En Praza Pública
En Galicia Hoxe
| Foto: XM López Tuñas |
O pasado domingo estivemos, cun
grupo de amigos, na cima do Monte Pindo. Dende O Fieiro subimos ata Pena Moa. Era un día claro, cheo de
luz. Alí estivemos un bo anaco, contemplando a inmensa beleza da costa -dende a
praia de Carnota ata o faro de Fisterra- e o océano que se perde no infinito.
Hoxe espertamos coa noticia de que o lume arrasa, baixando pola ladeira, dende
O Ézaro –onde chega ata o mar- ata Caldebarcos, pasa perto das vivendas en
Quilmas e Panchés, e deixa o territorio devastado. Os veciños estiveron toda a
noite loitando contra o lume, defendendo as propias casas. (Tamén arde, dende
onte, a miña terra natal de Negreira).
![]() |
| Foto: XM López Tuñas |
A paisaxe que contemplamos hai pouco
foi xa devorada polas lapas. Tardaremos moito tempo en recuperar a beleza
daquel día. A “Asociación Monte Pindo”
ven reclamando dende hai anos a declaración desta zona como Parque Natural,
para conseguir unha maior protección e
promover medidas de desenvolvementos sustentable. Mais a Xunta de Galicia non soubo
ver a prioridade da medida e non declarou ningun parque natural novo na última
década. Agardemos que o dano causado agora non sexa irreparable.
Causa verdadeira tristura e
desazón contemplar como, a pesar das numerosas advertencias e demandas, o
abandono do monte en Galicia provoca que, ano tras ano, o lume arrase enormes
extensións ante a inacción dos gobernantes. Hai anos, cando estaba na
oposición, Núñez Feijóo fixo unha ridícula foto na que aparecía agarrado a unha
mangueiriña.
Agora sinala aos incendiarios como únicos causantes desta onda devastadora que
está a queimar a nosa xeografía.
Pretende eludir a responsabilidade propia, a súa inacción ante o problema e a
incompetencia do seu gabinete para desenvolver unha política forestal a longo
prazo, que permita fixar a poboación no rural e recuperar o valor económico da
terra e do monte. Semella que non lles importa ver a Galicia convertida nunha
terra calcinada, donde as multinacionais da mineiría poidan actuar envelenando
o territorio ata convertelo nun deserto inhabitable.
O éxodo poboacional masivo, as
terras de cultivo abandoadas e cubertas de maleza e os montes convertidos en selvas impenetrables: estes son
os elementos que facilitan a extensión
do lume e a actuación dos incendiarios. Ven de constituirse a “Asemblea Galega Contra o Lume” que,
como primeira actuación pública, presentou tres mil sinaturas no rexistro da
Xunta para demandar unha nova política forestal que reduza a vaga de incendios
dos veráns. Recordan que en Galicia “co 7,7% da superficie forestal española,
acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal
afectada”. As políticas aplicadas ata o momento teñen demostrado a súa total
ineficacia; a vixiancia policial e o endurecemento das medidas contra dos
pirómanos non abondan. Este colectivo propón un decálogo de medidas para evitar
danos irreversibles para a biodiversidade.
O responsable principal dos
incendios é quen prende o lume. Mais toda a sociedade temos a responsabilidade,
ante a Humanidade enteira, de protexer o noso territorio e a súa riqueza
forestal e biolóxica. E as autoridades políticas teñen a responsabilidade máxima de impulsar políticas que permitan a protección
e pervivencia do noso hábitat. Deles depende, de maneira principal, que
deixemos aos nosos sucesores a herdanza dunha terra habitable e con futuro ou dun
páramo calcinado e sulcado polo veleno inxectado polas minas na canle dos ríos.
Cómpre actuar con dilixencia: cada ano que pasa as feridas fanse máis
profundas.

