jueves, 9 de abril de 2015

Jesús Cubillo, psiquiatra e pintor








J. D. Cubillo expón a súa obra pictórica no Sporting Club Casino da Coruña (Rúa Real, 83) do 15 ao 30 de abril. “As cores do ferro” é o título co que o autor denomina a súa propia obra, froito de dous anos de intenso traballo no seu estudo; con esta exposición inicia unha nova etapa na súa traxectoria, que se volve menos figurativa e máis conceptual e abstracta. Nas súas exposicións anteriores centraba a súa pintura na reprodución de materiais de laboratorio, terras abatidas, paisaxes mineiros, construcións industriais e complexos metalúrxicos. Con esta exposición abandona eses temas e territorios e centra a súa mirada en novas temáticas.

Jesús Cubillo, salmantino nado en 1943, é médico de profesión. Formouse na Universidade de Salamanca e especializouse en Neuroloxía e Psiquiatría. Exerceu a súa profesión como psiquiatra en varios hospitais desde 1971 ata 2011, ano en que se xubilou. No hospital da Coruña, onde traballou estes últimos anos, é unha figura ben coñecida e moi respectada polo seu bo facer profesional. Home de gran cultura sente paixón por dous campos ben distintos á súa profesión: a química e a pintura. A isto último dedícase intensamente na actualidade.


A súa dedicación á pintura iniciouse na mocidade; nos anos de Universidade participou en varias exposicións colectivas de pintores universitarios, e en agosto de 1980 participou na Bienal Internacional das Artes Plásticas de Pontevedra. A súa primeira exposición individual realizouna en febreiro de 1981 na sala da Caixa Postal de Aforros da Coruña. O crítico de arte Fernando Mon escribiu naquela ocasión no Ideal Galego sobre a súa obra: “A pintura de Cubillo é dona dunha recia textura, con masas, rugosidades e equilibrios conceptuais que a singularizan ampliamente. Non só domina as formas, senón a cor, que alcanza a xusta medida da coherencia formal. Pintura, en suma, moi estimable e de ampla comunicabilidade”.

Jesús Cubillo (Foto: Luís Míguez)

Pasaron bastantes anos ata a súa seguinte exposición individual. En novembro de 2008 expón a súa obra pictórica na sala de Portas Ártabras baixo o título “Naturezas mortas, construccións e paisaxes”, integrada por unha treintena de pinturas con diversos motivos entre os que destacaban as composicións con material de laboratorio de química, matraces, vasos, crisois, construcións industriais e paisaxes de territorios mineiros.

En abril de 2013 regresa a Portas Ártabras con novas obras que expón baixo o título “Novas naturezas mortas, construccións e paisaxes”. Presenta unha treintena longa de pinturas de material de laboratorio, complexos siderometalúrxicos, altos fornos,  poboados minieros, pozos e castilletes.
A exposición actual, “As cores do ferro”, -do 15 ao 30 de abril no Sporting Club Casino da Coruña- recolle o esencial da súa obra dos dous últimos anos. Significa unha ruptura coa liña anterior e, dalgún modo, un retorno ao tipo de pintura dos anos 1979 a 1981. Máis afastada da figuración e con maior énfasis na cor e a textura, tamén incorpora o que Fernando Mon chamou no seu día “materiais extrapictóricos” que, nesta ocasión son, ademais de madeiras, pezas metálicas máis ou menos oxidadas; todo iso unido á utilización preferente de pigmentos constituídos por óxidos e hidróxidos de ferro, que dan título á mostra.






martes, 7 de abril de 2015

A exclusión sanitaria

En Nueva Tribuna





En abril de 2012, aos tres meses de ocupar o poder, o PP publicou no BOE un Real Decreto Lei (RDL 16/2012), teóricamente orientado a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario público, aínda que, en realidade, tratábase dun atentado frontal contra o mesmo. Esta celeridade do Ministerio, dirixido por Ana Mato, só se pode explicar dun xeito: ese texto xa estaba escrito cando, na campaña electoral, pregoaban que nunca tocarían a sanidade, a educación e os servizos sociais. Estaba na súa “axenda oculta” e recolle as medidas que querían impoñer en sanidade (recortes e privatizacións) calquera que fose a situación herdada. 

Este RDL suprime o dereito universal da cidadanía á sanidade e recupera as casposa figura do “asegurado” dos anos setenta. Xa que logo, as persoas serán atendidas en canto coticen para conseguilo: a saúde deixa de ser un dereito e convértese nunha mercadoría que hai que pagar. Este RDL provocou a exclusión de preto dun millón de persoas da cobertura sanitaria (inmigrantes), pero hai outros colectivos que se poderán ver afectados no futuro. 


Alfonso Alonso, entón portavoz do PP, intentou xustificar esta exclusión dicindo que era necesaria para evitar o colapso das urxencias. Agora, como ministro de Sanidade, utiliza o mesmo argumento para todo o contrario, xa que anunciou que os inmigrantes excluídos poderán ser atendidos en Atención Primaria, aínda que non recuperan o dereito á tarxeta sanitaria. Esta tarxeta, co seu Código de Identificación Persoal (CIP) é imprescindible para poder “circular” polo sistema sanitario nos seus distintos niveis, sen discriminacións. É como o DNI na vida ordinaria: imprescindible para realizar calquera trámite civil, administrativo ou xurídico. O contrario é ofrecer unha asistencia de segunda división, unha atención de beneficencia, unha prestación caritativa. Trátase, de novo, dunha gran mentira, preocupados como están polas malas perspectivas electorais. 

Para rectificar de verdade só hai un camiño: derrogar o RDL 16/2012, que provoca a exclusión e carrexa outros danos e prexuízos a todos os cidadáns (copagos, retirada de fármacos ou prestacións, fragmentación da carteira de servizos). Pero non o van facer -como reclamaron recientemente todos os partidos agás o PP e Cidadáns-, porque esa lei é a pedra angular que utilizan para desmantelar o sistema sanitario público e xerar espazos de negocio para as aseguradoras e empresas afíns. Só lles interesa xerar beneficios privados a costa do orzamento sanitario.


Nun debate televisado sobre o tema escoitei ao representante do PP afirmar que non se podía devolver a tarxeta sanitaria aos excluídos porque “provocan moito gasto sanitario no exterior” que despois hai que reembolsar. Tamén afirmou que a medida fora aprobada no Consello Interterritorial do SNS (CISNS), onde están representadas todas as Comunidades Autónomas. Nada disto é verdade. Os inmigrantes non provocan maior gasto sanitario (nin aquí nin no exterior) xa que son, na súa maioría, persoas novas e sas que veñen traballar e a gañar a vida (e si os ilegais non teñen contrato non é pola súa decisión: é o contratador quen incumple a norma). Ademáis este RDL nunca foi aprobado no CISNS; nin sequera foi discutido no Parlamento. Ao tratarse dun “Real Decreto” foi remitido directamente ao BOE polo goberno do PP, tras ser asinado polo Rei cazador de elefantes.

Menten. Menten sen reparos e sen remordemento. Porque, aínda que tamén o neguen, esta lei provocou e provoca moito sufrimento a miles de cidadáns coa saúde precaria e coa angustia de carecer de medios para facerlle fronte á doenza. Non lles importa. Só lles interesa o negocio e cumprir as instrucións do lobby empresarial. Cando pase o tempo electoral volverán, si non son desaloxados do poder, coas súas políticas de desmantelamento do Estado de benestar, co saqueo das arcas públicas.