Nueva Tribuna
"Hai unha guerra de clases,
e estámola gañando os ricos" afirmou o inversionista e multimillonario
americano Warren Buffett. “Os ricos imos
gañando” (Deusto) é o título que elixiu o profesor Antón Losada para o seu último libro, no que nos advirte de que
estamos camiñando, a toda velocidade, cara un novo feudalismo. “Vén a España
neofeudal”, afirma no libro, no cal explica como os ricos converteron a crise nunha oportunidade para desmontar o Estado
de benestar que se logrou construír no mundo occidental nas últimas décadas.
Non é o primeiro autor que fala
do retorno ao feudalismo. O pensador francés Alain Minc publicou en 1993 un texto profético. No seu libro “A nova Idade Media” (Temas de hoy) xa advertía
sobre o crecemento de “zonas grises”, que se multiplican á marxe de toda
autoridade, desde a desorde rusa ata o deterioro das sociedades ricas polas
mafias e a corrupción, que nos devolven a unha nova Idade Media. E
preguntábase: Canto tempo ten que pasar aínda para que os europeos comprendan
que cambiaron un mundo cunha ameaza, pero sen riscos, por un universo sen
ameaza, pero con riscos”. Anunciaba esa nova Idade Media, co mundo “inmerso na
confusión, a desorde e o retorno ao tribalismo”.
Esta obra centrábase, sobre todo,
na análise histórica e ideolóxica, pero Joaquín
Estefania, nun libro do ano 2000, “O
poder no mundo” (Plaza y Janés) incidía no mesmo tema desde a óptica
económica. Afirmaba que a economía financeira substitúe á economía real, que os
donos da mundialización teñen un inmenso poderío, de tal forma que o poder dos
intermediarios privados eclipsa ao dos políticos electos. Entre eses
intermediarios privados figuran as mafias, infiltradas no empresariado con
moita intensidade. Advertía tamén este autor sobre a existencia dunha verdade mediática enfrontada á verdade real, e
sobre a crecente tendencia dos medios de comunicación para poñerse ao servizo
de intereses mercantís fronte ao dos seus propios clientes (lectores, oíntes,
telespectadores).
Nesta liña argumental incide
Antón Losada no seu libro “Os ricos imos
gañando”, no que, desde unha visión circular da historia, analiza “a
evolución das sociedades capitalistas modernas cara unha orientación
neomedieval”. Volvemos a un tempo antigo de criados e servos, de señores e
vasallos; a un mundo dominado por élites poderosas que expropian dos seus
dereitos a todos os demais converténdoos en súbditos. Advírtenos, tamén, que hoxe
o pensamento está patrocinado, e que os
donos do mundo son tamén os donos do relato. Eles constrúen e divulgan a súa
propia versión dos feitos. “O diñeiro, nos países ricos, patrocina ideas”
afirma Losada. Neste tempo de crise só se permite propagar a verdade
patrocinada: todo o demais, din os poderosos, é populismo ou demagoxia.
Este texto valente e oportuno
débenos animar para construír un relato alternativo que nos permita recuperar a
forza colectiva, o espazo da política como terreo de defensa da cidadanía.
Temos que ser capaces de axuntar forzas para facer fronte a este capitalismo
salvaxe que ameaza con devolvernos á época feudal.