Mostrando entradas con la etiqueta Corrupción. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Corrupción. Mostrar todas las entradas

miércoles, 26 de agosto de 2015

A dolorosa lucidez de Chirbes







Hai xa uns días que morreu Rafael Chirbes. Foi unha morte inesperada e prematura. Estaba en plena madurez e publicando os mellores libros da súa traxectoria. Sinto a súa perda coma se fose un familiar ou un amigo. Sígoo como lector desde hai moitos anos e nunca me defraudou. Outros autores deixaron de interesarme e funos deixando aos poucos. Con Chirbes sucedeu ao contrario: cada novo libro que publicaba resultábame máis impactante e conmovedor. Non é un escritor complacente: esixe esforzo e atención, que se ven recompensados de sobra.



A literatura española perde un dos seus valores máis interesantes, a voz máis crítica e lúcida para narrar a vida deste país dos últimos anos. Nunca estivo de moda e só chegou a ter notoriedade nestes últimos anos, despois de que unha das súas obras (Crematorio) fose levada á pantalla. Os seus libros, todos eles, son dunha dolorosa lucidez. A súa mirada sobre o noso pasado recente non é nada complacente. Non comparto o seu pesimismo radical, pero celebro e agradezo a súa honradez extrema e o seu firme compromiso coa verdade.


Cando publicou Los viejos amigos, en 2003, afirmaba nunha entrevista: “Non hai dúas Españas, só hai unha, a outra non existe. O que ocupou as terras quedouse coas terras ocupadas e o que ocupou a cátedra coa camisa azul quedou con ela”. Nesa excelente novela utiliza unha sucesión de monólogos. Un grupo de amigos reúnese; repasan as súas vidas, as súas traizóns e as súas frustracións e descobren que, todos eles, son expertos en infidelidades varias e, nalgúns casos, cómplices daquilo que quixeron combater. Amigos da mocidade nos anos da Transición, chegan á madurez instalados na resignación e na renuncia aos seus soños. O autor móstrase implacable no seu relato: son xente que vive soa e vai morrer soa.

 

Nos seus últimos libros publicados -Crematorio (2007), En la orilla (2013)-, describe, con toda crudeza, a corrupción que medrou como un cancro en toda España e, de forma notoria, no Levante español (na cidade imaxinaria de Misent), onde se centra a trama destas dúas novelas. Relata como o soño da Transición de construír unha sociedade máis culta, igualitaria e xusta, convértese nun pesadelo de cloacas, augas estancadas e vidas putrefactas. Hai expertos en corruptelas que se converten nos donos do curral, pero tamén hai cómplices satisfeitos, asesores e políticos sen escrúpulos, avogados a soldo e familias -con fillos rebeldes- que viven, con todo o luxo, da corrupción e comen a diario sen importarlles “o porca que queda a cociña”. Os personaxes de Chirbes tamén falan sobre o deterioro das ilusións, sobre o desgastar dos corpos e a decrepitude que provocan a vellez e a enfermidade: “como os corpos, as ilusións morren e apestan”.




A morte tamén está moi presente nas súas obras. En La buena letra (1992), libro fermoso e desolador, a protagonista repasa a súa vida, as breves alegrías e as miserias da convivencia familiar: “Todo parecía que ía durar sempre, e todo se foi rápido, sen deixar nada”. Tamén fala dos seus mortos: “Foron a miña vida. Xente á que quixen. Cada unha das súas ausencias encheume de sufrimento e quitoume ganas de vivir”. Nunha entrevista Chirbes dixo que a vida é moi curta: “pensas que estás madurando e o que pasa é que estás morrendo”. Na súa última novela publicada -En la orilla- afirma, con ironía, que a vida humana é o maior malgaste económico da natureza: “cando parece que poderías empezar a sacarlle proveito ao que sabes, morres, e os que veñen detrás volven empezar de cero”. Chirbes era, desde hai anos, un mestre. E foise antes de tempo.



jueves, 18 de julio de 2013

Adeus, Muruzábal



Neste tempo inclemente no que predomina a mentira, a indecencia, a corrupción sistémica e a democracia violada, as persoas como José Luis Muruzábal fanse imprescindibles. Este navarro noble, idealista e comprometido finou antonte (16-07-2013) na Coruña despois dunha longa enfermidade. Esta morte prematura deixa un baleiro imposible de ocupar, pero a súa figura seguirá sendo un referente ético e vital para moita xente. Foi un home de esquerdas e tivo unha vida de absoluta coherencia coas súas conviccións.
A política hoxe está desprestixiada; os cidadáns valoran de xeito negativo aos actuáis dirixentes. A desconfianza está instalada no tecido social. Cada vez semella máis evidente que unha facción organizada ocupa o poder público para obter lucro privado. Pero houbo un tempo recente no que a política era unha ocupación respectada exercida por persoas cualificadas e xenerosas que, na vez de utilizar as súas capacidades para o enriquecemento persoal, comprometeron a súa vida para a construcción dunha sociedade máis equitativa, solidaria e xusta. Unha desas persoas, que se adicou a contribuir ao ben común, foi Muruzábal.
Chegou a Galicia nos primeiros anos setenta e deseguida se comprometeu na loita sindical. Acadou notoriedade pública cando se subíu á cheminea da central térmica de As Pontes (daquela a máis alta de Europa, cunha altura de 356 metros) durante un conflicto na empresa. Foi moi activo na reconstrucción do movemento obreiro en Galicia e coñeceu o cárcere. O seu compromiso político canalizouno a traveso do Partido do Traballo, co que chegou a ser candidato. Como abogado laboralista actuou en defensa da clase obreira en numerosos conflictos. Os dereitos laborais e a protección social –que tivemos nas últimas décadas e agora nos arrebatan a forza de decretos-, conseguíronse co esforzo e o sacrificio de xente como él.
Desde os anos oitenta adicou unha grande parte da súa enerxía –inesgotable- a impulsar a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), que realiza un labor moi positivo para fomentar a autonomía persoal e favorecer a integración e inserción social e laboral das persoas con problemas psiquiátricos. Como presidente desta entidade empregou todo o seu entusiasmo para conseguir que a sociedade non esqueza a este colectivo. Actualmente APEM conta con 800 socios e presta atención a máis de cincocentas persoas.
Este home vital e de verbo desbordante camiñou pola vida cunha actitude de entrega aos demáis, sobre todo aos traballadores e aos máis desfavorecidos; a súa conducta xenerosa e valente deixou unha fonda pegada nas persoas que compartiron os seus proxectos. Hoxe os seus amigos, multitude, lamentan a súa ausencia. Mais a súa traxectoria e o seu legado deben servir como exemplo para perseverar na loita por un mundo mellor e máis xusto, combatendo a vileza e a ruindade que hoxe imperan na vida pública.  


Che Turnes, amigo persoal de Muruzábal, fixo esta emotiva crónica que reproducimos a continuación:

Ata logo Muru; eu de maior quero ser coma ti.



 

Eu non coñecin a Muru na revolución política e sindical; coñecino na vida cotiá. Nunca militamos na misma organización; él formaba parte da esquerda espoñolista e eu da nacionalista galega. Coñecino no ano 1979 porque coincidimos vivindo no mismo portal,  no Temple (Cambre). Deseguida os alcumamos co apodo de “os petos” por militaren no Partido do Traballo (PT).

Non tardamos en levarnos ben  con o Muru e as súas mulleres, (Toni -a de verdade-, Mercedes, a cuñada, Rebeca, filla de Mercedes, e a tía Lela e mais sua irmá).  Luis e Toni estaban criando  a súa prole, como todos os demais veciños,  e  o Muru semellaba un taxista, carrrexando na sua tropa sen rechistar e con cara de boa xente. Él seguia na sua revolución sindicalista dos obreiros e na politica e eu no sindicalismo labrego e nas cooperativas; ali, naquela casa do Temple, naceron os seus fillos, Antía e  Joseba, e os nosos,  Cibrán e Paula.

 Un bo dia enterámonos de que rematara a carreira de Dereito, e non tardaría en marcar un estilo propio defendendo aos traballadores dende o seu bufete, trocando éste polas fabricas e as estadas. Pouco tempo despois o Muru, que nunca era indeferente aos problemas do seu entorno, comezou a botarlle unha man no traballo á sua compañeira Toni para organizar a un dos colectivos máis vulnerables da sociedade, como son os enfermos mentais. Luis, sin pretender notoriedade, implícase tanto que rematou sendo o “alma mater” da asociación destes enfermos.

Por circunstancias da vida houbo un paréntese na nosa relación que, despois  dun tempo, voltamos a recuperar. Organizamos xantares para falarmos do mundo e das nosas vidas, ás que se incorporou, de vez en cando, o común amigo Benigno Sánchez. Luis falaba sin parar e encandilábanos coa sua palabra, pero non deixaba meter baza. Propuxenlle un trato: eu sentaríame  sempre en fronte del  e, a cada pouco, dáballe unha patadiña por debaixo da mesa para poder falar nós. Él baixaba a vista, poñía cara de santo, cruzaba os brazos e calaba. Case sempre, eu, en vez de utilizar o meu turno, dábame un ataque se risa e o Muru enganchaba de novo e nós voltabamos a disfrutar escoitando os proxectos para a Asociación e para rexenerar a política.

Luis, tiña a extraordinaria cualidade de ver algo positivo en tódolos seres humanos; sempre foi un home de esquerdas, pero  procuraba o mellor  de Fraga, Paco Vázquez,  Feijóo ou Negreira para tender pontes de colaboración e aproveitar a axuda que puidesen darlle. Era tal a súa capacidade de seducción que todos quedaban prendados da súa persoa.

Él, sempre mantivo a relación cos vellos amigos e coa tribu navarra, disposto a botar unha man e a deixarse querer. O noso Luis Muruzábal foi un home feliz e axudou a selo a todo o seu entorno. Deixa un legado de moito valor. Eu teño varios amigos cos que me une un grande amizade, pero él, ademais de amigo, sempre foi unha referencia. A súa coherencia persoal, familiar e social e a súa xenerosidade obligabanme a reflexionar sobre o meu comportamento.
 

Durante a súa enfermidade vímonos con  frecuencia; él, en vez de poñerse a dar pena, seguía na militancia social e trataba de aproveitar as conversas para impulsar novos proxectos. Él sí que foi un emprendedor, e sen ánimo de lucro. Foi un pracer ser amigo seu e seguilo sendo de Toni, Antía, Joseba, Mercedes…. De tal pau tal astilla: “os petos” do primeiro, resultaron ser unha xente maravillosa.

Bueno Luisito, ti e eu nacemos na Idade Media  e vivimos unha vida moi intensa e longa; os teus 66 anos supoñen mais de trecentos para un humano normal. Donde queira que esteas sigue marabillando coa tua palabra e co teu traballo. Algún día eu tamen irei para aí, buscareite e recuperaremos as nosas tertulias; ti dirasme en que  proxectos andas metido e eu, depois de contarche as novas deste mundo, poreime a traballar contigo, porque de tí aprendin a ser feliz traballando para mellorar  calquera dos mundos nos que nos toque estar.
Amigo Luis, unha forte aperta e ata que nos vexamos.

O teu amigo Che Turnes. 

jueves, 20 de junio de 2013

Rematou o simulacro


En Praza Pública


Vimos dunha sociedade agraria e ignorante. Houbo un tempo, a partir dos anos oitenta, no que comezou, algunha xente, a facer ostentación de riqueza: coches espectaculares, enormes casas con xardín, viaxes a lugares remotos, celebracións ostentosas, vicios caros. Mais agora despertamos, todos –os que abusaron e os que non- , e decatámonos da realidade: somos pobres. Hai luxos que xa non se poden permitir e os que cometeron excesos, contraendo deudas para costear delirios de grandeza, obrigan a que paguemos xustos por pecadores.
 

Estas afirmacións, que comparto plenamente, están reflexadas no último libro de Muñoz Molina, (Todo lo que era sólido, ensaio), escritor que ven de ser galardoado, de xeito moi merecido, co premio Principe de Asturias das Letras. “Hemos mirado con demasiada tolerancia y distracción la incompetencia y la corrupción”, afirma o autor, que remata: “ durante los años del delirio cualquier apelación a la virtud cívica o a los valores morales sonaba a antigualla y provocaba el escarnio”.  Agora decatámonos, tarde, do que estaba a suceder: o roubo xeralizado, a supremacía da incompetencia. 

Muñoz Molina, un dos mellores escritores españois, fai neste libro un repaso analítico e crítico sobre a Transición, e sinala os puntos negros deste tempo recente, que poñen en perigo o noso futuro colectivo. O novelista e máis eu somos do mesmo tempo e procedemos do medio rural. En El jinete polaco reflexa a ignorancia e miseria da súa infancia en Úbeda, moi semellantes á que eu vivín nas terras de Barcala. Recorda que hai trinta ou corenta anos non había neste país o benestar no que medrou a xente máis nova. Os que vimos dese tempo temos a obriga de contar como era aquela vida. Non debemos esquecer que as cousas importantes para facer mellor a vida, e que pensamos que nunca iban desaparecer,  (a sanidade e a educación públicas, o imperio da lei, a garantía de dispor dunha vida decente na vellez) non existiron sempre, son unha conquista recente, costou moito construilas e perdelas é moito máis fácil do que foi gañalas.

Nas últimas décadas este país medrou grazas ao esforzo dunha grande maioría de xente honrada e austera que nos adicamos a traballar o mellor que soubemos. Mais, á nosa beira, houbo unha minoría, enriquecida de xeito obsceno, que construía un mundo de simulacros e espellismos, cheo de trampas. Esta realidade virtual e noxenta estoupou polos aires. Xa non queda nada daqueles fastos, salvo as deudas que nos obrigan a pagar entre todos. Aínda estamos a tempo de mellorar o futuro, pero nada está a salvo. Recorda o autor que “la clase política ha dedicado más de treinta años a exagerar diferencias y a ahondar heridas”. Agora cómpre defender con rigor o valor do público, que leva varios anos sometido a unha potente campaña de descrédito fomentada desde a propia Administración, mentres xentes sen escrúpulos aproveitan o poder para acaparar riquezas sen o menor pudor. Pero a cidadanía non pode renunciar e ten que esixir do estado democrático que sosteña unha legalidade igualadora pois, do contrario, “los débiles se quedan a mercer de los fuertes y los bárbaros,  los brutos y los corruptos prevalecen sobre las personas honradas”. 

O futuro non está decidido e temos que escribilo entre todos. O que buscamos as persoas honestas é que os anos vindeiros non sexan malos, que os nosos fillos e netos teñan a posibilidade de desenvolver unha vida plena. Recorda o autor unha frase de Camus, quen decía que a tranquilidade de saber que as tardes perfectas de setembro seguirán cando nós xa non esteamos reconcílianos coa morte: “Yo querría que mis hijos y las personas que ellos amen no  vivan peor de lo que he vivido yo”, conclúe Muñoz Molina. Facemos propio este desexo, pero a posibilidade dese futuro teremos que defendela por todos os medios, xa que temos unha casta dirixente que está a deseñar  un futuro de ricos e pobres cun país cheo de casinos, prostíbulos e megaminas contaminantes. E tamén debemos saber que hai fortísimos intereses internacionais que están a empuxar, coa complicidade dos gobernantes, para desmantelar o Estado de Benestar, para que a saúde, a educación e as pensións dos xubilados deixen de ser un dereito público para converterse nun espazo de negocio. 

Rematou o simulacro. Finou a feira das vaidades. A xente honesta temos que defender o futuro desenmascarando aos corruptos e incompetentes que levaron o país a unha vía sen saída. Ten que rematar o imperio da codicia, a exhibición impúdica dos ricos ignorantes e brutos. Hai que recuperar a decencia, o respecto polo traballo e a cultura. Aquela Transición, da que nos sentíamos tan orgullosos, levounos a este punto. Cómpre reaccionar se non queremos volver á Idade Media. Porque “nada es para siempre y cualquier derecho conquistado puede desaparecer”.


 

lunes, 20 de mayo de 2013

Corrupción estrutural

En Galicia Hoxe


O farmacéutico de Chandrexa foi detido hai uns días por un presunto delito de estafa continuada. Facturaba os farmacos que os pacientes tiñan prescritos na tarxeta sanitaria e que non foran retirados. Utilizaba o precinto para cobrarlle ao Sergas e despois tiraba ao lixo as caixas sen usar das medicinas. Esta foi unha noticia menor, situada nas páxinas locais, con escasa relevancia tipográfica. A permanente avalancha de novas relacionadas coa corrupción fai que sucesos como este xa non sorprendan.  (Cómo nos imos escandalizar despois de coñecer os manexos de Bárcenas e de saber que as empresas do Ibex 35 actúan en paraísos fiscais!). 

A sensacion de impunidade de quen realiza estas prácticas ten que ver coa connivencia xeralizada da sociedade con respecto á corrupción. Hai quen acepta como inevitables estas condutas, quen as asume como unha peaxe obrigada da vida en común. Mesmo hai quen se vanagloria destas actuacións (facturas sen IVE, traballos en negro, fraudes á Facenda, informacións privilexiadas, contactos proveitosos, influencias útiles etc) e preséntaas como unha demostración de intelixencia; hai quen renega dos “puros”, por entender que neste mundo todos se manchan para perseguir  o seu  beneficio.  A aceptación social das prácticas corruptas chegou en Galicia ata o extremo de que algúns narcotraficantes tiveron  relevancia social, con fortes vínculos co poder económico e político. Lembro que, naqueles anos, un rapaz das Rías Baixas, ao ser preguntado polas súas aspiracións de futuro nun programa de TV, declarou rotundo: “Eu quero ser contrabandista”.

Unha sociedada infectada pola corrupción ten mal futuro. As prácticas corruptas rachan a confianza básica que deben presidir as relacións sociais, económicas e políticas. A filósofa Adela Cortina destaca a necesidade de recuperar a confianza que agora nos falta: “Se ha perdido por las alcantarillas de los escándalos de corrupción, el hábito de mentir, la perversa costumbre de crispar los ánimos”.  Se as regras da convivencia son constantemente vulneradas, se a estafa, o engano e a mentira se instalan no tecido social, actúan como unha infección que vai corroendo todo ao seu paso. JJ Millás sinalou nun artigo a conveniencia de que”los conductos de las aguas fecales y los de la sanitaria estén suficientemente separados para evitar filtraciones”.

Tiven a oportunidade de escoitar na Coruña, hai xa uns días,  unha conferencia do Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, quen denunciou a corrupción sistémica que infiltra o país e propuxo a creación dunha entidade independente encargada de detectar precozmente as situacións de risco e adoptar medidas preventivas. Estas estratexias foron instauradas noutros países (Portugal, por exemplo) con bos resultados. O fiscal fai unha curiosa taxonomía pois distingue entre corrupción de mercado e corrupción de parroquia. En Galicia conviven as dúas e impregnan de xeito especial as actuacións das corporacións locais.  Mais, con ser importante a  implantación de plans preventivos, a clave da loita contra da corrupción está na cidadanía: lonxe da connivencia actual é preciso xerar unha posición de rexeitamento das prácticas corruptas. Ningun político afectado pola sombra da corrupción debería obter, nunca máis, o respaldo das urnas. 


A Carlos Varela temos que agradecerlle o esforzo pedagóxico que está a realizar para promover o rexeitamento da corrupción. Fixo debates en numerosas localidades de Galicia e presentará en breve as súas propostas, por segunda vez,  no Parlamento galego. O fiscal fai un chamamento á cidadanía para que reaccione fronte a esta “enfermidade social” e reclama ao ámbito político que poña os medios que nos permitan defendernos dos “ladróns do erario público e os violadores da inocencia do país”.  (Tamén quero destacar  a súa defensa firme e contundente dos afectados polo fraude masivo das participacións preferentes e o seu compromiso perseverante na defensa do idioma galego -tan necesario nunha cidade como A Coruña, fortemente desgaleguizada despois dos longos e funestos anos do vazquismo-).  Rosa Montero celebraba nun artigo (neste tempo incerto de crise e corrupción) a entrada en escea dun puñado de xuíces que se están a convertir nos únicos interlocutores institucionais válidos ante as angustias da sociedade (“estamos necesitados de héroes civiles y de poderes protectores”, decía). O traballo do Fiscal Superior de Galicia inscríbese nesta liña de actuación.

jueves, 31 de enero de 2013

A porta xiratoria




A porta xiratoria é un magnífico invento. Nada máis entrar nun dos seus ócos a porta avanza e, en catro pasos, atópaste no interior. Do mesmo xeito podes desandar o camiño, coa mesma facilidade. Cando este mecanismo se utiliza no terreo político para pasar dun cargo público á empresa privada, e viceversa, prodúcense situación de intensa promiscuidade, coa presenza de graves conflitos de interese. As empresas que contratan políticos para cargos de dirección non o fan por altruismo: teñen máis interese na axenda persoal, no coñecemento da Administración, na experiencia acumulada, na capacidade de influencia e na información privilexiada que aportan. Son as bases para realizar negocios con vantaxe, para obter privilexios sen forzar a legalidade e mesmo para realizar prácticas que caen de cheo na categoría da corrupción. Nos últimos anos houbo moitos políticos (do PP e do PSOE, sobre todo) que ocuparon prazas de privilexio nas grandes empresas. Nun artigo anterior fixemos un breve repaso das “vidas exemplares” dalgúns destes persoaxes.

Güemes,  Aguirre,  F. Lasquetty, González
Neste inicio de ano houbo varios episodios que puxeron en evidencia a intensa interconexión dos intereses privados cos poderes públicos: a riqueza oculta de Bárcenas e os pagos con diñeiro negro na propia sede do PP, o luxoso ático marbellí de Ignacio González,  a fichaxe dun exconselleiro de Madrid (Güemes) pola empresa que realiza os análises clínicos da comunidade (servizo que él mesmo privatizou), a incorporación de Rato a Telefónica (empresa que entregou a mans privadas cando era ministro de Aznar), e o desembarco de Esperanza Aguirre nunha empresa de “cazatalentos”. Todos estes feitos provocaron unha profunda indignación colectiva. Mais os grandes partidos non amosaron, ata o momento, especial dilixencia para evitar estes feitos. En Galicia o fiscal superior, Carlos Varela, presentou no Parlamento, en decembro de 2011, un detallado plan para previr as prácticas de corrupción. Ainda hoxe agarda resposta.

A corrupción é percibida pola maioría como un dos principais problemas da nosa sociedade. O trasvase de políticos á empresa privada e viceversa (mesmo se cumplen coa actual Lei de incompatibilidades) facilita un retiro dourado aos políticos que deixan a primeira liña, mais tamén alimenta a sospeita de que o executivo e o lexislativo faciliten a actuación das empresas na defensa dos seus beneficios, deixando en segundo lugar o interese colectivo. Cada vez se coñecen máis casos de políticos que utilizan a estratexia do “cabalo de Troia”: acceden a cargos públicos para defender intereses privados. No terreo sanitario os exemplos son múltiples. Vexamos o perfil dalguns persoaxes que practican con habilidade o “revolving door”:

-Rocío Mosquera, actual conselleira de Sanidade, exerceu durante moitos anos un cargo directivo do grupo Nosa Terra, propietaria de Povisa. Nas negociacións con este grupo (para que cumpla os obxectivos asistenciais ou para a renovación do concerto particular) ten un grave conflicto de intereses que deberían  abondar para inhabilitala para o exercicio deste cargo. Cando foi nomeada conselleira tamén tivo que dar explicacións no Parlamento sobre o turbio nomeamento do seu marido para unha xefatura no CHUS, e sobre a presenza dunha filla na consultora PwC (que participou na adxudicación do hospital de Vigo).


-Manuel Martín Ferrer foi, durante varios anos, un alto cargo da Generalitat valenciana. A súa misión era supervisar desde a Administración á empresa Ribera Salud UTE (concesionaria da xestión do hospital de Alzira). En setembro de 2007 utilizou a porta xiratoria e pasou a ocupar o cargo de maior responsabilidade en dita compañía: director do departamento de saúde.

-Manuel Lamela estivo como conselleiro de Sanidade en Madrid desde 2003 a 2007. En 2005 tivo certa notoriedade mediática, despois de que denunciase aos médicos de Urxencias do hospital de Leganés, encabezados por Luís Montes, por realizar presuntas sedacións irregulares a pacientes en situación terminal. A xustiza doulle a razón ao doutor Montes e o seu equipo, despois dun longo xuizo, mais o dano feito ao prestixio do hospital e aos profesionais (que marcharon traballar noutros lugares) é xa irreparable. A caverna mediática utilizou este asunto de xeito cruel sinalando aos acusados como presuntos asesinos. Lamela tamén tivo que comparecer, imputado por denuncia falsa. Cando deixou o goberno da condesa Aguirre continuou colaborando co seu antiguo padriño, Rodrigo Rato, e ocupou un posto como conselleiro de Caja Madrid (grupo Bankia). Tamén creou  e situouse como presidente das sociedades Madrid Medical Destination SL , Madrid Ciudad de la Salud SA, e Madrid Centro Médico (MCM), que pretenden “potenciar o turismo sanitario de primeiro nivel”. Na presentación pública de MCM estivo acompañado por altos cargos da comunidade e do concello, institucións que apoiaron estes proxectos con créditos e subvencións.

-Juan José Güemes foi o sustituto de Lamela. Deixou o posto de conselleiro en 2010 e fichou pola escola de negocios IE. Este xoven licenciado en Económicas, formado nun colexio do Opus Dei, tivo unha carreira meteórica:  a primeiros dos anos noventa xa formaba parte do equipo de Rodrigo Rato. En 2003 a condesa Aguirre nomeouno Consejero de Empleo y Mujer, e seguidamente foi o máximo responsable da sanidade madrileña. Está casado, de segundas, con Andrea Fabra, a filla do cacique de Castellón (famoso pola súa fortuna no xogo da lotería e por construir aeroportos onde non aterran os avións). Esta diputada nacional do PP fíxose famosa por unha breve intervención parlamentaria: berrou desde o seu escano “que se jodan!!”, cando Mariano  Rajoy anunciaba recortes nas prestacións aos parados. Güemes sempre tivo boa vista para os negocios: coa súa primeira muller lucrouse do ladrillo pois o seu sogro era un afamado promotor inmobiliario. “Aproveche las oportunidades de negocio para su empresa”, decíalle aos empresarios na presentación do Plan de Infraestructuras Sanitarias de Madrid, en 2008. Él tamén aproveitou a súa. Antes de deixar a consellería privatizou os análises clínicos de Madrid. A empresa Unilabs, que se fixo co control deste servizo, polo que recibe unha elevada remuneración, nomeou conselleiro a Güemes. A publicación desta noticia, a primeiros de xaneiro, provocou un enorme alboroto mediático que o levou a deixar o seu recén estrenado cargo. Mais non debemos preocuparnos polo seu futuro: sigue presente en seis consellos de administración.

-Antonio Burgueño é, se cadra, menos coñecido que os anteriores, mais vén ser o paradigma do “cabalo de Troia”. Admirador da sanidade dos EEUU ten participado en numerosos debates. Chegou a afirmar que os médicos da sanidade pública só se adican á burocracia e tamén dixo que “el pago al médico por el paciente redundaría en un modelo más entrañable”. Este home duro é o principal ideólogo do plan sanitario de Madrid, que plantexa a privatización de seis hospitais e 27 centros de saúde. Agora é director xeral de hospitais da comunidade de Madrid, pero pasou máis de vinte anos como executivo en empresas sanitarias privadas. Como director asistencial de Adeslas puxo en marcha o hospital de Alzira. Asesorou a Capio na construcción do hospital de Valdemoro. O seu fillo é un alto cargo en Ribera Salud.

Ribera Salud e Capio son as empresas máis beneficiadas pola política de privatizacións sanitarias. Rivera Salud foi creada pola Generalitat valenciana en 1997 para dar respaldo financeiro ao hospital de Alzira. Hoxe é o primeiro operador de hospitais públicos por concesión, facturou en 2011 case catrocentos millóns de euros e todos os seus ingresos proceden de contratos coas comunidades de Madrid e Valencia. Capio Sanidad xestiona varios hospitais públicos e facturou 673 millóns de euros en 2011. O 75% desta cantidade procede das arcas públicas. Está controlada polo fondo de capital risco CVC con sede no paraíso fiscal de Luxemburgo.

Os expertos advirten do enorme risco de “captura do regulador”: estas empresas tan potentes chegan a ter tal influencia que poden someter á Administración, anular a súa función inspectora e convertila en defensora dos intereses da empresa dominante en vez de protexer o interés xeral. Hai un perigo certo de pasar do monopolio público ao oligopolio privado. Joaquín Estefanía advertía nun artigo: “privatizaron a banca pública, a enerxía pública e as telecomunicacións públicas, entre outros sectores estratéxicos. Agora queren facer o mesmo coa sanidade e a educación públicas ainda que o neguen". 

viernes, 7 de diciembre de 2012

A confianza básica


A relación entre as persoas e os grupos humanos baséase na confianza. É preciso garantir unha confianza básica mínima: saber que o outro non te engana, que non te vai traizoar. Os expertos en psicoloxía evolutiva (Erikson) definen a confianza básica como o sentimento de seguridada experimentado polo recén nacido cando é debidamente atendido polos pais, o que lle proporciona unha posición de esperanza e optimismo fronte á vida futura. 

Mais, nos tempos de hoxe, a confianza colectiva está moi debilitada. Cando se utiliza o poder político para mentir e danar aos cidadáns, cando os bancos deixan aos seus clientes á intemperie e cando nos enteramos das actuacións delictivas do xefe da patronal a desconfianza instálase na vida pública e provoca desesperanza e decepción da política. Nesta crise tan prolongada a dereita gobernante fala de reformas, modernización e austeridade (verbas con carga semántica positiva), cando o que practica son recortes, contrarreformas e retorno a un pasado inxusto.Non frean na destrucción de emprego, o aumento das desigualdades e a demolición do Estado de benestar. O reparto de sacrificios nesta crise está sendo moi desigual. Cada vez hai máis voces que reclaman unha rexeneración da vida pública para evitar a desafección democrática. Non teñen todos a mesma responsabilidade. Houbo quen vulnerou as regras do xogo. Se cadra é saudable lembrar alguns protagonistas.

1. “Hilillos de plastilina”. Hai dez anos Mariano Rajoy, vicepresidente do goberno de Aznar cando sucedeu a catástrofe do Prestige, pronunciou esta célebre frase: “hilillos de plastilina en estiramiento vertical” (lembremos tamén: “el destino del fuel en el fondo del mar es convertirse en adoquín”, de Fernández de Mesa). O verquido derramado polo ventre ferido do barco chegaba ás costas a toneladas, mais o portavoz do goberno pretendía silenciar a alarma con estas verbas mendaces. Mentres escoitaba esas afirmacións na radio do coche eu estaba en Arteixo vendo, desde o alto, o inmenso areal de Barrañán pintado de negro. A burla era evidente. Este mesmo home é, desde hai un ano, presidente do goberno de España. Reclamaba a confianza dos cidadáns para endereitar o rumbo da economía. Prometeu austeridade pero sen afectar aos elementos esenciais do Estado de benestar (sanidade, educación, servizos sociais, dependencia etc). Minteu: esas partidas sufriron recortes brutais que xeran situacións de deterioro e desatención nos servizos; mentres tanto empregou inxentes cantidades de diñeiro público para rescatar á banca da situación calamitosa provocada polos seus xestores.Asegurou que o cambio de goberno abondaría para recuperar a confianza dos mercados e endereitar a situación económica. Agora estamos perto dos seis millóns de parados e centos de miles de familias bordean os límites da pobreza. Pero él esixe máis sacrificios ao pobo, afirma que imos polo bo camiño e asegura que a recuperación vaise producir no 2014. Despois de tantos enganos non sei se merece a nosa confianza.

2. Á intemperie. Nos últimos catro anos perto de 400.000 familias foron expulsadas das súas casas. Unha antigua e inxusta lei hipotecaria permite aos bancos desafiuzar ás familias dos seus fogares e continuar co cobro das hipotecas. A desesperanza destas persoas é máis que evidente. O suicidio como “alegato” (Rosa Montero), foi a saída que atoparon algunhas persoas para esta situación límite. Un grupo de prestixiosos psiquiatras (entre os que figuran algúns colegas de Galicia) publicaron en Deia un excelente artigo no que sinalan que estes suicidios testimonian e pagan coa súa vida o ser víctimas da codicia do capital. Algunhas persoas só ven unha saída: “deixarlles o morto” ante a inhumana e brutal codicia especulativa que mata sen disparar.  O goberno propón unha moratoria de dous anos para as familias máis vulnerables. Esta medida non remedia nada, só aplaza a execución. Ángel Ron, presidente do Banco Popular, está preocupado: entende que esta medida pode premiar o impago e engadir dificultades á recuperación da economía. Amosa unha insensibilidade absoluta ante a dor allea; mais non ergueu a voz cando o goberno aprobou unha amnistía fiscal que permite “blanquear” diñeiro negro froito da fraude fiscal e de actividades delictivas.
Mentres os bancos seguen cos brutais desaloxos, deixando á intemperie miles de familias, o goberno plantexa darlle permiso de residencia aos estranxeiros que merquen un piso por un precio superior aos 160.000 euros. A medida vai dirixida, fundamentalmente, a compradores rusos e chineses. Pode ser unha boa forma de atraer ás mafias destes países, que atoparían aquí unha plataforma para as súas actividades e un modo excelente de lavar o diñeiro procedente do narcotráfico, da trata de brancas e do comercio ilegal de armas.

3. Díaz Ferrán. Este home, que foi durante anos o presidente dos empresarios, fixo oir a súa voz enérxica en numerosas ocasións; chegou a afirmar que “la mejor empresa pública es la que no existe”, queixouse de que “los aumentos salariales son perjudiciales para la economía”, e sentenciou que para sair da crise hai que “trabajar más y cobrar menos”. Tamén celebrou con entusiasmo a reforma laboral que abarata o despedimento e deixa aos traballadores na indefensión. 

Desde hai uns días o expresidente da CEOE durme no cárcere. Está acusado de blanqueo de diñeiro, de alzamento de bens e insolvencia punible pola quebra de Viajes Marsans. Arruinou empresas, despediu traballadores, deixou a máis de cinco mil persoas sen poder voar (Air Comet, 2009); debe máis de 400 millóns a empregados, clientes e provedores pero é un “arruinado” inmensamente rico. A xustiza non pode dispor do seu Rolls Royce, nin do iate, nin dos apartamentos mercados na mellor zona de Nova Iorke: todos estes bens están ocultos, pero baixo o seu control. Mentres bramaba contra dos sindicatos e despedía traballadores a súa actuación quedaba impune, pero unha denuncia presentada por catro potentes empresas (Meliá Hoteles, AC Hoteles, Pullmantur e Orizonia) remata cos seus ósos en prisión. Mesmo a xustiza semella selectiva á hora de actuar.