, que procure relacións de irmandade co resto dos pobos ibéricos e que vexa Europa como o escenario natural donde desenvolverse e progresar. De ser capaces de reconducir a actual situación, o BNG poderá ter un papel de liderato na construcción do futuro, que hoxe a sociedade non lle concede.