Mostrando entradas con la etiqueta incendios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta incendios. Mostrar todas las entradas

martes, 1 de septiembre de 2015

Rematou agosto






Rematou agosto envolto na néboa. O verán foi caloroso, por veces, e con pouca chuvia. A terra secou e o millo quedou cativo. Houbo moitos incendios –o último, inmenso, en Cualedro-, e a xente veu chegar, unha vez máis, o lume á beira das portas. Desde mediados de mes, os días comezan a ser cada vez máis curtos, e o tempo xa non é de fiar. Agora leva varios días chovendo, cousa que celebra a xente do campo e lamentaban os numerosos visitantes que chegaron ata aquí. Xa se nota a humidade, e os caracois, desorientados, pasean polas beirarrúas. Desde a fiestra, ata hai poucos días iluminada polo sol, reflectido no mar do Orzan, xa non se ve o Torre de Hércules. O faro, invisible, brama con regularidade, para avisar aos barcos.

Nos primeiros días de agosto as cousas eran doutra maneira. Houbo sol e calor case abafante. A xente inundaba as praias da contorna. Nós viaxamos ata a península do Morrazo. Fixemos unha celebración importante: a nosa neta Antía fixo catro anos. Xa levaba uns días que nos avisaba: “Se non vos portades ben non vos convido ao meu cumple”. Fixemos o posible por asistir. Xuntámonos todos en Moaña e comemos peixe a fartar. A nena soprou as velas e cantámoslle a canción de rigor. Houbo agasallos, risos e xogos. 

Despois estivemos, pola tarde, nunha praia de Bueu. Esta parte do mundo é ben fermosa. Coa   illa de Ons enfronte, e Sanxenxo no outro lado da costa, agóchanse recunchos excelentes, praias de area fina bañadas por augas mansas. Antía estaba feliz e o seu irmán, Xian, anunciaba a quen quixese escoitalo, amosando tres dedos da man: “Eu fago tes en taneiro, eu fago tes en taneiro”. É moi destemido, demasiado, e non lle ten medo ao mar. Adéntrase nel sen pensalo. Houbo un momento que estivo, desde a beira, tirando puñados de area contra as ondas. “E ti que fas, Xian?”.Estou asustando ao mar”, contestou.


Este último domingo, cando saímos da Coruña, o vento sopraba con violencia, semellaba empeñado en arrancar as árbores da rúa de Manuel Azaña. Movía as ramas cunha forza imperial, e provocaba un remuíño de follas coma se estivésemos no outono. Fomos, outra vez, ver o mar, neste caso a Seiruga, á casa dos nosos amigos. A paella estaba excelente, os postres inapelables e a conversa, como sempre, amigable e divertida. Estivemos repasando historias deste verán que xa fenece. Falamos, tamén, dos nosos netos, e lembrei que aquel día de praia, cando xa nos íamos, o neno preguntou: “Mamá, e onde está a fonte do mar?”.

jueves, 12 de septiembre de 2013

Arde o Monte Pindo


En Praza Pública
En Galicia Hoxe


Foto: XM López Tuñas
O pasado domingo estivemos, cun grupo de amigos, na cima do Monte Pindo. Dende O Fieiro subimos ata Pena Moa. Era un día claro, cheo de luz. Alí estivemos un bo anaco, contemplando a inmensa beleza da costa -dende a praia de Carnota ata o faro de Fisterra- e o océano que se perde no infinito. Hoxe espertamos coa noticia de que o lume arrasa, baixando pola ladeira, dende O Ézaro –onde chega ata o mar- ata Caldebarcos, pasa perto das vivendas en Quilmas e Panchés, e deixa o territorio devastado. Os veciños estiveron toda a noite loitando contra o lume, defendendo as propias casas. (Tamén arde, dende onte, a miña terra natal de Negreira).

Foto: XM López Tuñas
A paisaxe que contemplamos hai pouco foi xa devorada polas lapas. Tardaremos moito tempo en recuperar a beleza daquel día. A “Asociación Monte Pindo” ven reclamando dende hai anos a declaración desta zona como Parque Natural, para conseguir unha maior protección  e promover medidas de desenvolvementos sustentable. Mais a Xunta de Galicia non soubo ver a prioridade da medida e non declarou ningun parque natural novo na última década. Agardemos que o dano causado agora non sexa irreparable.

Causa verdadeira tristura e desazón contemplar como, a pesar das numerosas advertencias e demandas, o abandono do monte en Galicia provoca que, ano tras ano, o lume arrase enormes extensións ante a inacción dos gobernantes. Hai anos, cando estaba na oposición, Núñez Feijóo fixo unha ridícula foto na que aparecía agarrado a unha mangueiriña. Agora sinala aos incendiarios como únicos causantes desta onda devastadora que está a queimar  a nosa xeografía. Pretende eludir a responsabilidade propia, a súa inacción ante o problema e a incompetencia do seu gabinete para desenvolver unha política forestal a longo prazo, que permita fixar a poboación no rural e recuperar o valor económico da terra e do monte. Semella que non lles importa ver a Galicia convertida nunha terra calcinada, donde as multinacionais da mineiría poidan actuar envelenando o territorio ata convertelo nun deserto inhabitable.  

O éxodo poboacional masivo, as terras de cultivo abandoadas e cubertas de maleza e os montes  convertidos en selvas impenetrables: estes son os elementos que  facilitan a extensión do lume e a actuación dos incendiarios. Ven de constituirse a “Asemblea Galega Contra o Lume” que, como primeira actuación pública, presentou tres mil sinaturas no rexistro da Xunta para demandar unha nova política forestal que reduza a vaga de incendios dos veráns. Recordan que en Galicia “co 7,7% da superficie forestal española, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada”. As políticas aplicadas ata o momento teñen demostrado a súa total ineficacia; a vixiancia policial e o endurecemento das medidas contra dos pirómanos non abondan. Este colectivo propón un decálogo de medidas para evitar danos irreversibles para a biodiversidade.


O responsable principal dos incendios é quen prende o lume. Mais toda a sociedade temos a responsabilidade, ante a Humanidade enteira, de protexer o noso territorio e a súa riqueza forestal e biolóxica. E as autoridades políticas teñen a responsabilidade máxima de impulsar políticas que permitan a protección e pervivencia do noso hábitat. Deles depende, de maneira principal, que deixemos aos nosos sucesores a herdanza dunha terra habitable e con futuro ou dun páramo calcinado e sulcado polo veleno inxectado polas minas na canle dos ríos. Cómpre actuar con dilixencia: cada ano que pasa as feridas fanse máis profundas.

domingo, 7 de abril de 2013

Cinco instantes dunha vida

En Praza Pública
En Galicia Confidencial


Son lo que son: simplemente unas fotos.  Así se explicou Núñez Feijóo hai uns días cando foron publicadas unha imaxes de 1995 nas que aparece fotografiado, en diversos momentos e situacións, á beira de Marcial Dorado, famoso delincuente que agora cumple condena por narcotráfico. 

Fotografía de Manuel Ferrol
Acerta. Non son máis que fotos. Pero a fotografía, que comezou como un oficio artesanal hai máis de cento cincuenta anos, converteuse nun dos  medios principais para documentar a nosa vida colectiva a persoal. A historia de España no século XX está relatada nas imaxes captadas por Publio López Mondéjar. As fotografías de Manuel Ferrol e Virxilio Vieitez reflexan con fidelidade a historia recente de Galicia. Ahí están, fixadas para sempre, as vidas dos nosos pais e os nosos avós. Non sería doado comprender o drama da emigración sen as imaxes que eles souberon capturar. 

As fotos persoais teñen tamén un grande valor documental. Agora, coas cámaras dixitais e os móbiles, é moi doado deixarse retratar. Pero ata hai ben pouco a xente só  facía fotos nos momentos importantes da vida: nos bautizos, nas bodas, nas festas familiares. Había que capturar o instante e fixalo para sempre. Podemos facer un relato das nosas vidas a través desas imaxes:  o grupo familiar, as amizades, as viaxes, as celebracións. Se cadra hai algunha imaxe á que nos gustaría renunciar, mais xa non é posible.

En política é moi importante a imaxe. Os asesores aconsellan aos líderes para que ofrezan sempre o mellor perfil. As aparicións públicas son preparadas como unha montaxe teatral. Mais, con todo, tamén se pode construir o relato dunha traxectoria pública a través das fotografías. Debuxan con bastante exactitude a forma de actuar, a maneira de entender a vida e o exercicio da política. Podemos facer un exercicio práctico con cinco fotografías de Alberto Núñez Feijóo,  actual presidente da Xunta.   

1. Interino. En 1988, tres anos despois de comezar a traballar como interino na Xunta, presentouse ás eleccións sindicais por Afica (Agrupación de funcionarios interinos e contratados administrativos). Foi delegado sindical ata o ano 1991, cando comezou a súa carreira política, apoiado por Romay Beccaría, que o nomeou secretario xeral da Consellería de Agricultura. Aquel mozo sindicalista de 27 anos (que aparece nunha foto da época con Carlos Negreira e outros compañeiros) organizou folgas e protestas para reclamar “o acceso á función pública de todos os funcionarios interinos e contratados administrativos, asegurando en todo caso a estabilidade no posto de traballo”. En resumo, como xa dixemos noutra ocasión , Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos. Agora, lonxe dos seus tempos reivindicativos, utiliza o poder como presidente da Xunta para aplicar severos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais, para reducir os salarios e precarizar as condicións de traballo dos funcionarios ao tempo que fomenta o desprestixio dos servizos públicos.


2. Viaxes e festas. En 1995, cando xa era o número dous da Consellería de Sanidade, deixouse fotografiar, en amistosa compañía,  a bordo do iate Oratus, propiedade de Marcial Dorado, un coñecido contrabandista que levaba un tren de vida moi por enriba das posibilidades dos seus veciños honrados. O barco foi intervido en 2009 por Aduanas, despois dunha operación por blanqueo de diñeiro, e o seu propietario está no cárcere. Segundo a prensa tamén viaxaron xuntos a Cascais, a Ibiza e a un lugar onde había neve (“Creo que no fuí a Andorra; creo que no, lo que sé es que había nieve, parece ser que eran los Picos de Europa”, dixo en público). Parece ser que tamén participou en festas no chalé do traficante.  Agora xa non viaxan xuntos.  Agora o presidente da Xunta vai con frecuencia  a Salvador de Bahía (Brasil) onde, segundo afirma, pensa retirarse cando se xubile. Cando se fixeron estas fotos, que agora saen á luz, as nais de Arousa levaban anos loitando contra os delincuentes que vendían a droga que mataba aos seus fillos. Núñez Feijóo, con altas responsabilidades en Sanidade, facía viaxes de lecer cun deles.


3. Os incendios.  No verán de 2006 déronse en Galicia unhas condicións extremas de calor e vento que provocaron unha tremenda onda de incendios. O conselleiro Suárez Canal, recén chegado ao posto, pasou moitas noites sen durmir. As brigadas traballaron incansábeis para combater o lume, que saltaba dun lugar noutro como se non fose rematar nunca. Moita xente veu chegar as lapas á beira das súas casas. Vivíronse momentos de angustia. Núñez Feijóo, que daquela estaba na oposición, fixo unha foto na que aparecía, de branco inmaculado, agarrado a unha mangueiriña, simulando atallar o lume. Durante o seu mandato a política forestal non mellorou e recibiu numerosas críticas dos traballadores, dos grupos ecoloxistas e da oposición. En 2010 houbo outra extensa onda de incendios. A Xunta optou pola ocultación de datos e só informaba dos lumes de grandes dimensións, pero non puido ocultar a morte de dous homes nun incendio en Fornelos.  Hai un ano houbo un pavoroso incendio nas fragas do Eume e os expertos sinalaron que era consecuencia da falta de planificación da política forestal.  Un ano despois nada mudou:  as fragas seguen expostas ao mesmo risco de arder.  A Xunta ten, polo momento, un grande aliado: a chuvia que non cesa desde hai sete meses.  Mais cando veñan  a calor e o vento non vai chegar a nada a mangueira.


4. No Vaticano. A primeiros de 2010 Núñez Feijóo visitou ao Papa de Roma. Foi acompañado polo arzobispo de Santiago e pola súa suposta compañeira sentimental, a xornalista Carmen “Chiny” Gámir. O visitante deixou facer numerosas fotografías do momento. En moitas delas aparece “Chiny” cunha cruz sobre o peito. Na actualidade xa non hai tal relación; a parella rompeu e ela  vive en Madrid, onde exerce como xefa de prensa da secretaria de Estado de Presupostos (Marta Fernández Currás, antes Conselleira de Facenda en Galicia). Neste tempo en que resulta  tan difícil atopar traballo non deixa de sorprender que haxa persoas que o consigan con tanta facilidade. 



5. Banqueiros. A mediados de 2010 Núñez Feijóo promoveu reunións e encontros cos principais dirixentes das Caixas galegas. Gayoso e Méndez, máximos dirixentes de Caixanova e Caixa Galicia durante décadas, accederon á petición do presidente da Xunta e iniciaron o proceso de fusión. Saíron nas portadas dos xornais co sorriso nos beizos. Todos sabemos o que pasou despois. Novacaixagalicia transformouse en banco, que tivo que ser rescatado con diñeiro público. Galicia quedou sen Caixas de Aforros e sen a súa obra social, os responsables do desastre deixaron os cargos con indemnización multimillonarias, e milleiros de persoas estafadas polo fraude masivo das participacións preferentes recorren Galicia e perden a paciencia reclamando xustiza. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, considera que este é o maior frande da historia de Galicia e que a grande maioría dos afectados foron enganados polas entidades comercializadoras. Mais agora o presidente non ten tempo para recibir aos afectados.

martes, 15 de marzo de 2011

Arde Galicia

Sendo eu un rapaz houbo un incendio nos montes de Lañas. Era ao comezo da tarde dun feroz día de agosto e mobilizouse deseguida toda a parroquia, que foi quen de rematar co lume antes da caída da noite. Os medios eran rudimentarios pero a entrega da xente era total. Daquela o monte era unha fonte de riqueza e había que coidalo. Agora perdeu o seu valor económico e está abandonado, cos toxos e a maleza medrando coma árbores e converténdose en zonas impenetrables. Hai poucas explotacións forestais que estean debidamente atendidas. A xente do campo vive de costas ao monte que, de ser fonte de aprovisionamento imprescindible, pasou a converterse nun problema.
Cando vén un verán seco e caloroso e empeza a soprar o vento con forza, o risco de incendio é unha ameaza constante. Non é un fenómeno exclusivo de Galicia (Australia, Kenya, Portugal e, recentemente, Rusia foron afectadas por lumes de extraordinarias dimensións) pero, segundo Greenpeace, Galicia encabeza ano tras ano as cifras de incendios de España: arredor do 50% do total.
En tempos recentes falábase de tramas organizadas, e mesmo de escuras implicacións políticas. O actual presidente fixo no ano 2006 unha foto, de branco inmaculado e agarrado a unha mangueiriña, e lanzou tremendas acusacións contra o goberno de progreso, mentres o conselleiro Suárez Canal pasaba noites enteiras sen durmir tentando coordinar as actuacións para dominar os centos de lumes que asolaban a nosa terra. Tamén no 2005, cando o pavoroso incendio de Guadalaxara provocou once mortos, o PP estatal sinalou a ZP como presunto pirómano.
Neste verán, o Goberno galego optou pola ocultación (só se informaba dos lumes de grandes dimensións) ata que ocorreu unha desgraza: dous homes acaban de morrer no intento de apagar un incendio en Fornelos. É probable que a partir de agora a información circule con máis transparencia. Iso, polo menos, é o que aconsellan os expertos. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, presentou recentemente un excelente informe sobre os incendios, as súas causas e consecuencias, e afirmou que se aconsella informar sobre estes sen xerar alarma inxustificada. Non é o tempo agora de facer un uso partidario dos lumes e dos mortos. É o momento de actuar con sentido de país para poñer as bases dunha política forestal que reduza ao máximo o risco de incendios no inmediato futuro.